Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de xaneiro de 2019

O goberno local advirte de que os Orzamentos Xerais do Estado "non están á altura da área máis dinámica de Galicia" e salienta que A Coruña "non merece este maltrato"

A concelleira de Facenda aféalle ao Goberno central a falta de apoio a proxectos clave, non só para a cidade senón para toda a comarca, como o aeroporto de Alvedro, o tren ao porto exterior de Punta Langosteira ou infraestruturas como a remodelación de Alfonso Molina ou conexión da AP-9 e a Terceira Rolda. “Para estas contas non era necesario un cambio na Moncloa”, critica

O goberno local da Coruña censura o "maltrato" que o proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado para este 2019 dispensa á cidade, unhas contas que "non son serias e non están altura". A ollos do executivo coruñés, "os orzamentos de Pedro Sánchez son unha falta de respecto á cidadanía da Coruña e da súa área metropolitana". "Non se pode maltratar así a área máis dinámica de Galicia, o seu pulmón social e económico", lamenta a concelleira responsable de Facenda, Eugenia Vieito, quen recorda que "en política hai algo peor que non estudar nin facer os deberes: copiarlle o exame a quen nin estuda nin fai os deberes". "Para isto, francamente, non era necesario un cambio na Moncloa", observa a responsable municipal. "Os orzamentos retratan a un goberno. Non entenden de xestos nin de boas palabras. O que está, está. O que non está, non está. Os números son os que son e desenmascaran a calquera que queira disfrazalos. Neste retrato, o PSOE non sae favorecido e pobre de quen intente salvarlle a cara a estes orzamentos na Coruña, porque son un desastre", critica.

Como pon de relevo a responsable municipal de Facenda, Alvedro vén de pechar o segundo mellor ano da súa historia e "non merece que a súa ampliación e modernización se adíe a 2022". Na mesma liña, afea ao Goberno central a falta de apoio para outras infraestruturas e proxectos clave non só para a cidade, senón para toda a comarca. "O porto exterior de Punta Langosteira non merece outro ano sen fondos para a súa conexión ferroviaria. A remodelación de Alfonso Molina é un asunto demasiado serio para A Coruña como para que nos faga graza a broma de consignar 100.000 euros, un 0,5% do que vai custar. A conexión da AP-9 e a Terceira Rolda non merece quedar fóra do presuposto. E a rexeneración da Ría do Burgo tampouco merece, un ano máis, as mesmas promesas de sempre cos mesmos números de sempre", subliña.

"Alegrámonos pola veciñanza de Valencia, que con estes orzamentos se libra da débeda acumulada polo PP en sonadas operacións especulativas no seu borde litoral, pero non podemos alegrarnos, porque a débeda da Coruña segue intacta e Pedro Sánchez non parece estar preocupado polo seu custo para a cidade, como tampouco o está polo futuro dos traballadores e as traballadoras de Alcoa", fai notar a responsable da área municipal do Concello, que explicita a confianza do goberno municipal en que estes orzamento "non se aproben así: sería un inmenso erro do Goberno do Estado e unha tomadura de pelo para A Coruña e a súa área", advirte.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión