Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de agosto de 2018

O Concello destina 39.000 euros a apoiar as accións de tres entidades sociais na integración do colectivo migrante e a denuncia dos delitos de odio LGTBI na cidade

A edil Rocío Fraga salienta que os convenios “afondan na concepción da cidade como espazo próximo, acolledor e diverso” e reforzan a coordinación co tecido social do municipio

O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, asinaron esta mañá tres convenios con entidades sociais da cidade para o financiamento de proxectos dirixidos a favorecer a integración do colectivo migrante e das persoas refuxiadas, así como para apoiar a continuidade do observatorio dos delitos de odio LGTBI na cidade. "Esta colaboración afonda na nosa concepción da cidade como un espazo próximo, acolledor e diverso e reforza os lazos de cooperación entre a Administración local e o tecido social para seguir avanzando nun ámbito no que a visibilización e a coordinación de esforzos é fundamental para crear unha estrutura de integración sólida e efectiva", explicou Fraga.

O Concello colabora coa Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS), a través dun convenio de 19.000 euros, no Observatorio contra delitos de odio LGBTI na Coruña, un proxecto que "rexistra e visibiliza este tipo de agresións no municipio e ofrece tanto información como atención ás persoas que as sofren". "O seu traballo transcende tamén o ámbito da atención, xa que fai un labor de sensibilización sobre o baixo número de denuncias que se presentan por este tipo de delitos de odio ao tempo que inciden na importancia de denunciar estas violencias", salientou a edil, quen incidiu na necesidade de concienciar á veciñanza sobre esta problemática, así como na necesidade de denunciar as agresións no caso de presencialas.

Os outros dous acordos asinados dentro do ámbito de actuación da Concellería de Igualdade e Diversidade están dirixidos á integración de persoas refuxiadas e do colectivo migrante. O proxecto P.A.I.S. posto en marcha pola Asociación AIRE conta con 10.000 euros do Concello para o financiamento de actividades de sensibilización e axuda "no proceso de integración de persoas que chegan á cidade como refuxiados e refuxiadas e precisan dun acompañamento ata que conseguen regularizar a súa situación e acadar a súa autonomía". "A colaboración con este programa supón ampliar unha rede de atención das persoas que solicitan protección internacional e fortalecer a situación da Coruña como cidade refuxio, un compromiso no que o Concello leva tempo poñendo recursos propios sen apoio do Estado, que é a Administración que ten a competencia nesta materia", lembrou Fraga. Neste sentido, a edil reafirmou a liña de traballo do Concello a prol da integración, "na que é fundamental a colaboración de todos os axentes sociais da cidade", e tamén, dixo, da sensibilización.  

A inclusión das mulleres migrantes é o obxectivo das actividades que apoia a Concellería de Igualdade e Diversidade a través do documento asinado con Ecodesarrollo Gaia, que ascende a 10.000 euros para o mantemento do seu servizo para acadar a autonomía persoal e a integración deste colectivo. A organización realiza un labor integral de acompañamento dende a acollida e información inicial co obxectivo de evitar a exclusión social das mulleres migrantes, "con especial atención á súa alfabetización, a atención das familias monomarentais ou a sensibilización e prevención das violencias machistas".

Club del mar

O Concello pechou tamén co Club del Mar de San Amaro un acordo para que o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), que depende da área municipal de Seguridade Cidadá, poida empregar as instalacións da asociación para realizar actividades de prevención, formación e tamén de intervención de emerxencias no mar. Pola súa banda, o Concello colaborará coa realización dos labores de prevención nos eventos que o Club del Mar realice na costa. O convenio, asinado hoxe polo rexedor, ten unha vixencia anual e renovarase cada ano por un máximo de catro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión