Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xuño de 2018

Xulio Ferreiro avanzou que serán as xogadoras do Amarelle de fútbol sala, que acaban de ascender a primeira división, as encargadas de prender, a media noite, a falla da praia de Riazor. A continuación, celebrarase o último dos concertos previstos, a cargo de Os Resentidos

O Concello activa este San Xoán un dispositivo de 598 persoas para poñer "todos os medios necesarios, de cara a celebrar unha festa segura e sostible"

O alcalde incidiu en que o Goberno local “aposta dende hai tres anos pola sensibilización ambiental para a redución de lixo”, o que se concreta este ano nun aumento de superficie das zonas de residuos cero das ‘Praias Vivas’, que se estenden ao Orzán

O alcalde, Xulio Ferreiro, deu conta esta mañá do dispositivo global preparado polo Goberno local para a festa de San Xoán, dirixido a "superar os obxectivos ambientais conseguidos nos pasados anos". "O noso papel non se pode limitar a limpar o espazo público despois da festa, levamos tres anos tentando cambiar esa dinámica a través da sensibilización e de varios programas para minimizar o impacto sobre o entorno durante o San Xoán", indicou o alcalde, que fixo un chamamento á veciñanza e ás persoas que visiten a cidade esta fin de semana "para que reduzan a xeración de residuos e que, os que non sexa posible evitar, acaben nos contedores e non no mar". Neste sentido, Ferreiro asegurou que o Concello porá "todos os medios necesarios para acadar este obxectivo de ter un San Xoán sostible e seguro, que facemos común para toda a cidadanía", antes de pasar a detallar un dispositivo global de 598 persoas que é "lixeiramente superior ao de 2017, un ano especialmente complicado, tanto o punto de vista de seguridade como o ambiental, polas mareas vivas que estaban previstas". Para facilitar o seu labor nunha xornada na que se agarda unha gran asistencia de público -na que coincidirán bo tempo e fin de semana-, Ferreiro pediu que se atendan as recomendacións e consellos de seguridade dos membros do dispositivo.

Como indicou o rexedor, durante unha comparecencia na que estivo acompañado das concelleiras de Medio Ambiente, María García, e Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e do edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, dende as 07.30 horas do día 23 de xuño comezarán a despregarse os efectivos do dispositivo, que estará activo preto de 24 horas, xa que irá reducíndose paulatinamente dende as 06.00 horas do día 24. No eido de seguridade,  emerxencias e atención sanitaria contarase con 374 efectivos, un número moi similar ao do pasado San Xoán no que estaba prevista unha gran preamar. Participarán a Policía Local, o Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) --tanto os bombeiros, que prestarán especial apoio nos barrios, como o grupo de rescate acuático-- e Policía Nacional, que suman 281 persoas. Para a atención sanitaria contarase con 93 persoas entre Protección Civil --terá un posto sanitario medicalizado no Paseo Marítimo, dous puntos de atención sanitaria en Riazor e Orzán e dúas ambulancias con soporte vital--, Urxencias Médicas do 061 --contará con dúas ambulancias medicalizadas e catro asistenciais-- e o voluntariado da Cruz Vermella --terá un posto médico avanzado, un centro de coordinación, unha ambulancia con soporte vital avanzado e catro con soporte vital básico--, que contarán tamén co apoio do centro móbil de coordinación e vídeo vixilancia. Os servizos de Salvamento e Socorrismo disporán de oito socorristas distribuídos nas praias de Riazor, Orzán, Lapas e Oza, ademais de dúas embarcacións.

O rexedor lembrou que o baño nas praias estará prohibido dende as 22.00 horas do días 23 e ata as 09.00 do día seguinte e que, como medida de precaución, se volverá a marcar a liña onde se prevé que chegue a marea alta sobre as 02.30 horas. Respecto doutros horarios, ás 07.30 horas do sábado autorizarase a baixada do material ás praias --por parte dos servizos municipais--, e a partires das 09.00 horas instalarase o posto de mando na Coiraza, que quedará pechada ao tránsito peonil para o correcto desenvolvemento do operativo do San Xoán. Como é habitual, ás 19.00 horas do día 23 producirase o corte total de tráfico no Paseo Marítimo. A veciñanza poderá baixar materiais á praia a partires das 19.30 horas sempre e cando non sexan vidro, mobles ou colchóns, entre outros.

Un San Xoán sostible

Tamén informarán sobre a altura do mar os e as educadoras ambientais que traballarán a pé de praia, para evitar que a auga arrastre residuos. Esta iniciativa é parte das Praias Vivas postas en marcha neste mandato, espazos acoutados nos que as persoas que se asenten para festexar o San Xoán asumen o compromiso de reducir a xeración de lixo e de deixar o areal limpo facéndose cargo dos seus residuos. "Este ano incrementamos a superficie das Praias Vivas, que tras Matadoiro e Riazor vaise instalar tamén no Orzán, e no que tamén haberá un maior número de educadores e educadoras, ata as 53 persoas", indicou Ferreiro, quen destacou algunhas outras iniciativas de sensibilización postas en marcha pola Concellería de Medio Ambiente como o programa Móllate!, no que participaron 375 alumnos e alumnas de centros educativos da cidade, o traballo con diversas entidades integradas dentro da entidade Ecovidrio, a substitución de 177.500 bolsas de plástico por papel en catro grandes distribuidoras de alimentos da cidade durante esta semana --Vegalsa-Eroski, Gadisa, El Corte Ingles e Froiz--  e colectivos como os Kilomberos de Monte Alto e outras asociacións, como o propio Deportivo da Coruña Feminino.

Ferreiro quixo facer especial fincapé na vixilancia que se prestará este ano nas zonas de exclusión, nas que non é posible facer fogueiras, nas de especial coidados, como o merendeiro das Lapas e a contorna da Torre de Hércules, nas que se vai protexer a diversidade da zona, e nas entradas dos areais para evitar a baixada de voluminosos e, en especial, de palés, para evitar os cravos que quedan nas praias tras a súa queima. Ao fío, o rexedor lembrou que a partir das 19.00 horas o Concello repartirá 120 toneladas de madeira limpa en 14 puntos da cidade, 12 deles no entorno de Riazor, Orzán e Matadoiro e dous máis entre Oza e as Lapas. O Concello recibiu, ata a tarde do día 21, a comunicación previa para a realización de 877 fogueiras, que remata esta tarde. O número é moi superior ás comunicacións do pasado ano, no que se realizaron 238.

O dispositivo de limpeza habilitado conta este ano con 15 Illas de Reciclaxe, deseñadas para favorecer a recuperación e o depósito dos residuos, e que estarán ubicadas en Riazor (5), Orzán (6), así como en Matadoiro, Lapas, San Amaro e Oza. A maiores destas illas de reciclaxe habilitaranse 46 contedores de orgánico de 240 litros e outros 50 de inerte de 800 litros nas inmediacións das praias. Tamén existirán illas de reciclaxe na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor para atender ao público dos concertos e un total de 52 aseos portátiles ao longo de todas as praias, 10 a ambos lados da Coiraza. Por outro lado, os baños fixos de Riazor estarán abertos até as 06.00 horas da mañá.

O número de persoas no dispositivo específico de limpeza para esta xornada, entre praias e barrios, superará as 130 persoas, das que 25 estarán centradas no traballo na rúa. Ademais tanto na xornada do 23 como na do 24 o servizo de recollida e limpeza terá operativo un retén tanto durante a mañá, como pola tarde e a madrugada de cara a satisfacer calquera tipo de demanda de poida xurdir motivada por cacharelas que se poidan levar a cabo en lugares non permitidos. O día 24 o dispositivo de limpeza e recollida habilitarase a partir das 06.00 horas da mañá, sendo precisa a evacuación das praias antes, para poder comezar contra as 06.30 horas.

Falla e concertos

Durante a comparecencia desta mañá, o alcalde avanzou que serán as xogadoras do equipo de fútbol sala feminino Viaxes Amarelle, que ascendeu este ano a primeira división, as encargadas de acender, sobre a media noite, a falla da praia de Riazor, que recolle no seu deseño o apoio cidadán ao día 8 de marzo, festivo na cidade, a figura de María Pita, as reclamacións das persoas pensionistas e o Club Deportivo de fútbol. Antes terá lugar o espectáculo pirotécnico, que estará en consonancia coa falla e terá fogos de cores morados, azuis e brancos. Tras o lume e a pirotecnia seguirá a actuación de Os Resentidos, que empezará sobre as 00.15 horas para rematar antes das 01.30 horas. O Festival Sons de San Xoán, que se celebrará na explanada de Riazor, comezará as 20.30 horas, coa banda Ezetaerre, á que seguirá Bolboreta, o proxecto liderado por Lydia Botana. Despois será a quenda de Banda Xangai, que tocará ata media noite.

A festa da Ruada das Xoubas, a programación infantil sobre San Xoán, concluirá o día 24 na praza de María Pita, despois de achegar, dende o día 16, espectáculos escénicos aos barrios de Santa Margarita, Oza, Palavea, O Castrillón, A Silva, Paseo das Pontes, Cidade Vella, Agra do Orzán, Peixería, Novo Mesoiro, Os Rosales ou Monte Alto, "favorecendo a descentralización da programación cultural municipal así como o carácter popular e espontáneo da propia festa". Na Gala Final do día 24 haberá obradoiros, contacontos e concertos en horario de mañá --entre as 11.00 e as 13.30 horas-- e de tarde --de 17.00 a 20.30 horas--. Durante a celebración, ademais, haberá un espazo habilitado de xogos para bebés.

Servizo especial de autobuses

Durante a noite de San Xoán haberá un servizo especial de autobuses aos barrios "para disuadir do uso da utilización dos vehículos particulares ata o centro da cidade", que se completará co percorrido habitual do Búho. Dende a praza de Pontevedra haberá oito liñas de bus que sairán cada 15 minutos ata as 02.30 horas e que manterán os números habituais para que sexan máis doado identificalas. Serán a liña 1, 1A, 3, 6, 7, 11, 21 e 3A, que terá un percorrido circular entre a praza de Pontevedra e Monte Alto. A partir das 03.00 horas comezará o servizo do Búho, con saídas as en punto, que seguirán os itinerarios habituais, e ás e media, que o fará no sentido inverso, indo polos Castros e cara a Castrillón. A última saída será ás 06.00 horas.  

Liña 1: Saída de praza de Pontevedra, incorporándose en praza de Ourense ao seu itinerario habitual. Circulará pola avenida de Oza en lugar de facelo pola avenida do Exército. Desta forma prestarase servizo á Gaiteira, Os Castros e Castrillón, baixando pola avenida de Monelos.

Liña 1A: Saída de praza de Pontevedra, incorporándose en praza de Ourense ao seu itinerario habitual. Con este servizo atenderase á zona de Salvador de Madariaga, Paxariñas, Matogrande, Barrio das Flores, Eirís, aínda que a este último barrio subirase se hai usuarios que o demanden; en caso contrario baixará por Monelos para retornar á praza de Pontevedra.

Liña 3: Prestará servizo desde praza de Pontevedra aos Rosales seguindo o seu itinerario habitual no devandito tramo, atendendo a Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e San Pedro de Visma.

Liña 6: De praza de Pontevedra a San José, prestando servizo ás zonas de Paseo das Pontes-Santa Margarita, parte alta da Sagrada Familia, Agra do Orzán e Ventorrillo, na súa parte máis próxima á avenida de Fisterra, continuando pola Moura ata San José.

Liña 7: De praza de Pontevedra ao Ventorrillo atendendo a Peruleiro, Rolda de Outeiro, Agra do Orzán, contorna de vivendas de Francisco Franco, Ventorrillo e toda a contorna de Vila de Negreira.

Liña 11: De praza de Pontevedra aos Mallos. Prestará servizo a Pla e Cancela, contorna de Rolda de Nelle (zona Mallos), Mallos, Vioño e parte baixa da Sagrada Familia.

Liña 21. De praza de Pontevedra a Novo Mesoiro, prestando servizo á contorna de Catro Camiños-Corte Inglés, Segunda Fase de Elviña, Pablo Picasso, Birloque, Martinete, Mesoiro e Novo Mesoiro.

Circular Cidade Vella-Monte Alto (3A): De praza de Pontevedra a Monte Alto, prestará servizo co seguinte itinerario: praza de Pontevedra, San Andrés, Santa Catalina, Cantóns, Porta Real, Parrote, Maestranza, Orillamar, avenida de Navarra, Santo Tomás, mercado de Hércules, avenida de Hércules, rúa da Torre, praza de España, San Andrés, praza de Pontevedra.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión