Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de outubro de 2018

Igualdade celebra unha xornada de difusión e posta en valor do traballo de axentes e entidades locais que empregan a cultura como ferramenta para a inclusión social

A concelleira Rocío Fraga sinala que a iniciativa, que terá lugar no centro Ágora o 9 de novembro, se enmarca na segunda edición do Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festi=, que comeza mañá no centro cívico de Monte Alto

O centro Ágora acollerá o vindeiro 9 de novembro a Xornada sobre Cultura Accesible e Inclusiva, unha proposta aberta á veciñanza que se pretende situar como un espazo de encontro e intercambio de experiencias entre profesionais de distintos ámbitos que teñen interese na creación cultural como ferramenta da inclusión social. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Igualdade e Diversidade e que se enmarca na segunda edición do Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festi=, pretende difundir e poñer en valor as iniciativas e organizacións que traballan a inclusión social desde o ámbito da cultura, tanto a nivel local como doutras localidades, así como favorecer a incorporación dunha perspectiva inclusiva no traballo de artistas e persoas a cargo da promoción, programación ou distribución, entre outros aspectos. "Queremos visibilizar, a través de faladoiros, o traballo das entidades locais a prol da inclusión, pero tamén incorporar a perspectiva de quen leva anos traballando, fóra da Coruña, no eido da accesibilidade da cultura e das artes", explica a edil Rocío Fraga.

A estrutura da xornada, que comezará ás 10.00 horas do venres 9, articúlase arredor de cinco eixos baixo o formato de mesas redondas. A primeira, que abordará a Cultura como ferramenta de inclusión social, contará coas experiencias de The Garden School de Londres, CulturaActiva Sociedade Cooperativa Galega, e o Grupo AMÁS. A partires das 11.30 presentaranse as iniciativas que participaron na II Convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva, que o Concello da Coruña desenvolveu a través da Fundación Emalcsa e cuxas actividades chegaron a máis de 10.000 persoas participantes. Neste faladoiro participarán tanto a concelleira de Igualdade como Marga Barrera, da Fundación ADCOR, ou Verónica Filgueira, de CASCO. Tras unha pausa, entre as 12.45 e as 14.00 horas abordaranse Experiencias de inmersión na escena normalizada, que permitirá visibilizar o traballo de Nos, why not?, a axencia de profesionais da fotografía con diversidade intelectual; Vendetta Ultratumba, unha novela escrita con persoas con diversidade funcional; así como o grupo musical Imperfectos.

Xa na sesión da tarde, contra ás 16.00 horas comezará o faladoiro Promoción cultural inclusiva desde o sector público e privado, no que participarán a directora do Teatro Colón, Bettina Kohlhaas, a responsable do equipo de actrices e actores con diversidade da película Campeones, Allende López, e Sergio Aguinaga, do grupo AMÁS. De seguido, a partires das 17.10 horas, trasladaranse ao público distintas Perspectivas innovadoras de inclusión social desde a cultura, nas que se abordarán os casos da ONG Dididai Nepal ou da Fundación Jicoteca. Finalmente, as actrices e paiasas Vanessa Rivas e Teresa Babío pecharán a xornada, a modo de relatorio das diferentes conclusións, cunha proposta denominada Clownferencia.

A participación na xornada é gratuíta, pero é preciso realizar a inscrición previa na xornada a través do teléfono 981.237.258 ou do correo electrónico xornadafestigual@gmail.com

Festi=

A Xornada sobre Cultura Accesible e Inclusiva forma parte da programación para este 2018 do Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festi=, evento que pon en valor os proxectos que se desenvolven no marco da convocatoria municipal Cultura Accesible e Inclusiva, e que se celebrará desde mañá, xoves 18, e até o domingo 2 de decembro en distintas localizacións da Coruña.

A programación expandida do Festi= comezará mañá cun concerto no centro cívico de Monte Alto enmarcado no Ciclo Lírica Inclusiva, organizado por Amigos da Ópera da Coruña e que pretende fomentar a apreciación desta disciplina. O recital, cuxa entrada será libre, comezará ás 19.00 horas e contará coa participación do tenor Diego Neira, que interpretará distintas obras de ópera ou zarzuela.  A segunda actuación do ciclo terá lugar o venres 2 de novembro, no centro Ágora, a partires das 20.00 horas, e contará coa presenza do tenor Francisco Corujo e a orquestra Gaos.

Durante os meses de novembro e decembro o festival levará a diferentes espazos da cidade un amplo abano de disciplinas artísticas abertas, participativas, inclusivas, libres de barreiras e aptas para todos os públicos. Para máis información sobre o evento, que conta co patrocinio da Fundación María José Jove, Vegalsa, Fundación Banco Sabadell, Repsol e Naturgy, pódese consultar a páxina web municipal do Festi=.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión