Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de xaneiro de 2019

O goberno local insta á Xunta “a que aposte polos servizos esenciais de atención á cidadanía” e pide que dote ao COF dos medios persoais necesarios “para poder garantir o normal desenvolvemento do seu labor”

Rocío Fraga advirte da problemática relativa á situación laboral na que se atopa parte do equipo do Centro de Planeamento Familiar, “derivada dunha mala xestión de persoal por parte do SERGAS, que ten que dotar de estabilidade a un espazo moi necesario para a veciñanza”

O goberno municipal da Coruña demanda á Xunta de Galicia que dote ao Centro de Planeamento Familiar de Orillamar (COF) dos medios persoais necesarios que garantan un servizo de calidade para a veciñanza no espazo de referencia na atención á saúde afectiva e sexual da cidade. Segundo a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, o centro da rúa Tui, que desenvolve a súa actividade xestionado pola administración local a través dun convenio que esta mantén co Servizo Galego de Saúde, atópase nunha situación que define como "problemática" debido á xestión de persoal realizada polo SERGAS, "que non dota ao espazo dos medios e recursos que precisa para poder ofrecer un servizo tan específico como é o do COF".

"A situación é alarmante. O vindeiro mes de marzo xubilarase a persoa que ocupa a praza de xinecoloxía do COF e a información que nos chega desde o Servizo de Xinecoloxía é que a Xunta carece de persoal para poder cubrir esta praza, polo que intentará que o servizo sexa cuberto por varias profesionais, sen garantías de que sexa sempre a mesma persoa, nin todos os días da semana. A cidade non pode permitirse que o SERGAS non teña perspectivas de substitución para un servizo público", explica Fraga.

A responsable municipal lembra, ademais, que o servizo de xinecoloxía do COF de Orillamar leva seis anos suplindo ao do Ventorrillo, "que se atopa nunha situación moito máis limitada" pola xubilación, no ano 2013, do seu xinecólogo. "O Concello, como administración máis próxima a cidadanía, debe ter a posibilidade de achegar solucións reais e de calidade ás necesidades da veciñanza. Ese é o compromiso do goberno local e por iso, temos a obriga de demandar e reclamar, unha vez máis, á Xunta de Galicia, que aposte pola sanidade pública e que dote ao COF, como é a súa responsabilidade por convenio, dos medios persoais necesarios para poder garantir que se ofrece unha atención básica á veciñanza, particularmente durante as baixas de persoal", subliña Fraga.

"Hai persoal que tamén está próximo a rematar o contrato, como as prazas da matrona e a enfermeira, e é necesario garantir non só una cobertura adecuada, senón un mínimo de estabilidade no cadro de persoal, que precisa dunha formación específica. Isto é algo que tamén acontece cando se producen períodos vacacionais ou baixas temporais. Nestes casos o SERGAS nin tan sequera prevé a necesidade que poidan ter as traballadoras e traballadores de contar cun período formativo previo á súa incorporación, unha cuestión moi necesaria para desenvolver un traballo tan específico como é o do COF, o que supón moitas veces que cando o persoal xa dispón da formación suficiente ten que marchar do centro", explica a concelleira. A este respecto, Fraga sinala que a falta de previsión, de persoal especializado e de tempo de formación para poder acompañar e formar ás novas incorporacións, poder derivar en bloqueos de axendas, "en detrimento dun servizo esencial e de referencia para a veciñanza".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión