Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de maio de 2018

A Concellería de Igualdade reforza o traballo con mulleres en situación de vulnerabilidade con actividades de desenvolvemento persoal “que atendan outras necesidades máis alá da situación psicolóxica e xurídica”

A edil Rocío Fraga explica que o Centro de Información ás Mulleres está “no límite de intervencións” anuais das que se pode facer cargo o persoal actual, que atendeu no pasado ano a 819 persoas, o 72% delas por casos de violencia machista

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá os programas de mediación incorporados polo Goberno local ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), que forma parte da rede de CIM da Xunta, e á Rede Municipal de Acollemento co obxectivo de "reforzar a atención por medio de actividades grupais nas que se fomenta o seu desenvolvemento persoal e a participación social tanto para mulleres como menores que se atenden". "Tiñamos unha gran carencia de proxectos de traballo en conxunto e que atendan outras necesidades destas mulleres, máis alá da súa situación psicolóxica e xurídica", afirmou Fraga, que indicou que a posta en marcha destas actividades apoiase na incorporación dunha mediadora ao persoal da rede municipal. Neste sentido, Fraga lembrou o labor realizado polo Concello para garantir que o CIM xestionado polo Goberno local sexa un servizo "estable e consolidado", "no que se suprimiu a temporalidade de moitos dos postos de traballo e que se reforzou coa incorporación dunha mediadora na Rede Municipal de Acollemento para reforzar o servizo e cubrir a demanda das usuarias".

As iniciativas postas a andar este ano están baseadas no fomento do autocoñecemento, a educación emocional e a reinserción social e laboral das mulleres atendidas polas profesionais da Rede Municipal de Acollemento e do CIM. O proxecto 'Educación emocional en familia', que comezou en abril e rematará a finais de xuño, ten como obxectivo "a creación dun espazo entre nais e menores para fortalecer vínculos, desenvolver competencias, traballar a comunicación asertiva e elevar a confianza mutua e afianzar lazos tras pasar por unha situación de violencia de xénero". Nel participan 12 mulleres xunto a 14 nenas e nenos de entre seis e trece anos. Xa se levou a cabo, entre os meses de febreiro e marzo, o obradoiro 'Autocoñecemento para o cambio', un taller "que incidiu no crecemento e a autonomía persoal das mulleres" a través de actividades que abordan a autopercepción ou a vivencia das emocións e no que tomaron parte 12 mulleres que contaron cun servizo de conciliación. O terceiro dos proxectos é tamén o máis prolongado no tempo, xa que se trata do deseño, construción e coidado dun xardín comestible e terapéutico dentro da propia parcela do CIM. "A súa preparación favorece o distanciamento de situacións vitais negativas en favor da relaxación e a redución do illamento social, xa que se trata dunha actividade grupal", indicou Fraga.

A concelleira, que compareceu xunta á directora do CIM, Begoña Rico, explicou que estas iniciativas veñen a completar o labor do CIM, no que un dos servizos que se dan é a mellora da empregabilidade e inserción laboral das mulleres usuarias, que se fai de xeito transversal tanto co Servizo Municipal de Emprego e Empresa como con outros programas. "O traballo sobre o emprego é un dos servizos que impón a Xunta para que se ofrezan nos CIM pero a Administración autonómica faino sen incorporar recursos nin persoal para levalo a cabo, polo que dende o Concello abordamos a inserción das mulleres usuarias do servizo de forma transversal coa Concellería de Emprego", apuntou Fraga. Así, o CIM colabora dende o mes de marzo co proxecto Coruña Emprega, un servizo ao que se derivan mulleres cun perfil coincidente co que se atende desde este programa, como son mulleres maiores de 45 anos, en situación de violencia de xénero ou paradas de longa duración. Neste tempo atendeu a 19 mulleres que contan dentro de Coruña Emprega con itinerarios integrais de inserción. Outra das colaboracións do CIM en materia de emprego realízase a través dun convenio coa Fundación Emalcsa e consiste na realización de diferentes accións formativas. En maio comezou unha de limpeza viaria de 170 horas de duración, que terá unha segunda edición no mes de xuño, e na que participan un total de 16 usuarias.

Fraga fixo balance do servizo  do CIM durante o pasado ano, no que atendeu a 819 persoas, entre mulleres e persoas menores, das que un 72,4% se atopan en situacións de violencia machista. Esta porcentaxe sobe respecto ao pasado ano, cando se situaba nun 70,8%. A concelleira indicou que das 596 persoas que fixeron uso deste servizo en 2017, un 57,5% recibiu atención psicolóxica e un 19,9% foi derivada a outros servizo en base ao convenio da Xunta co Colexio de Psicoloxía de Galicia. "Nas cifras de balance destaca o aumento dun 36%  na atención psicolóxica a menores en situación de violencia de xénero tanto no CIM como na Rede de Acollemento Municipal", indicou. Ademais, no 57% dos casos foi precisa a atención da asesoría xurídica e no 35,2% a atención da traballadora social para a tramitación de prestacións e axudas de emerxencia. As persoas que contan co servizo telefónico de Atempro contra a violencia machista sumaron 153 casos no pasado ano. Fraga expuxo que na Rede de Acollemento Municipal, que suma a casa de acollida máis dous pisos de transición á vida autónoma, atendéronse a 55 persoas, das que 29 foron mulleres, 15 nenos e 11 nenas. Delas, 22 persoas foron novas entradas de mulleres adultas, das que nun 83% dos casos se deberon a situacións de urxencia.

No referido á atención anual, Fraga advertiu de que o CIM "está no número límite de intervencións, a pesar de que consolidamos e reforzamos como podemos, a través de acumulacións de tarefas ou contratos de interinaxe, o persoal" ao que faría falta sumar polo menos dúas traballadoras para atención xurídica e psicolóxica. A edil lembrou que os CIM son un servizo da Xunta de Galicia, no que a Administración autonómica achega un 31,3% do orzamento anual, "45.000 euros que non cobren os custos dunha traballadora a tempo completo". Así, dos 143.678 euros que ten de custo anual manter tres dos cinco postos de traballo do CIM, o Concello aporta 98.678 euros, o 68,7%. Sobre os gastos totais -persoal máis gastos de funcionamento- da Rede de Acollida, que suman 388.984 euros, o Goberno local asume o 58,4% (227.084 euros), mentres que a Xunta financia o 12,8% (49.950) e a Depuración da Coruña o 28,8% (111.950 euros).

Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero

Ao fío da presentación destes programas do Centro de Información ás Mulleres, a concelleira de Igualdade e Diversidade valorou a "boa nova" de que o Goberno central aceptara os acordos acadados no Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero e inclúa 200 millóns de euros nos orzamentos para esta fin "aínda que continúen a ser poucos cartos". "Como moito a un Concello como o da Coruña nos tocarían 50.000 euros, que dan para unha traballadora ou non sequera", apuntou. Fraga explicou que se recuperan 120 millóns para os municipios e as comunidades xunto cos 80 millóns da partida do Estado, pero considerou que esta cantidade "non é real porque non están asignados a partidas orzamentarias mais que 17,7 millóns".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión