Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xaneiro de 2018

O goberno local pon en marcha o programa ‘Coruña Emprego Xove’, no que participarán máis de 160 persoas menores de 30 anos

O proxecto, aberto a novas incorporacións, pretende a integración sustentable da mocidade no mercado laboral e promover a reincorporación no sistema educativo formal

A Concellería de Emprego e Economía Social, área dirixida por Alberto Lema, vén de poñer en marcha o programa Coruña Emprego Xove, unha proposta impulsada polo goberno municipal e que ten como finalidade capacitar a mozas e mozos que están a piques de rematar a súa etapa formativa para facilitar a súa insercion laboral. A iniciativa, cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil,  diríxese a persoas desempregadas menores de 30 anos que non estean inscritas na educación regrada nin formación ocupacional, que realizarán, ao longo deste 2018, diferentes itinerarios integrados de inserción laboral. O obxectivo é favorecer "a integración sustentable no mercado laboral a través do acompañamento, así como de orientar a súa cualificación profesional cara a sectores moi demandados no mercado laboral", sinala Lema, quen lembra que o programa promove tamén o retorno á educación formal. "Coruña Emprego Xove dotará ás usuarias e usuarios de ferramentas tranversais e dunha educación básica previa que lles permitirá abordar, con forma existosa, o desempeño dunha profesión", afirma o concelleiro.

O programa ofertará, para este 2018, 162 prazas en itinerarios formativos en sectores de actividade económica "nos que se están a producir contratacións, como son o comercio, a hostalería ou a limpeza", expón o edil. Os itinerarios, cuxas primeiras actividades comezarán no vindeiro mes de febreiro, terán unha duración total de entre catro e seis meses, en función da especialidade, e incluirán actividades formativas e prácticas en empresa. "Durante todo o proceso os servizos municipais realizarán unha titorización personalidade e intermediación laboral, dirixida a facilitar ás e aos participantes o seu acceso a ofertas de emprego de calidade", salienta Lema.

Os itinerarios contemplan tamén unha formación de apoio para a obtención do graduado en ESO e módulos de formación en diversas competencias, "o que ofrece unha segunda oportunidade para todas aquelas mozas e mozos que, por diferentes motivos, tiveran que rematar a súa etapa formativa antes de tempo. Agora poderán conseguir unha cualificación á que non puideron optar no seu momento", apunta o responsable municipal de Emprego. Os servizos municipais do Concello están a traballar no proceso de incorporación de persoas beneficiarias da iniciativa, a través de sesións informativas, entrevistas de orientación laboral e accións previas de mellora de empregabilidade. Para máis información sobre as posibilidades de incorporación ao programa, pódese chamar ao Centro Municipal de Emprego, no teléfono 981.184.399, ou solicitar información, de xeito presencial, coas orientadoras laborais do proxecto no propio equipamento, en horario de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión