Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de outubro de 2018

A Coruña acolle desde este xoves ata o 3 de decembro a segunda edición do Festi=, “unha plataforma para que as persoas diversas amosen a súa produción cultural”

A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, salientou que o festival servirá para poñer en valor os proxectos de inclusión a través da expresión cultural do programa municipal Cultura Accesible e Inclusiva

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá en rolda de prensa a segunda edición do Festival de Artes pola Inclusión Social Festi=, que se celebrará na cidade entre o vindeiro xoves, 18 de outubro, e o 3 de decembro e que servirá para reforzar a visibilidade e difusión aos proxectos do programa Cultura Accesible e Inclusiva, que trata de fomentar a inclusión das diversidades e facilitar o acceso da cultura desenvolvendo proxectos conxuntos entre entidades sociais e culturais. "Durante case mes e medio a cidade encherase de cultura e arte de todas as disciplinas e para todo tipo de públicos, eliminando todas as barreiras físicas ou sensoriais que poidan dar lugar a discriminacións", dixo a responsable municipal, que evidenciou que a intención deste festival é "o de ser unha plataforma no que as persoas con diferentes capacidades amosen a súa produción cultural, formando parte dun programa diverso con multitude de propostas e puntos de vista que compoñen un mosaico que reflexa moi ben a realidade".

Nesta segunda edición, o Festi= acollerá actividades de nove dos proxectos resultantes da segunda convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, que o Concello desenvolve a través da Fundación Emalcsa e coa colaboración de distintas entidades e empresas que realizan labores de mecenazgo. A programación completa do festival pode consultarse na web www.coruna.gal/igualdade/festigual.

Fraga recordou que a pasada edición, o programa Cultura Accesible e Inclusiva, dotado dun orzamento de 100.000 euros, subvencionou un total de 13 proxectos culturais que alcanzaron a preto de 10.000 persoas de toda a cidade. "Entre os mesmos había actividades de danza, teatro, cine, pintura, música, poesía, fotografía, museísmo e patrimonio cultural", comentou a concelleira, que manifestou que estas actividades veranse plasmadas dentro da programación do Festi=, que se desenvolverá en distintas partes da cidade, tratando de favorecer en todo momento á accesibilidade. No acto de presentación de actividades, a titular de Igualdade quixo destacar o labor das entidades colaboradoras tanto neste evento como na propia Cultura Accesible e Inclusiva. De feito, a rolda de prensa contou coa presenza de Amalia Baltar en representación de Naturgy; Belén Rey pola Fundación María José Jove; Ignacio Rodríguez Taboada e Enrique Bellón de Banco Sabadell e a Fundación Banc Sabadell, así como Isabel Sanjuan por Repsol.

Programación

A programación arrincará este xoves, día 18, co Ciclo de Lírica Inclusiva da Asociación de Amigos de la Ópera de A Coruña. As actividades terán lugar nesa xornada, ás 19.00 horas, no Centro Cívico de Monte Alto e tamén o 2 de novembro no Centro Ágora ás 20:00 horas.

O 7 de novembro o Teatro Colón acollerá dende as 20:30 horas o espectáculo Picasso: A ollada nas mans, de Experimentadanza e a Asociación Diversos, coa participación da Banda Municipal da Coruña, mentres que o 9 de novembro as Xornadas de Cultura Accesible e Inclusiva encherán o Centro Ágora de conferencias, mesas de debate e formación que precisarán inscrición previa pero que como o resto das actividades serán de carácter gratuíto.

Entre o 14 e o 30 de novembro a Asociación Participa levará a cabo roteiros inclusivos con visita guiada ao Museo de Belas Artes, sempre con inscrición previa, e entre o 15 e o 26 de novembro terán lugar diferentes obradoiros (Biodanza, DJ, poesía e lingua de signos), que desenvolverán as Asociacións Sen Animo de Nome e Negus.

Fraga salientou o alto nivel escénico da programación que o 15 de novembro levará o espectáculo Despertares de La Quinta del Arte ao Teatro Rosalía e a La Quintana Teatro con Desde lo Invisible, premio MAX de teatro. O 29 de novembro a sitcom de Proxecto Máscaras "E do meu que?" presentarase ás 17:30 no salón de Plenos do Concello para proxectarse ás 19:00 horas no Rosalía. Ademais, entre o 22 de novembro e o 9 de decembro, o pazo municipal acollerá a tradicional exposición da Sociedade Filatélica.

Xornada especial do 2 de decembro

A titular de Igualdade salientou que a xornada estrela da programación terá lugar o día 2 de decembro con programación dende as 11:00 horas da mañá ata as 22:00 da noite no Ágora.  Durante a mañá terá lugar a inauguración das xornadas a cargo de Rober Pier e Tres por Cuatro, así como a apertura da exposición FTloE [unha visión de Beckett] de Urza e a representación Fuera de todo lo extraño. Tamén poderase asistir a Músicas en Igualdade na Cafetería do Ágora, á representación de Pallas@s en Rebeldía da obra de teatro O Valo e a unha mostra do obradoiro previo de poesía e lingua de Signos.

A tarde do día 2 amosará a fusión de ciencia e música con Deseñando e Unindo Sons da Asociación Cultural Zalaeta, así como un contacontos con lingua de signos de Vero Rilo. De 17:00 a 19:00 proxectarase o filme Coherence, nun evento que rematará cun debate na Aula do Ágora. Mentres tanto, na cafetería haberá Músicas en Igualdade ás 18:00h cos picadiscos de Negus. A xornada rematará coa mostra do Obradoiro de Biodanza e co concerto de Mercedes Peón Déixaas - Tras os muros.

Cultura Accesible e Inclusiva

Por outro lado, a concelleira recordou que este venres, 19 de outubro, remata o prazo para presentar proxectos dentro da terceira edición da convocatoria de axudas de Cultura Accesible e Inclusiva, programa que, de novo, está dotado dun montante de 100.000 euros.

Documentos:

Programación do Festi= (8 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión