Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xuño de 2017

O Concello reactiva o Pacto Social polo Emprego como unha ferramenta participativa con actores sociais e económicos co obxectivo de reducir a taxa de paro e favorecer o acceso ao emprego e o desenvolvemento empresarial

O concelleiro de Emprego, Alberto Lema, destacou que o novo impulso que recibe este pacto, preciso para o desenvolvemento do Plan Municipal de Emprego, será “fundamental para, nunha nova etapa de traballo colaborativo, poñer en marcha medidas que melloren o emprego na nosa cidade e fomenten a inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade”

O alcalde, Xulio Ferreiro, acompañado polo concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presidiu este venres a convocatoria do Pacto Local polo Emprego celebrada en María Pita coa participación dunha vintena de institucións e entidades, e dirixida a reactivar este instrumento, que ten como función ser unha sorte de estrutura básica de participación entre actores sociais, económicos e institucións destinada a desenvolver e executar o Plan Municipal de Emprego, que se basea fundamentalmente en facilitar o acceso ao mercado laboral a aqueles colectivos en maior situación de vulnerabilidade. "Hoxe damos un novo impulso ao traballo en rede e mancomunado, co obxectivo de mellorar a empregabilidade daqueles colectivos con máis dificultade de acceso ao mercado laboral e tamén, en materia de emprendemento, para focalizar mellor cales son os sectores polos que debemos apostar pois son capaces de xerar máis calidade e valor engadido e, por tanto, emprego tamén de calidade", salientou o titular de emprego, que deu conta, durante a sesión, das accións desenvolvidas durante o período 2016-2017 en materia laboral. Neste sentido, Lema salientou a posta en marcha do plan Coruña Emprega, que se desenvolve en virtude dun convenio de tres anos de duración asinado con Inditex, e que busca favorecer a inserción socio-laboral de persoas pertencentes a colectivos vulnerables ou con dificultades para o acceso ao mercado laboral, como mulleres, persoas desempregadas de longa duración, mocidade e maiores de 45 anos, a través de itinerarios personalizados e especializados.

O Plan Municipal de Emprego --que seguirá a desenvolver novas propostas precisamente grazas á reactivación do Pacto Local polo Emprego-- "está dirixido a mellorar as condicións de vida da cidadanía especialmente dos colectivos máis vulnerables, incorporando unha visión compartida por parte dos actores locais, e a través dunha metodoloxía participativa, na que colaboran institucións e axentes implicados no mercado laboral, para coordinar actuacións". O plan artéllase a través de sete eixes, como son a participación cidadá, a diagnose e prospección laboral, a calidade e innovación no emprego, a promoción do Emprego, a actividade empresarial e emprendemento, a cooperación inter-institucional e, por último, a responsabilidade sociolaboral e igualdade.

Na convocatoria dos actores implicados na reactivación do Pacto polo Emprego participaron, ademais do propio alcalde, Xulio Ferreiro, xunto co responsable municipal de Emprego, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e representantes  da Asociación Empresarias da Coruña, da Cámara de Comercio, de Cáritas Interparroquial, CCOO, CIG e UGT, a Confederación de Empresarios, COGAMI, da Delegación Territorial Consellería Traballo da Xunta de Galicia, Cruz Vermella, a ONG Ecos do Sur, da Fundación Mujeres, da Asociación Down Coruña,  FEAFES, da  Fundación Ronsel, da Fundación Juan Soñador, do Espazo Coop, de ATA Galicia e da entidade  Arquitectura sen Fronteiras.

Durante a xuntanza, Lema dou conta das actividades desenvolvidas entre o pasado ano e o actual con estas entidades a través de distintas colaboracións. "Levamos a cabo de forma conxunta itinerarios integrados de inserción laboral dirixidos a colectivos en risco de exclusión social, estudos técnicos sobre sectores xeradores de emprego e de igualdade entre mulleres e homes no sector das TIC, formación en alfabetización dixital, accións de fomento do emprego no ámbito educativo, módulos de orientación e motivación para o emprego, accións de loita contra a exclusión social, seminarios de creación de emprego, prácticas en empresas para o fomento da innovación ou formación para a mellora da capacitación profesional nos servizos do emprego", sinalou o edil, que destacou que "a avaliación das comunicacións indica bos resultados, tanto para as persoas beneficiarias directas das accións como para as entidades, que valoraron dun xeito moi positivo, 3,2 sobre 4, o impacto interno das accións levadas a cabo". Segundo indicou o impacto nas organizacións colaboradores avaliouse non só con respecto á mellora dos servizos ofertados, senón en base a ampliación dos mesmos, a ampliación dos recursos humanos e o aumento de tempo dedicado ás persoas beneficiarias, así como no aumento do recoñecemento público das mesmas.

Reactivación do Pacto Local

Para o funcionamento e reactivación do Pacto Local polo Emprego, a concellería de Lema planificou e presentou hoxe unha serie de accións que pasan por crear unha "estrutura áxil" que permita operativizar a participación da cidadanía nas actuacións a favor do emprego. Polo tanto propúxose a creación dunha Comisión Institucional e outra de carácter técnico que analicen e propoñan actividades a desenvolver polo Concello.

A Comisión Institucional terá carácter consultivo. Presidida polo alcalde ou, na súa ausencia, o concelleiro de Emprego, contará con persoas responsables das entidades máis representativas da cidade que desenvolvan políticas de emprego. Esta comisión, entre outras funcións, proporá ao Goberno municipal medidas e accións de promoción de emprego na cidade e encomendará á Comisión Técnica o deseño de medidas e accións para incorporar ao Plan Municipal de Emprego. Esta última comisión, a súa vez, estará formada polo persoal especializado das entidades que forman parte do Pacto Local polo Emprego. Por último tamén existirán unhas mesas temáticas, formadas por persoal técnico das entidades sociais do pacto, e que se artellarán en base ás distintas temáticas que se tratan no pacto, fundamentalmente baseadas na promoción do emprego e o emprendemento, auto-emprego e economía social.

Previsión de actuacións

Durante a xuntanza desta mañá, e a proposta do concelleiro Lema, as integrantes deste Pacto Local acordaron crear xuntos un Acordo Marco onde se estabelezan obxectivos e compromisos que todas as entidades e organizacións asumirán "en prol da mellora socioeconómica da nosa cidade". "Este novo Pacto permitiranos desenvolver, a través de Comisións e Mesas Temáticas, por medio de convenios de colaboración ou calquera outra fórmula de traballo cooperativo, actuacións que melloren as posibilidades de atopar traballo para as persoas desempregadas, así como impulsar as PEMES, o pequeno comercio e os procesos de innovación empresarial", salientou o responsable municipal.

"Temos un obxectivo fundamental, que é a redución da taxa de paro, pero o que tamén queremos é liderar un proceso participativo no que poñamos en común accións de promoción de emprego e desenvolvemento empresarial na cidade", resolveu Lema. A intención do Executivo municipal é convocar despois do verán unha comisión técnica de cara a definir conxuntamente o novo acordo marco que rexerá o Pacto Local polo Emprego.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión