Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xaneiro de 2018

Os Bombeiros da Coruña entregan á ONG AIRE un vehículo reconvertido en ambulancia que busca mellorar a calidade de vida nos campos de refuxio da República Saharauí

A concelleira Rocío Fraga salienta “a vocación deste servizo municipal por facer unha sociedade mellor tanto na Coruña como fóra dela” e destacou o traballo da entidade humanitaria coruñesa coa que o Concello colabora de forma activa en temas relativos ao asilamento

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen posúe ademais as competencias municipais en materia de Seguridade Cidadá, participou esta mañá no acto de entrega por parte do servizo de Bombeiros da Coruña dun vehículo reconvertido en ambulancia que foi doado á ONG coruñesa AIRE e que ten como destino os campamentos de persoas refuxiadas da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) ubicados en Tinduf (Arxelia).

Fraga, que agradeceu o traballo da ONG coruñesa AIRE, coa que o Concello ten colaborado en distintos proxectos a favor das persoas refuxiadas, quixo destacar "a vocación humanitaria que sempre amosan os efectivos do corpo municipal de Bombeiros, exemplo de colaboración e implicación por facer unha sociedade mellor non só na Coruña, senón tamén fóra de aquí". En concreto, os Bombeiros da Coruña reconvertiron en ambulancia un vehículo 4x4 que no seu día pertenceu ao parque de bombeiros catalán del Pont de Suert. O vehículo viaxará ao campos de refuxio repleto de material sanitario e contra incendios.

A entidade AIRE está a desenvolver un proxecto xunto con Bomberos en Acción que pretende mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos campamentos saharauís, de cara a axudalas a facer fronte aos problemas de tipo natural aos que se teñan que enfrontar. O proxecto consiste en proveer aos campamentos de parques de bombeiros equipados con camións contra incendios así como persoal capacitado. A intención destas entidades é dar formación aos equipos en materia de primeira intervención, así como habilitar brigadas, de cara a poder atallar o antes posible pequenos incendios. Por outro lado, tamén se mellorarán os recursos sanitarios existentes e, na medida do posible, habilitar en cada parque de bombeiros un espazo que faga as funcións de clínica cunha ambulancia, o material necesario e persoal voluntario cualificado. O proxecto desenvolverase nas cinco provincias (El Aaiún, Dajla, Smara, Auserd, Bojador) dos campamentos de persoas refuxiadas da RASD.

"Na nosa condición de Cidade Refuxio non só adquirimos o compromiso de abrir as nosas portas e axudar aos e ás nosas veciñas migrantes, aquelas que foron expulsadas dos seus fogares polo terror e a barbaria. Tamén temos a obriga de ser altofalante, de facer que a súa voz se escoite", dixo a concelleira, que recordou os acordos alcanzados con Europa, "aqueles que, por exemplo, dicían que 17.000 persoas refuxiadas chegarían ao Estado español". "Tamén cremos que é importante recordarlle ao Estado español o decisivo papel que historicamente xogou en todo o conflito do Sáhara e a responsabilidade que ten para con este pobo e para con todas as persoas que foron sacadas das súas casas e que tiveron que apostar por fogares simbólicos en Tinduf, xa que foron obrigadas a marchar dos de verdade", apuntou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión