Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de novembro de 2017

O alcalde asina con 25 entidades da cidade o acordo marco do Pacto Local polo Emprego, que promove a inserción laboral e a coordinación de políticas activas para o fomento da actividade económica

“Este convenio establece uns compromisos de traballo coordinado entre administración local e entidades de cara a impulsar novas accións para a promoción do emprego”, avanzou o rexedor

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou hoxe con 25 entidades do tecido empresarial e social da cidade o acordo marco que establece as bases do Pacto Local polo Emprego. Foi nun acto en María Pita no que, ademais do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, participaron os e as representantes das asociacións participantes nesta iniciativa, que busca "promover a mellora da empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego do Concello da Coruña". Tanto a administración local como as institucións e asociacións que firmaron este Pacto comprométense non só a favorecer un traballo en rede e coordinado co obxectivo de fomentar a actividade económica e, por tanto, a contratación, senón tamén a facilitar o cumprimento do Plan Municipal de Emprego, artellado de forma participada entre o goberno local e os principais actores implicados no sector.

Ademais do propio Concello, o resto de entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego son a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL), Arquitectura sen Fronteiras, Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), Asociación Down Coruña, Asociación de Empresarias da Coruña, Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), Asociación de Jóvenes Empresarios da Provincia da Coruña (AJE), Asociación de Traballadores por conta propia de Galicia (ATA-Galicia), Cámara de Comercio da Coruña, Cáritas interparroquial da Coruña, CCOO, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Cooperativas Espazocoop, Cruz Vermella na Coruña, Ecos do Sur, Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES), Fundación Juan Soñador, Fundación Juana de Vega, Fundación Mujeres, Fundación Ronsel, Fundación Secretariado Xitano, Fundación Universidade da Coruña (FUAC), UGT e Universidade da Coruña (UDC).

Tal e como explicou o alcalde "este pacto, ao que poden adherirse progresivamente máis entidades, trata de establecer uns compromisos de traballo coordinado tanto entre Concello como asociacións vinculadas coa inserción laboral e a empregabilidade". Así, o Concello, como entidade promotora, ten a encomenda de dirixir e liderar a coordinación global do pacto, convocando tanto as comisións como as mesas temáticas de debate. Ademais, funcionará como administración interlocutora entre as entidades sociais firmantes do pacto para todo o que teña que ver coa execución, a xustificación e a certificación das medidas e accións do Plan Municipal de Emprego desenvolvidas con financiamento municipal. Por outro lado, tamén se encargará de fomentar a creación de redes de intercambio metodolóxico e técnico entre as entidades sociais. "Esta nova ampliación do Pacto Local polo Emprego serve para artellar as ferramentas necesarias para que as nosas políticas sexan participadas polo sector que está implicado neste ámbito, e que todos e todas poidamos contribuír a que esta cidade sexa o que é, o motor económico de Galicia, e se consolide esa tendencia que levamos, de redución dos índices de desemprego e de desigualdade social", evidenciou.

Pola súa banda, as entidades adheridas a este pacto comprométense a "participar na redefinición do Plan Municipal de Emprego, así como na execución das súas medidas e accións", e a colaborar e participar en todos os órganos que conforman e estruturan o Pacto Local polo Emprego,  e que son a Comisión Institucional, a Comisión Técnica e as Mesas Temáticas. A Comisión Institucional será un órgano de representación do Pacto Local polo Emprego con capacidade para facer propostas ao goberno municipal de cara a poñer en marcha novas accións de promoción de emprego ou desenvolvemento empresarial. As súas propostas serán analizadas pola Comisión Técnica, presidida polo concelleiro de Emprego ou a persoa na que delegue, que, a súa vez, poderá propoñer a constitución e composición de Mesas Temáticas de traballo.

Pola súa banda, o concelleiro de Empregou lamentou a ausencia da Xunta de Galicia e, en concreto, da Consellería de Economía e Industria, na revalidación deste pacto. "Atallar o desemprego, dar oportunidades laborais dignas, iso só se pode conseguir deixando os intereses partidistas de lado. Non entendemos por que, neste pacto, que se renova logo do traballo realizado por este goberno coas entidades do sector dentro do Plan Municipal de Emprego, o goberno galego se ausenta", censurou. "A cidade da Coruña precisa do seu compromiso, e este era unha boa forma de demostralo, esperemos que se adhira nun futuro", dixo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión