Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de abril de 2017

A Concellería de Xustiza Social abre este luns o prazo de inscrición do programa Acoreuropa VI, que permite a estudantes de FP facer prácticas laborais no estranxeiro

Un total de 25 mozos e mozas titulados en ciclos medios poderán realizar prácticas formativas de tres meses en empresas de Irlanda, Italia, Portugal, Austria e Francia nesta convocatoria das bolsas

A Concellería de Xustiza Social e Coidados -que ten as competencias municipais na área de Educación- abre mañá, luns, o prazo para a inscrición para optar ás Bolsas Europa FP-Proxecto Acoreuropa VI, un programa educativo que o Concello desenvolve en colaboración do SEPIE -o Servizo Español para a Internacionalización da Educación, dependente do Ministerio de Educación- para promover que estudantes de títulos medios de Formación Profesional poidan realizar prácticas laborais durante tres meses en empresas de distintos países europeos. Nesta primeira convocatoria da sexta edición, o programa permitirá a 25 mozos e mozas tituladas de ciclos medios de FP facer prácticas formativas en empresas de Irlanda, Italia, Portugal, Austria e Francia, distribuídas en 7 prazas en Florencia (Italia), 8 en Lisboa (Portugal), 5 bolsas en Cork (Irlanda), 3 en Viena (Austria) e 2 en Burdeos (Francia).

A inscrición abrirase desde este luns, día 3, ata o 28 de abril, na web educativa do Concello (www.edu.coruna.es), onde poderá realizarse a través dunha ficha específica, coa posterior presentación da documentación exisida nos rexistros municipais. O proceso de selección dos e das participantes se desenvolverá durante os meses de abril a xuño, de xeito que as persoas beneficiarias poderán facer as súas prácticas formativas durante os meses de setembro a decembro deste 2017.

Para poder participar, as e os candidatos teñen que obter o título do seu ciclo de FP nalgún dos centros públicos do municipio que participan como socios no programa, como son o CIFP Anxel Casal, CIFP Paseo das Pontes, CIF Someso, IES A Sardiñeira, IES Calvo Sotelo, IES Fernando Wirtz, IES Ramón Menéndez Pidal, IES Urbano Lugrís, CPR Cruz Vermella, CPR Grande Obra de Atocha e CPR Liceo La Paz. Para facer a selección, a Comisión de Valoración  terá en conta as cualificacións obtidas nos estudos de FP das persoas solicitantes, así como a súa competencia lingüística de idiomas estranxeiros, a valoración que faga o centro e o resultado dunha entrevista persoal realizada pola propia Comisión, na que estarán representados o Concello e os centros docentes socios do programa.

As bolsas inclúen todos os gastos, desde as viaxes de ida e volta, o aloxamento, un seguro de accidentes e sanitario; ademais, as persoas participantes recibirán unha cantidade económica para a súa manutención e estadía. A súa contía estimada oscila entre os máis de 1.100 euros nos casos de Francia e Irlanda, e os 850 euros no caso de Portugal. O Concello tamén asume a xestión do programa: organización das viaxes e busca de aloxamentos e das empresas de prácticas, e igualmente encárgase da da tramitación da documentación ante o SEPIE.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión