Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de maio de 2018

A concelleira de Igualdade presenta a terceira edición da Barbería Solidaria, que suma novas colaboracións "para visibilizar a realidade das persoas que viven con esclerose múltiple"

Rocío Fraga lembra que a iniciativa, promovida por ACEM e que se desenvolverá o 9 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez, incorpora perruqueiras “pola alta demanda de mulleres nos dous últimos anos”

A III Barbería Solidaria celebrarase o vindeiro 9 de xuño. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá a nova edición da iniciativa, que organiza o Concello coa colaboración da Asociación Coruñesa da Esclerose Múltiple, ACEM, co obxectivo de visibilizar a enfermidade e sensibilizar á cidadanía do labor da entidade, á vez que se recadan fondos a prol da mesma. Trátase dunha proposta que, tal e como apuntou Fraga, "xerou moito interese entre a veciñanza nas dúas pasadas edicións, o que permitiu visibilizar a realidade das persoas que viven con esclerose múltiple". A este respecto, a concelleira destacou a incorporación de perruqueirras nesta edición, "debido á alta demanda da veciñanza, en concreto de mulleres, o pasado ano", así como o incremento de profesionais que participarán, pasando de 63 a 67, "atendendo tamén á cuestión de xénero e contando cunha maior representación de barbeiras e perruqueiras".

A III Barbería Solidaria comezará ás 15.00 horas coa chegada de barbeiros, barbeiras e perruqueiras, que realizarán corte de cabelo ou afeitado por 7 euros. As persoas interesadas en realizar ambas accións, aboarán, en total, 14 euros. Á mesma hora, incorporaranse tamén o persoal voluntario e colaborador, e DJ La Isla, que porá música á xornada. Contra ás 16.00 horas, o grupo de moteiras e moteiros Solidariedade sobre rodas KM0 sumaranse á actividade e, a partires das 17.00 horas, comezará o espectáculo de maxia a cargo do Mago Nash. O peche da xornada terá lugar ás 21.00 horas.

"Desde o goberno local queremos promover iniciativas que favorezan a autonomía de entidades da sociedade civil, como o caso de ACEM, que realiza un labor imprescindible na cidade", sinalou a responsable municipal, que estivo acompañada na presentación por Isabel Gorgal, coordinadora de eventos da asociación, e Diego Saavedra Trasancos, secretario da mesma. Na súa intervención, Trasancos lembrou que a entidade conta con máis de 250 persoas socias, entre afectadas e colaboradoras, e que iniciativas como a Barbería Solidaria "permiten acadar fondos para poder mellorar a calidade dos servizos que se prestan, como transporte adaptado e traballo social, ou fisioterapia e atención psicolóxica, ambas en colaboración con FEGEREC".

Documentos:

Cartel III Barbería Solidaria (5 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión