Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de marzo de 2018

O Concello publica o terceiro informe do Observatorio de Igualdade e Diversidade, “unha radiografía a situación de mulleres e homes no municipio feita para identificar as desigualdades existentes e axudar a adecuar as políticas públicas”

O concelleira Rocío Fraga destaca que o estudio amosa “partes invisibles da realidade das mulleres”, como o traballo de coidados ou as diferenzas respecto á mobilidade urbana

O terceiro estudo A Coruña en Cifras 2018 - Informe da situación das mulleres e dos homes na cidade, que elabora o Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade e que desde hoxe está dispoñible na web municipal de Igualdade, recolle unha radiografía da situación da muller e do home co obxectivo de "identificar as situacións que afectan a cidadanía de maneira diferenciada, amosando a existencia de desigualdades, e así contar con información que axude a adecuar as políticas públicas", tal e como explica a edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. A concelleira avanza que o informe deste ano, para o que se contou coa coordinación de todas as áreas do Concello así como con outras entidades de ámbito autonómica e estatal, "incorpora novos datos, polo que achega información máis completa da realidade das mulleres e dos homes na nosa cidade". Así, por exemplo, a análise inclúe este ano datos máis desagregados sobre a diversidade funcional, sensorial e cognitiva, "unha información fundamental para o deseño de políticas neste sentido".  

O estudo, que analiza a situación da cidadanía dentro dos ámbitos demográfico e social, pero tamén como persoas usuarias dos servizos sociais municipais e na administración local, afianza o feito de que as mulleres son "as principais usuarias dos servizos sociais municipais, xa que representan o 59,5% do total das persoas atendidas". "Este tipo de estudos permiten tamén amosar partes invisibles da realidade como a do imprescindible dos traballos doméstico e de coidados para cubrir as necesidades básicas da vida", indica Fraga. A este respecto, a edil destaca que, ademais de ser a maioría de persoas atendidas, as mulleres "realizan o  papel como intermediarias na tramitación de recursos ante os servizos sociais, poñendo de novo de manifesto o rol de coidadora". Os catro recursos máis solicitados polas mulleres foron: apoio de carácter persoal fóra do fogar (84,6%), prestacións de axudas técnicas e tecnolóxicas (83,3%), actuacións específicas de apoio á unidade convivencial (82,1%) e centros de acollida (80%). Neste sentido, a concelleira apunta que "a sobrecarga que implican este tipo de traballos de coidados para as mulleres son o principal motivo para o abandono do mercado laboral". Os datos reflicten que na cidade o 60% das mulleres que asinaron un contrato en 2017 o fixeron a tempo parcial e que o 77,3% das pensións non contributivas son percibidas por mulleres, "moi indicativo da falta ou insuficiencia da cotización ao longo da vida e que tamén se reflicte na cuantía media da pensión, que é de 394 euros". Ademais, o 56,7% das persoas perceptoras da RISGA son mulleres, así como o 58% das perceptoras das axudas de emerxencia social.

O Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade recolle que as mulleres son as principais usuarias dos servizos de mobilidade, espazos e actividades de lecer e deportivas. Así, o 60% das persoas que utilizan a tarxeta Millenium son mulleres, unha porcentaxe que aumenta nos casos da tipoloxía para universitarias (un 65%), desempregadas (63%) e xubiladas (un 66%). "Unha realidade a ter en conta nas políticas de mobilidade, para incluír as necesidades específicas das mulleres como usuarias deste servizo", indica Fraga.

A participación das mulleres destaca nas actividades das Escolas Deportivas Municipais, cun 70% das prazas, unha diferencia que se marca especialmente en maiores de 18 anos (cun 77%), e tamén nas actividades de ocio e lúdicas organizadas polo Concello, que rexistraron, nas campañas de primavera e outono do pasado ano, un 75% de participantes mulleres.

Documentos:

A Coruña en cifras 2018 (7 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión