Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de setembro de 2018

O Concello abre a convocatoria do programa Deporte Solidario e Inclusivo, ao que destinará 250.000 euros para a posta en marcha de proxectos que faciliten a integración social a través da actividade deportiva

A edil Rocío Fraga salienta que este ano a iniciativa, que adianta a apertura do prazo de solicitude para coincidir coa tempada das entidades, favorecerá as propostas que fomenten e impulsen o deporte feminino e aumentará o importe mínimo das axudas até os 5.000 euros

O goberno local da Coruña presentou esta mañá a quinta edición da convocatoria de axudas Deporte Solidario e Inclusivo, unha iniciativa posta en marcha polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa e que ten como finalidade a promoción da igualdade de oportunidades e a integración social a través da práctica de distintas disciplinas deportivas de base. A responsable da Concellería de Igualdade e Diversidade e vicepresidenta da fundación, Rocío Fraga, avanzou que este ano a convocatoria "buscará potenciar a posta en marcha de proxectos que contribúan a inclusión social a través do establecemento de alianzas entre entidades deportivas e sociais da cidade", e que se adianta co obxectivo de favorecer o desenvolvemento das iniciativas seleccionadas ao coincidir a realización das propostas coa tempada de maior actividade das entidades deportivas locais. Deste xeito, a nova data límite para a presentación dos proxectos será o vindeiro 21 de setembro, mentres que se deberán executar antes do 15 de agosto de 2019.

Deporte Solidario e Inclusivo, que conta coa colaboración por segundo ano consecutivo de Gadis, é "un programa fundamental para o goberno local no eido da integración das diversidades e que está a acadar bos resultados de participación tanto entre as entidades locais como a cidadanía", explicou a edil. Como lembrou, nas catro primeiras edicións -nas que o Concello destinou un total dun millón de euros- téñense realizado 89 proxectos a través de 86 entidades, dos que se beneficiaron máis de 83.390 persoas. "Nestes cinco anos, a Fundación Emalcsa investiu 1.250.000 euros no fomento do deporte base e da inclusión social. Este ano, con esta nova convocatoria, queremos avanzar neste camiño, chegar a un maior número de veciños e veciñas e promover unha maior inclusión entre aqueles colectivos que se atopen en risco de exclusión", dixo Fraga.

Así, de cara a esta quinta edición, o Concello e a Fundación Emalcsa incluirán novidades como a aposta pola promoción do deporte feminino, "unha medida que referenda a liña de traballo do goberno local seguida nestes anos", tal e como recalcou a responsable municipal. Ademais, até o 10% da puntuación que poidan obter os proxectos outorgarase segundo o fomento e impulso do deporte feminino que propoñan as iniciativas das entidades.

Por outra banda, este ano traballarase na liña de dotar de maior protagonismo á dimensión social e inclusiva da convocatoria, polo que o 55% da puntuación necesaria para optar á axuda corresponderá á valoración do proxecto social proposto. Neste sentido, para a valoración dos proxectos,  asignarase até un 10% da puntuación total aos vínculos que se establezan entre entidades deportivas e sociais da cidade para o desenvolvemento da iniciativa, "coa finalidade de promover, coma no caso de Cultura Accesible e Inclusiva, unha rede municipal de colaboración entre este tipo de organizacións", aseverou Fraga, quen lembra que nesta convocatoria tamén aumentará o importe mínimo das axudas, chegando até os 5.000 euros por proposta. "Seguimos avanzando cara a consecución dun obxectivo que nos marcamos hai xa tres anos, como é acadar unha Coruña máis plural e realmente integradora das súas diversidades", apuntou a concelleira.

A este respecto, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, apuntou durante a presentación que na cidade "se vai estreitando a relación entre o ámbito social e deportivo". "Grazas ao programa Deporte Solidario e Inclusivo os valores sociais do deporte plásmanse en propostas concretas que achegan ambos os dous ámbitos", sinalou.  Pola súa banda, o responsable de Comunicación de Gadis, José Luis Fernández Astray, valorou positivamente a implicación das entidades deportivas da cidade no programa, ás que felicitou "polo seu magnífico labor".

O prazo de solicitude das axudas desta V convocatoria de Deporte Solidario e Inclusivo estará aberto até o vindeiro día 21 e as súas bases pódense consultar tanto na páxina web da Fundación Emalcsa como no portal municipal www.coruna.gal. Todas as entidades interesadas en coñecer máis datos sobre a convocatoria, poden asistir o vindeiro martes 11, ás 17.00 horas, a unha xuntanza informativa que se celebrará no Centro Cívico da Cidade Vella.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión