Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de agosto de 2018

O goberno local dá un paso máis na mellora das condicións do funcionariado e aproba de forma definitiva a relación de postos de traballo

Con este paso, a Policía Local poderá “recuperar parte dos dereitos que perdeu coa aplicación das medidas de contención do déficit aprobadas polo goberno do Estado”. O órgano avanzou tamén na aprobación no proxecto de modificación do cadro de persoal, coa que poderá ampliar en tres postos a taxa de reposición ao cumprir o Concello cos obxectivos de estabilidade, límites de débeda e a regra de gasto.

A Xunta de goberno local aprobou de forma definitiva este venres, en sesión extraordinaria, a modificación da relación de postos de traballo do Concello da Coruña, algo preciso para que se adapte ao acordo de reclasificación da Policía Local ao que se chegou o pasado xuño. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, explicou que "dende a aprobación inicial deste acordo houbo un prazo de alegacións". Desestimada a única reclamacións presentada, a reunión do goberno municipal deu o visto e prace a unha modificación da RPT que, segundo a responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, "supón a recuperación por parte da Policía Local dunha parte importante dos dereitos que perdeu como consecuencia da aplicación por parte dos distintos gobernos do Estado de normativas de contención do déficit e recortes, xa que recuperamos un acordo que quedara en suspenso en 2012". "As melloras económicas acadadas teñen efectos económicos dende o 1 de xullo e, previsiblemente, será a partir do mes que vén cando o persoal poida comezar a cobrar a diferenza polos novos importes", apuntou a responsable de Facenda.

Por outro lado, e na mesma liña de afondar na recuperación dos dereitos que os e as traballadoras municipais foron perdendo durante a etapa de crise, motivadas na súa gran medida, polas normativas postas en marcha dende o goberno central, a xunta de goberno local tamén deu luz verde á aprobación do proxecto de modificación do cadro de persoal naquelas prazas reservadas a funcionarios, persoal laboral, eventual, directivo e o TEAM (Tribunal Económico Administrativo Municipal). Segundo destaca Eugenia Vieito, a boa situación económica do Concello, permítelle levar a cabo unha taxa de reposición adicional, que na Coruña se traduce na posibilidade de engadir tres prazas máis, que se propoñen que vaian á categoría de técnicos A1, e unha máis de Policía Local. "A Lei de Orzamentos ofrece esta posibilidade a aquelas administracións que cumpren os obxectivos de estabilidade, límites de débeda e regra de gasto", explicou a responsable municipal.

Por outro lado, a Xunta de goberno tamén deu o visto e prace á aprobación inicial do acordo de imposición e ordenación de contribucións especiais para a ampliación do servizo de extinción de incendios, polo que o Concello percibirá este ano algo máis de 930.000 euros que destinará na mellora das infraestruturas e equipamentos destinados á emerxencia. "Anualmente, a administración local recibe unha cantidade económica derivada das contribucións especiais das aseguradoras, que ven reducidos os seus custes grazas á ampliación da capacidade dos servizos de extinción de incendios e á boa labor dos bombeiros", comentou Fraga, quen engadiu que con este investimento o Concello segue avanzando na mellora deste servizo municipal. Esta cantidade irá destinada á adquisición dun vehículo para traballos de excarcelación, que se valora en 340.000 euros, así como a reposición de construcións e equipamentos do servizo de bombeiros e á compra de material de transporte, a maioría da cal será destinada á adquisición dunha cesta para o vehículo autoescaleira.

Ordenanza de rehabilitación de vivenda

Outro dos asuntos tratados na xunta do goberno local celebrada hoxe foi a inadmisión da única alegación presentada á modificación da ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles durante o período de información pública. Non foi admitida por referirse a un artigo diferente dos que quedarán afectados pola mencionada modificación do texto. Como explicou o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, os cambios introducidos, e que deberán contar coa ratificación do Pleno para a súa aprobación final, "buscan fomentar as actuacións de rehabilitación na Cidade Vella, Pescaría e nos núcleos tradicionais do municipio". Con este obxectivo, introdúcese un aumento das contías máximas por subvención para os inmobles e os locais comerciais situados dentro da área do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella-Pescaría (Prepi) e a creación dunha axuda complementaria segundo ingresos para a rehabilitación de vivenda en toda a cidade "que permita loitar contra a xentrificación e axude a fixar poboación", entre outras medidas.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión