Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de febreiro de 2019

O Concello presenta o informe 2018 do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, que rexistrou 123 atencións durante o ano pasado

A concelleira Rocío Fraga pon en valor o traballo do ente, posto en marcha por ALAS A Coruña coa colaboración da área de Igualdade e Diversidade, e salienta o carácter diverso da cidade, “grazas á loita e ao traballo de numerosos colectivos desde os anos 80”

O Pazo de María Pita acolleu esta mañá a presentación do Informe 2018 do Observatorio Coruñés contra a LGTBIFobia, unha iniciativa posta en marcha o pasado exercicio co apoio do goberno local, que dá conta da situación do colectivo LGTBQI na cidade así como das violencias que se producen contra a diversidade afectivo sexual no termo municipal. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, puxo en valor o carácter "diverso, respectuoso e loitador" da Coruña a través da súa historia, "grazas aos colectivos vinculados ao feminismo e ao antimilitarismo que, nos anos 80 e 90, fixeron un labor pioneiro visibilizando as reivindicacións do colectivo LGTBQI". Ao fío, a edil tamén salientou o traballo de comunicación e difusión do Comité Ciudadano AntiSida de A Coruña, CASCO, "nun momento crucial, como foi nos anos 90, durante a estigmatización do colectivo, pero que se mantén hoxe en día", así como doutros grupos, como Maribolheras Precarias e Milhomes, "que nos achegaron a historia de Marcela e Elisa e fixeron grandes actuacións reivindicativas nos últimos tempos".

Tal e como apuntou a edil, o Concello apoiou a posta en marcha o Observatorio Coruñés da LGTBIFobia a través dun convenio de colaboración con ALAS A Coruña, "unha das principais entidades do tecido social da cidade que actualmente está a traballar no eido do recoñecemento dos dereitos LGTBQI", a quen agradeceu o impulso e a asunción da responsabilidade do desenvolvemento desta ferramenta. A concelleira estivo acompañada na rolda, precisamente, tanto do presidente da asociación, Carlos Emilio Mella Casal, coma da presidenta da Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Transexuales y Bisexuales (FELGTB), Uge Sangil.

Mella Casal deu a coñecer os datos recollidos desde o 1 de decembro de 2017 até o 31 de decembro de 2018 pola entidade a través deste Observatorio, "que recolle datos vinculados á agresións e delitos de odio en toda Galicia". Neste tempo, rexistráronse 123 atencións a 61 persoas, das cales o 26% dos casos estiveron directamente vinculadas a agresións LGTBIfóbicas. Ao fío, o presidente de ALAS salientou que, durante o pasado ano, o Observatorio atendeu a persoas de até 9 nacionalidades diferentes. "Das 33 agresións rexistradas, o 16% pertencen a persoas estranxeiras, o que supón unha dobre discriminación sobre este colectivo", apuntou Mella Casal, quen tamén destacou que a meirande parte das agresións son comunidas por homes gais. "En moitos casos chegaron ao Observatorio logo de tramitar a correspondente denuncia, de xeito oficial, na Policía", sinalou.  

Pola súa banda, Uge Sangil manifestou a súa satisfacción polo traballo do Observatorio e lembrou a "valentía" de Marcela e Elisa. "A visibilidade que deron e seguen a dar ao colectivo é unha visibilidade que nos referenda e empodera a todas. Lémbranos tamén que o amor é un dereito e unha liberdade", apuntou. Ao fío, Sangil advertiu do "perigo do avance da ultradereita no Estado". "Estamos en momentos realmente complicados. A homofobia, bifobia e transfobia xa están dentro das institucións, e non podemos perpetuar discursos e actuacións que xa parecían superadas", manifestou a presidenta da FELGTB.

Subvencións en materia de Igualdade e Diversidade

Por outra banda, durante a rolda desta mañá, a concelleira Rocío Fraga lembrou que o goberno local tramitou de forma anticipada  a convocatoria de subvencións para este exercicio, por valor de 150.000 euros, destinada a actividades de interese social en materia de igualdade e Diversidade, co obxectivo de apoiar economicamente ás entidades da cidade na promoción da igualdade de xénero e á inclusión atendendo ás diversidades existentes e a prevención das violencias machistas nun sentido amplo. A previsión da Concellería é resolver nas vindeiras semanas a convocatoria, que contará con dúas liñas, "A primeira delas dedicarase ao fortacelemento e ao empoderamento do movemento asociativo, destinada a apoiar gastos de funcionamento de entidades, mentres que a segunda permitirá o financiamento de actividades en tres ámbitos diferenciados, un dos cales é o apoio a iniciativas facilitadoras da inclusión da diversidade afectivo sexual", explicou Fraga.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión