Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de marzo de 2019

A Xunta de Goberno local adxudica a execución da glorieta no cruce entre Ramón e Cajal e Alcalde Pérez Ardá, que permitirá reordenar e dar fluidez ao tráfico

A obra, que ten un prazo de execución de seis meses, suporá a reurbanización de todo o entorno e a mellora dos sistemas do subsolo. O executivo inicio tamén o proceso de licitación por 2,6 millóns de euros de 25 lotes de itinerarios de formación para o proxecto de inserción laboral Coruña Suma.

A Xunta de Goberno local adxudicou esta mañá o contrato para a construción dunha glorieta na confluencia das rúas Ramón y Cajal, Salgado Torres, Pérez Ardá e Fernández Latorre, unha zona de vertebración e confluencia de diferentes tráficos, tanto peonil como vehículos e bicicletas, na que tamén se realizarán traballos de reurbanización e melloras nos sistemas de recollida de augas no subsolo. O proceso de licitación da obra rematou coa adxudicación á empresa Canarga SL dun contrato de 502.000 euros. A actuación ten un período de execución de seis meses.

"A actuación no cruce vai permitir dotar ao tráfico de máis fluidez neste punto e integrar de maneira segura e efectiva os novos quilómetros de carril bici que confluirán nela", explica o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. A glorieta será un "nó para a vertebración de maneira segura dos treitos de carril bici dende a Palloza a Matogrande, o treito que dende o campus universitario chega ata Salgado Torres e no que será o tramo de unión, a través de Ramón y Cajal, co carril bici metropolitano". A obra supón a reurbanización dunha área de 6.000 metros cadrados en torno á intersección, pola que se renovará o pavimento, construiranse novas beirarrúas, instalarase novo mobiliario urbano e plantaranse máis árbores. Está previsto tamén que se incrementen as condicións de seguridade para o tráfico, especialmente o peonil, para o que se crearán pasos con semáforos nas rutas naturais de tránsito, e que se renoven as conducións do subsolo. Así, instalaranse dous novos colectores da rede de sumidoiros e renovarase a rede de conducións para outros servizos.

Coruña Suma

A Xunta de Goberno Local tamén autorizou esta mañá a contratación de 25 lotes dos itinerarios formativos que se impartirán dentro do programa de inserción laboral Coruña Suma e que chegarán a máis de 1.500 persoas durante tres anos. A iniciativa está formada por itinerarios integrados completos, que contemplan todas as fases da formación e que, no 80% dos casos, contan cunha acreditación oficial en forma de certificados de profesionalidade. Coruña Suma conta cun financiamento de 5,6 millóns de euros para os seus tres anos de implantación, dos cales 4,4 millóns foron captados a través de axudas do Fondo Social Europeo (FSE).

A luz verde do executivo local permitiu iniciar o proceso de adxudicación, mediante procedemento aberto, dos 25 cursos de formación que se impartirán e que se centrarán en ámbitos como o de atención a persoas dependentes, infancia e servizos sociais; hostalería e turismo; industria alimentaria; loxística, comercio e marketing; limpeza; actividades culturais e deportivas; informática e comunicacións e administración e xestión. Tanto a asistencia aos cursos como as prácticas de formación en empresas do municipio serán remuneradas. Ademais, Coruña Suma contará con formacións en perspectiva de xénero, idiomas e novas tecnoloxías, ademais dun mecanismo de apoio para as persoas que presenten maiores dificultades de inserción laboral unha vez realizada a formación. O orzamento para a contratación dos itinerarios ascende a 2.657.308 millóns, dos que está previsto gastar 588.610 euros no presente ano, 1.044.434 no 2020 e 1.024.263 euros en 2021.

O programa está deseñado para chegar a persoas pertencentes a colectivos vulnerables (menores de 30, maiores de 45, paradas de longa duración e migrantes) e, en especial, a mulleres, que conformarán un 60% do alumnado. Para isto, Coruña Suma estará descentralizado nos barrios, nos que contará con tres equipos técnicos interdisciplinares localizados en Os Rosales, Labañou e Agra do Orzán; Sagrada Familia e Os Mallos e a segunda fase de Elviña xunto con Monelos e Barrio das Flores.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión