Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de marzo de 2019

O Goberno local constitúe mañá o Consello Local da Igualdade, unha ferramenta para “consolidar a transversalidade das políticas de xénero”

A concelleira Rocío Fraga indica que a primeira encomenda do órgano, conformado por representantes dos grupos municipais, colectivos e entidades sociais, será a de realizar aportacións á futura ordenanza de igualdade de xénero

A Concellería de Igualdade e Diversidade impulsa a creación do Consello Local da Igualdade de Xénero, que quedará constituído formalmente mañá luns coa participación de entidades e colectivos sociais da cidade que conformarán un espazo para "consolidar a transversalidade das políticas de xénero que se levan a cabo no municipio". Este órgano, que terá carácter consultivo e no que están convidados a participar tamén todos os grupos municipais, permitirá "abordar, debater e traballar" propostas para a ampliación das políticas de igualdade e de diversidade afectivo-sexual, entre elas, o desenvolvemento da ordenanza municipal de Igualdade de Xénero. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, salienta que o Goberno local levará ao Consello a normativa para que os colectivos e entidades poidan facer as súas aportacións ao texto da ordenanza, que regulará a introdución da perspectiva de xénero nos orzamentos municipais así como en todas as políticas públicas que se desenvolvan no eido local. A primeira sesión do órgano contará coa presencia do alcalde, Xulio Ferreiro, que presidirá o acto, e da edil de Igualdade.

A Concellería de Igualdade e Diversidade traballa na redacción dunha ordenanza que ten como obxectivos o de garantir  unha representación equilibrada en todos os órganos de representación municipais, como son a Xunta de Goberno Local, as comisións plenarias, os consellos de administración das empresas públicas ou os tribunais de selección. Tamén establecerá como norma a de desterrar calquera tipo de linguaxe e imaxe sexista da administración municipal, ao tempo que avoga por introducir a variable de xénero nos estudos e estatísticas que elabore o Concello, transversalizar a perspectiva de xénero a todas as áreas de goberno e crear unhas estruturas estables que velen polas políticas de igualdade de cara ao futuro.

A edil de Igualdade salienta que tanto o consello como a ordenanza son "dúas ferramentas importantes para consolidar o camiño iniciado neste mandato municipal encamiñado a que as políticas de xénero sexan un asunto transversal presente en todas as áreas de goberno e en todas as políticas públicas, algo necesario para avanzar na igualdade real". "Estes novos recursos son unha peza máis no traballo do Goberno local que iniciou coa instrución de transversalidade ou Plan de Igualdade para a organización municipal", apunta.

O consello municipal estará composto, á súa vez, por un órgano de presidencia, un pleno e unha secretaría, ademais dunha comisión permanente que poderá constituír grupos de traballo específicos. Estes teñen a función de elaborar diferentes informes e propostas de cara a realizar aquelas actividades que se consideren axeitadas dentro dos obxectivos de igualdade de xénero postos en marcha dende o goberno local.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión