Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de marzo de 2016

O remanente de tesourería irá destinado a pagar a provedores pendentes de cobro e a investimentos sostibles este ano

O Concello da Coruña finalizou o ano pasado con estabilidade orzamentaria e un remanente de tesourería para gastos xerais de 7,26 millóns de euros, superior ao do exercicio anterior

Estas cifras reflicten a capacidade do ente municipal para asumir gastos sen recorrer ao endebedamento, así como unha posición de autofinanciamento moi solvente, en cumprimento dos obxectivos de estabilidade

O informe económico correspondente ao ano 2015 levado a cabo polo Goberno municipal revela que o Concello da Coruña ten capacidade para asumir gasto sen recorrer ao endebedamento ou, o que é o mesmo, unha capacidade de autofinanciamento moi solvente, en cumprimento dos obxectivos de estabilidade e sustentabilidade. O Concello coruñés, á vista dos datos de liquidez positiva, e ao feito de que acabou o exercicio con estabilidade orzamentaria, está en situación de afrontar os seus compromisos presentes e futuros cumprindo os limites de déficit, da débeda financeira e da comercial. Os datos que manexa o Executivo municipal destacan que a Administración local finalizou o pasado 2015 nunha situación de liquidez positiva, xa que o remanente de tesourería para gastos xerais mostra un resultado superior ao do ano anterior, situándose en 7.262.886,33 euros, fronte aos 7.238.373,23 euros de 2014. Este remanente de tesourería irá destinadado este ano a pagar a provedores pendentes de cobro, así como a realizar investimentos sostibles.

No que atinxe ao cumprimento da estabilidade orzamentaria, o grupo consolidado do Concello da Coruña --que inclúe o Consorcio para a Promoción da Música, o Consorcio de Turismo e Congresos, e as Fundacións Emalcsa e Luis Seoane-- conseguiu pechar o exercicio 2015 cun superávit de 806.639,60 euros, cumprindo coa regra de gasto e os obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos. A cifra supera amplamente os 12.000 euros de superávit contabilizado en 2014, co anterior Executivo municipal.

Por outro lado, cabe salientar o aforro neto, que tamén reflicte unha evolución moi positiva, e alcanza a cifra de 24,97 millóns de euros, fronte aos 14,21 de 2014, un 75,7% máis que ao finalizar 2014. A cifra de aforro neto debe vincularse co feito de que durante 2015, o Concello reduciu en máis de sete millóns de euros o gasto corrente, que baixa de 193,7 millóns de euros en 2014 a 186,3 millóns en 2015. Este dato permitiu mellorar significativamente o aforro neto, que reflexa a mellora da solvencia e da capacidade de autofinanciamento do Concello. A cifra de aforro neto do Concello en 2015 supera en máis de oito millóns o mellor dato da pasada lexislatura.

No que atinxe á execución de ingresos, o Concello mellora en máis de 7 puntos a execución do exercicio anterior, acadando os Dereitos Recoñecidos Netos o 91,5% das previsións definitivas, fronte ao 84,4% de 2014, o que permitiu mellorar considerablemente o resultado Orzamentario e facer fronte aos pagos a provedores dentro dos prazos legalmente establecidos.

Esta posición permitiu pagar aos acredores orzamentarios pendentes a 31 de decembro do ano pasado, o que posibilitou que este xaneiro o Concello cumprise co seu Período Medio de Pago (PMP), que quedou establecido en 24,64 días fronte aos 31,76 que se rexistraron no mesmo mes do ano pasado. Ademais, no que respecta só aos pagos do propio Concello, multiplica por cinco os realizados en xaneiro de 2015 (13.466.206 euros fronte aos 2.661.806 euros do exercicio precedente). As previsións municipais pasan porque as boas cifras se volvan a repetir no índice de pago correspondente ao mes de febreiro, e incluso melloren.

A razón do incumprimento do Período Medio de Pago en 2015 debeuse, principalmente, á falta de acordo plenario para aprobar o modificativo de crédito necesario para pagar as facturas atrasadas derivadas da anterior etapa de xestión do PP. Unha vez aprobado en Pleno, o PMP mellorou de forma moi salientable, o que evidencia a capacidade de xestión do actual Executivo municipal.

O endebedamento total do Concello (a curto e longo prazo) que rexistrou en 2015 foi de 80.603.774,40 euros, cifra superior á rexistrada un ano antes de 74.144.837,17 euros. O actual Goberno non autorizou ningunha operación nova de endebedamento durante 2015, agás a operación de tesourería que quedou amortizada antes de rematar o ano. O aumento do endebedamento responde a operacións incluídas nos Orzamentos do anterior Goberno, das que se foi dispoñendo a medida que avanzaba a execución dos proxectos que se financiaban con este endebedamento.

Por outro lado, e como dato que evidencia a boa xestión do actual grupo de Goberno, hai que destacar que o Concello da Coruña pechou o exercicio 2015 cunha execución do 83,5% do orzamento de gastos. Trátase da segunda mellor execución da historia do Concello da Coruña, lixeiramente por debaixo do nivel máximo acadado no exercicio 2014, pero moi por enriba da execución acadada no primeiro ano da anterior lexislatura (73,5% en 2011). Ademais, o actual Goberno pecha 2015 con mellores cifras de execución en áreas tan importantes como Fomento do Emprego, con 7,7 puntos máis de execución que no exercicio anterior (74,09 en 2015 fronte a 66,39 en 2014); Educación, con case cinco puntos máis (86,92% en 2015, fronte a 82.13% en 2014); Medio Ambiente, con 7,2 puntos máis (91,2% fronte a 84%); Servizos Sociais e Promoción Social, cun punto máis (85,4 fronte a 84,3); Transporte Público, con tres puntos porcentuais máis de execución, ou Comercio de Turismo, onde a execución de 2015 superou en máis de 26 puntos porcentuais a execución de 2014, concretamente un 75,6% en 2015 fronte a un 46,17% en 2014.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión