Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de abril de 2018

O Goberno local convocará o primeiro concurso de traslados no Concello nunha década

A concelleira Eugenia Vieito reuniuse esta mañá con representantes dos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación, que acordou por unanimidade recuperar o dereito á semana de vacacións por antigüidade, “algo que é posible agora grazas á cancelación do Plan de Axuste realizada o pasado ano por este goberno local e ao cumprimento dos criterios de estabilidade orzamentaria”

A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, participou esta mañá na Mesa Xeral de Negociación coas persoas delegadas das organizacións sindicais con representación no Concello, "unha xuntanza na que se aprobaron as bases permanentes para a realización dos concursos de traslado do persoal funcionario nos próximos anos e que se empregarán na convocatoria do primeiro concurso de traslados posto en marcha no Concello desde fai unha década", como avanzou a edil. Ademais, a mesa acordou por unanimidade a recuperación da semana de días libres por antigüidade, así como a previsión da obrigatoriedade de cursos en materia de igualdade e de prevención de riscos no plan de formación do Concello, para garantir que todo o persoal reciba formación básica neses eidos.

A concelleira de Facenda explicou que "as novas bases para os concursos de traslados, que foron negociadas cos sindicatos, contan con visión de futuro, de maneira que teñan un longo percorrido e poidan empregarse nos próximos anos". A Mesa aceptou a proposta, despois de examinar ás últimas alegacións formuladas polos sindicatos, co voto favorable de CSIF, UXT e CC OO e o voto en contra da CIG. Vieito avanzou ás representacións sindicais que as bases serán aprobadas en breve pola Xunta de Goberno local para ser utilizadas xa na convocatoria dun concurso de traslados dirixido a persoal funcionario pertencente aos grupos AP e C2.

Entre os asuntos tratados na Mesa Xeral de Negociación, a edil destacou a aprobación por unanimidade da recuperación da semana de antigüidade que fora suspendida no anterior mandato con motivo da aplicación do decreto de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade. "Avánzase deste xeito na recuperación dos dereitos laborais do persoal municipal que no seu día foron suspendidos ou minorados, como consecuencia das políticas de austeridade aprobadas polo Goberno do Estado", apuntou Vieito, que explicou que este restablecemento "é posible agora grazas á cancelación do Plan de Axuste do Concello levada a cabo no pasado ano, ao cumprimento de todos os criterios de estabilidade orzamentaria e límites de endebedamento na liquidación do exercicio 2017". Así, o persoal do Concello que cumprira os sete anos de servizo durante o período de suspensión deste dereito poderá agora dispoñer dunha semana de vacacións entre os exercicios 2018 e 2019, sempre de xeito compatible coas necesidades do servizo. Para a entrada en vigor desta recuperación, é preciso que se aprobe en  Xunta de Goberno local e se redacte a correspondente instrución por parte da Concellería de Facenda e Administración. Tamén foi acordado por unanimidade que os cursos de formación de nivel básico de prevención de riscos laborais e en materia de igualdade incluídos no Plan de Formación do persoal teñan carácter obrigatorio.

Por último, abordou a negociación e o traballo de estudo de propostas para a elaboración dun acordo marco que regule a xornada laboral e o desenvolvemento de medidas e permisos en materia de conciliación, así como a regulación doutras materias das contempladas dentro do II Acordo Goberno-Sindicatos para a mellora do emprego público e as condicións de traballo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión