Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de outubro de 2017

A documentación para optar á oferta formativa, que abrangue ámbitos como a pintura decorativa, a soldadura, a eficiencia enerxética ou a condución profesional, poderá presentarse ata o 27 de outubro

O Concello abre este venres o prazo de solicitude para a terceira convocatoria dos cursos de formación para o emprego de 2017

A idade, o tempo de desemprego ou que a persoa sexa beneficiaria da Renda Social Municipal ou de programas de orientación laboral serán algúns dos indicadores que se terán en conta para a selección

A Concellería de Emprego e Economía Social vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para participar na terceira convocatoria do ano 2017 dos cursos de formación para o emprego, á que poden optar todas aquelas persoas que se atopen en situación de desemprego, ou que desexen mellorar a súa situación laboral, e que residan no municipio coruñés. Os nove cursos deste prazo, que se impartirán desde o mes de decembro,  e que van desde as 30 até as 756 horas, abranguen disciplinas como a soldadura con electrodo revestido e TIG, a pintura decorativa, a programación de máquinas de control numérico computarizado (CNC)-metal, a aplicación de normas e condicións hixiénico sanitarias en restauración, ou actividades auxiliares en viveiros e centros de xardinaría. A oferta, que se prolongará, nalgúns casos, até os meses de maio e xuño, tamén inclúe un curso de formación de uso de máquinas elevadoras de carga-carretilla e elevadoras de persoas e plataformas; outro de especialización como persoal técnico de enerxías renovables e eficiencia enerxética de edificios; ou de persoal operario de almacén. Por último, a convocatoria inclúe unha formación para a renovación da certificación de aptitude profesional (CAP) para a condución profesional, cuxo único requisito para o seu acceso --ademais de superar, como en todos os casos, a entrevista previa--, será posuír a licenza para conducir vehículos de clase C ou D en vigor.

As persoas interesadas en recibir calquera dos nove cursos de formación poderán presentar as súas solicitudes ata o 27 de outubro, a través dos rexistros municipais de María Pita, Fórum Metropolitano, Ágora ou Centro Cívico de Mesoiro. A documentación incluirá unha fotocopia do DNI; o informe de vida laboral, tarxeta de demandante ou de mellora de emprego, ou copia do contracto actual; así como un curriculum vitae breve. O 6 de novembro, ás 15.00 horas, daranse a coñecer na web www.coruna.gal/emprego, no Centro Municipal de Emprego dos Rosales, e a través do teléfono de atención cidadá 010 as citas para as entrevistas de selección, que se celebrarán, en horario de mañá, desde o 8 ao 24 de novembro --aquelas persoas que non se presenten á entrevista na data sinalada, renunciarán automaticamente a súa solicitude--. Finalmente, a listaxe de admitidas publicarase o venres 29 de novembro a través das canles anteriormente nomeadas.  

A todas aquelas persoas que se presenten á convocatoria, na selección aplicaráselles un baremo que contempla diversos datos, entre outros, os seguintes: idade, tempo de desemprego, experiencia laboral ou condición de beneficiaria de programas de orientación laboral ou da Renda Social Municipal. Todos os indicadores valoraranse, previa acreditación da documentación correspondente. As persoas interesadas en presentar ou formalizar a súa solicitude poden obter máis información no Centro Municipal de Emprego dos Rosales (981.184.399), no teléfono 010 e na web www.coruna.gal/emprego.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión