Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de decembro de 2015

O Concello fomenta as enerxías renovables e as medidas de eficiencia enerxética a través dos contratos municipais

A Xunta de Goberno local deu luz verde á aprobación dos pregos dun contrato de subministro de enerxía eléctrica de baixa e media tensión no que se “inclúen como obxectivo estratéxico da licitación criterios que teñen que ver coa sustentabilidade e a xeración de enerxías limpas”

O Goberno local deu o visto e prace aos pregos e ao inicio dun proceso de contratación, mediante procedemento aberto por un valor 6,9 millóns de euros e dividido en tres lotes, do subministro de enerxía eléctrica de baixa e media tensión no concello “que fomente a obtención da electricidade procedente de enerxías renovables e de coxeración de alta eficiencia”. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, explica que “a novidade deste contrato e que nel se inclúe como obxectivo estratéxico da licitación criterios que teñen que ver coa sustentabilidade e a xeración de enerxías limpas”. En concreto, un dos factores decisivos aos que atenderá a administración local á hora de outorgar o contrato será “a porcentaxe de orixe da electricidade procedente de enerxías renovables e de coxeración de alta eficiencia que a empresa se comprometa a subministrar”.

Vieito destacou que se trata “dunha medida pioneira, coa que o Concello introduce novos criterios á hora de adxudicar os seus contratos, que teñen que ver, neste caso, co fomento das enerxías renovables, maltratadas especialmente polo Goberno do Estado, así como a posta en marcha, dende o ámbito local, de medidas para colaborar co fomento e impulso da eficiencia enerxética”.

Na mesma liña, a Xunta de Goberno local tamén deu luz verde, o pasado outubro, ao inicio do expediente de contratación das obras de climatización da piscina de Riazor, "asegurando que na execución do contrato se fomente o emprego de calidade e o respecto e coidado polo medio ambiente”. Para a execución destas obras, por importe de 3,9 millóns, a entidade adxudicataria ten a obriga, como así se recolle no prego de cláusulas administrativas, de garantir “a igualdade entre mulleres e homes no trato, así como a igualdade nas oportunidades de acceso ao emprego”. Tamén se esixen as “medidas necesarias para garantir a conciliación e coresponsabilidade da vida personal, familiar e laboral das persoas adscritas durante a execución do contrato”.

O pasado outubro, a Xunta de Goberno local do Concello da Coruña aprobou unha instrución para incluír cláusulas nos procesos de contratación pública que garantan que estes se dirixen ao interese social. “En cumprimento do programa do Goberno púxose en marcha esta medida que serve, entre outras cuestións, para garantir e fomentar o emprego de calidade, o cumprimento das marxes salariais segundo os convenios colectivos e a igualdade de acceso a postos de traballo entre homes e mulleres”, recordou a titular de Facenda e Administración.

Por outro lado, a execución da obra garantirá “o menor impacto ambiental, empregando técnicas como entrega fóra de horas punta, recollida e reciclado de embalaxes e redución de residuos, así como do uso de sustancias e materias tóxicos”, a eficiencia “no uso de auga e enerxía”, e o emprego “de técnicas de reutilización e reciclaxe, máis alá do estándar ambiental do contrato”. Ademais, “na execución da obra alúdese a obriga do nomeamento dun responsable do contrato, ao que lle corresponderá supervisar o cumprimento dos obxectivos estratéxicos que asume o contratista”.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión