Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de decembro de 2018

Máis de 7.200 veciños e veciñas da cidade acolléronse durante este ano ao plan de pago personalizado e fraccionaron o pago de tributos

A concelleira de Facenda indica que 1.404 persoas adheríronse ao longo do ano a esta modalidade de abono, co que o número de contribuíntes multiplicouse por cinco dende 2015

Ao longo deste 2018, un total de 1.404 veciños e veciñas da cidade da Coruña acolléronse ao modelo de Plan de Pago Personalizado de Tributos Locais, unha medida posta en marcha polo goberno municipal e que supón a posibilidade de realizar o pagamento fraccionado dos impostos até en seis prazos a través de domiciliación bancaria. Desta forma, e segundo os datos que manexa a Concellería de Facenda, dirixida por Eugenia Vieito, 7.221 persoas da Coruña empregan xa este recurso para o pago de tributos.

O exercicio 2017 foi o primeiro no que a veciñanza non só puido aboar mediante este sistema o pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) entre os meses de marzo e outubro, senón tamén o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), así como a taxa de lixo e a de vados. A concelleira Vieito indicou que "esta modalidade facilita o pago de tributos aos e ás contribuíntes, que poden axustar o ritmo dos abonos á súa situación económica particular e aos seus tempos". A responsable municipal salienta "o notable incremento de veciñas que decidiron realizar o pago de tributos deste xeito, multiplicando por cinco o número de contribuíntes que se acolleron a este método dende 2015, cando sumaban 1.433 persoas.  O ano 2016, o total de persoas que empregan o modelo de pago fraccionado de impostos era de 2.700 persoas. "Agora, este 2018 tamén sumamos un incremento considerable, dun 24% con respecto ao pasado ano", indicou.

A titular de Facenda recorda, ao fío, que os e as contribuíntes que se acollen ao Plan de Pago Personalizado dos tributos de IBI e IVTM reciben unha bonificación do 3% en base á modificación da ordenanza xeral de recadación que aplicou o goberno local. "A espera de verificar os datos sobre a bonificación conseguida polos e polas contribuíntes este ano, cabe recordar que durante 2017 as máis de 5.800 persoas que apostaron polo pago fraccionado gozaron de bonificacións por valor de máis de 237.000 euros", indicou a edil.

A concelleira Vieito indicou tamén que o calendario fiscal introducido polo executivo municipal "non só redistribúe os períodos de pago e dá a oportunidade de aboar os tributos de forma periódica recibindo bonificacións por iso, senón que tamén é positivo para a propia administración local". Así, salientou que a aplicación do novo calendario "supuxo unha mellora transcendente na tesourería municipal, que dispón desta forma dun fluxo de fondos constante e equilibrado, de xeito que pode facer fronte aos seus compromisos de pago sen ter que recorrer a operacións de tesourería, algo habitual noutras épocas e con outros gobernos".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión