Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xaneiro de 2018

O Concello pon a punto o dispositivo especial da Cabalgata de Reis, que contará cun equipo de 282 profesionais para velar pola seguridade

A concelleira Rocío Fraga salienta as novidades desta edición, que percorrerá este venres a cidade entre o Castrillón e María Pita. Contará con cinco espazos accesibles no traxecto para persoas con mobilidade reducida e un punto de lactancia e que será un percorrido cardioprotexido, grazas aos desfibriladores que se instalarán tanto nos puntos sanitarios fixos como nas ambulancias

A concelleira de Igualdade e Diversidade -responsable da área municipal de seguridade cidadá-, Rocío Fraga, deu conta este martes do dispositivo  de seguridade preparado polos servizos municipais para a Cabalgata de Reis que percorrerá a cidade este venres, 5 de xaneiro, desde a praza de Pablo Iglesias ata María Pita, e no que intervirán un total de 282 profesionais, 108 máis que no ano precedente. En concreto, conformarán o operativo 78 axentes da Policía Local, 6 do corpo de Bombeiros, 45 membros de Protección Civil e 46 da Cruz Vermella, 6 profesionais do 061 e 101 monitores e monitoras. A estas cifras engádense, como indicou a edil, as 15 persoas de produción, as 98 das compañías participantes no espectáculo e 3 pertencentes ao IMCE, ademais das 460 que participan como figurantes, que completan as cifras do espectáculo.

Este ano, tal e como recordou a responsable municipal, a Cabalgata partirá da praza de Pablo Iglesias, no barrio do Castrillón, ás 17.30 horas, para discorrer pola avenida da Concordia cara á rúa Oleoduto, rúa Javier López López, avenida de Monelos, Pérez Ardá, Fernández Latorre, Costa da Palloza, Linares Rivas, Cantóns e A Mariña, nun itinerario duns 4,3 quilómetros. Media hora antes do inicio, ás 17.00 horas, está prevista unha recepción coas súas maxestades cos nenos e nenas que queiran participar, e que terá lugar na Cúpula do Parque de Eirís. Ademais, as carrozas reais non entrarán nesta edición en María Pita, senón que quedarán en Porta Real, para que os reis poidan chegar a pé na praza, acompañados co séquito correspondente, "para facela máis próxima das persoas que queiran estar alí para recibilos". A comitiva, segundo detallou Fraga, estará composta por 13 carrozas, das que 7 son municipais e o resto, das empresas colaboradoras -Abanca, Cabreiroá, Begano, Repsol, El Corte Inglés, Gadis-, e tamén integrará unha carroza de Bombeiros e 4 trens, onde irán as nenas e nenos que participan como figurantes tras o concurso público aberto o pasado mes. A eles sumaranse menores usuarios e usuarias dos servizos sociais municipais e doutras entidades que traballan neste ámbito, "a quen se convidou a formar parte da cabalgata".

No percorrido haberá cinco puntos sanitarios fixos da Cruz Vermella, que coinciden cos espazos que se disporán para persoas con mobilidade reducida, "unha medida que se implanta este ano para que nenos e nenas con problemas de mobilidade teñan unhas zonas acoutadas, para que poidan visualizar perfectamente a cabalgata", e que se situarán na rúa Pérez Ardá (fronte á estación de autobuses), Costa da Palloza, no Cantón Grande (á altura do edificio de Afundación), na avenida da Mariña (á altura da Subdelegación do Goberno) e na propia praza de María Pita. Estes puntos de accesibilidade terán unhas dimensións de sete por catro metros que poderían ampliarse en caso necesario, e contarán tamén con persoal sanitario e monitorado, ademais de que dispoñerán de cadeiras, para aquelas persoas que precisen acompañantes. Ademais dos puntos fixos, haberá servizos sanitarios móbiles repartidos a ambas beiras do traxecto da cabalgata, compostos por dúas ambulancias de Cruz Vermella (unha medicalizada e outra asistencial), unha ambulancia de Protección Civil, dúas ambulancias medicalizadas do 061 e catro asistenciais, a disposicion do posto de mando. Tanto os puntos fixos como as ambulancias contarán este ano, e por vez primeira, con dispositivos desfibriladores, o que convirte a Cabalgata nun percorrido cardioprotexido. Ademais, o itinerario contará cunha serie de puntos de recollida localizados polos sevizos de seguridade, para facilitar o traslado no caso de que se faga necesaria a evacuación dalgunha persoa a centros sanitarios. Neste sentido, a edil salientou na presentación de hoxe que o operativo "xa cumpre coas disposicións da nova Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia -publicada hoxe mesmo no DOG-, tanto nas condicións técnicas e de seguridade como na elaboración do Plan de Autoprotección e en materia de accesibilidade".

Na comparecencia desta mañá, a concelleira tamén avanzou outras das novidades do dispositivo deste ano, como son as pulseiras identificativas (onde anotar teléfono e datos de contacto) que se repartirán para localizar en caso de extravío de menores e un punto de lactancia e coidados infantís que se habilitará na praza de María Pita, acondicionado con bomba de calor e que disporá de cambiadores, tronas e coxíns de lactancia, ademais de espazo onde atender e dar de comer aos e as menores ou descansar un momento. Trátase, segundo salientou, "dunha aposta que, como os puntos de accesibilidade, estreamos nesta cabalgata pero queremos estender a outros eventos similares".

Documentos:

Percorrido da Cabalgata (686 KB)

Consellos para a Cabalgata (187 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión