Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Empregamos cookies propias (de sesión, de personalización, de preferencias) para mellorar a experiencia do usuario a través do sitio web e cookies de terceiros xeradas por servizos ou provedores externos ao sitio web, que recollen datos estatísticos, de uso, gustos dos usuarios, etc. Ao aceptar todas as cookies, dá o seu consentimento expreso para que as cookies propias e de terceiros sexan rexistradas e utilizadas. Ao rexeitar as cookies, acepta que só se usarán as súas propias cookies para mellorar a experiencia do usuario. Podes obter máis información, ou saber como cambiar a configuración, na nosa páxina Normas de uso

EidusCoruña

  • Inicio
  • Preguntas frecuentes (FAQ)

Preguntas frecuentes (FAQ)

Nesta sección de Preguntas frecuentes (ou FAQ, as siglas da expresión inglesa Frequently Asked Questions) intentaremos resolver dunha maneira concisa e sinxela aquelas preguntas máis frecuentes que nos poidan presentar as persoas interesadas neste tema.

A medida que recibamos consultas sobre esta web e o seu contido, iremos actualizando esta sección para mellorar a claridade dos conceptos utilizados e para ofrecer respostas claras ás dúbidas máis habituais.

É necesaria unha "estratexia" para a cidade?

O propósito dunha "estratexia de cidade" é transformar a área urbana nun espazo de maior calidade urbana, equilibrado económica e socialmente, inclusivo e integrador, respectando a diversidade, ambientalmente sustentable e cunha marcada igualdade en materia de xénero.

A través do proxecto EidusCoruña, o Concello da Coruña quere executar unha estratexia global de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado (DUSI) cunha visión a longo prazo do modelo de cidade que se quere. Con ela pretende dar resposta dun modo coherente e equilibrado aos problemas da cidade a través de liñas de actuación concretas.

Cando se aprobou a actual Estratexia EidusCoruña?

O 12 de decembro de 2016. O proxecto final que se presentou á 2ª convocatoria de estratexias DUSI financiadas polos fondos FEDER aprobouno o Pleno municipal do 12 de decembro de 2016 en sesión ordinaria e por unanimidade, e ratificouse previamente por acordo da Xunta de Goberno Local da mesma data , en sesión extraordinaria e urxente. Finalmente, a concesión defintiva dos 15 millóns de euros dos fondos FEDER publicouse no BOE do 25 de xullo de 2017.

Que é unha Liña de Actuación?

Son actuacións concretas encamiñadas a resolver os problemas do municipio.

As liñas de actuación (LA) abordan a maioría dos asuntos relevantes para a cidade, como son a protección do medio ambiente, a xeración de espazos de alto valor urbano para a cidadanía, o aproveitamento de propiedades públicas en desuso, o turismo, o ciclo integral da auga, a transformación do modelo de mobilidade da cidade de cara a un carácter eco-eficiente, a rehabilitación e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas e privadas, a accesibilidade, o emprego, o impulso da economía da cidade e o seu comercio local, o fomento do emprendemento, o reforzo de políticas sociais orientadas a colectivos vulnerables etc.

Que é unha "operación" nunha DUSI?

As "operacións" son unha actuación (ou conxunto de actuacións), intervencións ou un conxunto de accións articuladas que, de forma coherente, contribúen á consecución dos obxectivos estratéxicos establecidos para a cidade ou área urbana sobre a que se actúa.

É a plasmación práctica daquelas políticas públicas que desenvolven e permiten implementar un determinado "modelo de cidade" de forma integrada e sustentable.

Que é unha "expresión de interese" nunha DUSI?

Unha "expresión de interese" fai referencia ás actuacións que se realizarán na Coruña dentro do proxecto EidusCoruña e financiadas polos fondos FEDER.

A súa convocatoria aseméllase á formalización dunha convocatoria de subvencións dirixida a aquelas áreas de xestión municipal que dispoñan de capacidade para levalas a cabo e mostren o seu interese para executalas. As Unidades Executoras (UUEE) interesadas teñen a obriga de presentar unha "solicitude de expresión de interese".

Con esta convocatoria iníciase o procedemento de avaliación, selección e aprobación de operacións que conforman a estratexia, baixo os principios xerais de transparencia, concorrencia e non discriminación.

Esas convocatorias están abertas á cidadanía, asociacións, empresas e outras persoas interesadas en xeral?

Non. É unha convocatoria que se abre ás distintas concellerías, áreas ou servizos do propio concello para que presenten as súas propostas de actuación mediante a execución de operacións concretas que cubran os obxectivos na propia estratexia.

Para garantir o principio de transparencia de toda actuación pública con repercusións na vida diaria da cidadanía, a súa convocatoria, solicitude, concesión ou denegación, publícase a través da web específica de EidusCoruña para o seguimento da súa execución por todas aquelas persoas interesadas.

Que prazos teño para presentar unha solicitude de "Expresión de interese"?

Non hai prazos. Desde que se abre e publica a convocatoria, esta permanece aberta ata a finalización do programa operativo europeo e o seu período de aplicación, neste caso, ata o 31 de decembro de 2023, tendo en conta que calquera operación exposta debe estar totalmente executada e cerrada (mesmo materialmente aboada) antes da dita data.

Que é un DECA?

DECA é o acrónimo de Documento que Establece as Condicións da Axuda.

É un documento no que se establecen as condicións de cada axuda FEDER que recibe un beneficiario para unha determinada operación. É un nome específico para un trámite moi similar a outros xa existentes. Por exemplo:

  • Nas axudas é a resolución de concesión
  • Nos convenios é o propio convenio
  • Nos instrumentos financeiros é o acordo de financiamento

O Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo establece no art. 125.3.c que se entregue un DECA ao solicitante por cada operación da que vaia ser beneficiario.

Que é un Plan de implementación?

É unha parte da Estratexia EidusCoruña.

O goberno municipal, co conforme das outras administracións implicadas tanto estatais como europeas, decide que actuacións quere que cofinancie a Unión Europea a través dos seus Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (máis coñecidos como fondos FEDER) nun 80%. Iso supón por tanto, un control de execución e financeiro moi exhaustivo, así como o cumprimento da posta en marcha de determinadas liñas de actuación.

Canto vai gastar o Concello na aplicación desta estratexia?

A estratexia global supón un desembolso total de 52.100.000 € para o período 2017-2023. Esta cantidade divídese en:

  • Plan de Implementación, que supoñen 18.750.000 € dos cales Europa financia a través dos seus fondos FEDER un 80% (15 millóns de euros) e o 20% restante asúmeos o concello, é dicir, 3.750.000 €.

  • O resto da Estratexia EidusCoruña asúmea o Concello na súa totalidade e ascende a 33.350.000 €.

O total de gasto executado exclusivamente polo Concello será, por tanto, de 37.100.000 €.

Que parte financia a Unión Europea? Que importe supón?

A Unión Europea financia o 80% do Plan de Implementación da entidade a través dos seus Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, máis coñecidos como fondos FEDER. No caso do Concello da Coruña esa porcentaxe supón 15 millóns de euros.

Que che parece esta sección?

-105-105-105

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

?

Iniciar sesión