Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de setembro de 2018

O Concello celebra o 35º aniversario do COF cunha programación de actividades que afonda no labor educativo e informativo "dun espazo de referencia para a saúde afectivo-sexual"

A edil de Igualdade, Rocío Fraga, salienta a recuperación do programa ‘Tarde Xove’, que foi retirado no ano 2009 polo Sergas, a través de obradoiros dirixidos á mocidade

O Centro de Planeamento Familiar da Coruña (COF) celebrará, no último cuadrimestre deste ano, o 35º aniversario da súa posta en marcha como servizo de referencia na atención á saúde sexual e reprodutiva na cidade. O espazo, creado polo Concello da Coruña no ano 1983 e que a administración local xestiona a través dun convenio que mantén co Servizo Galego de Saúde (Sergas), ofrecerá un extenso programa de actividades aberto a todos os públicos "co obxectivo de visibilizar e reivindicar o labor do centro, especialmente o seu traballo tanto no eido educativo como informativo", segundo explicou este luns a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. "O COF é un dos espazos de referencia na cidade en relación á educación e divulgación informativa de saúde afectiva sexual e debemos coidalo, a pesares dos múltiples recortes que veñen sufrindo todos os servizos vinculados á sanidade pública, en especial na saúde afectivo-sexual e reprodutiva e, en concreto, a das mulleres", sinalou Fraga, quen lembrou que o centro da rúa Tui vén denunciando desde 2012 "unha importante sobrecarga nas atencións xinecolóxicas ante o peche deste servizo no centro de planeamento do Ventorrillo".

Dentro da programación que terá lugar no marco do 35º aniversario da posta en marcha do centro, e que inclúe faladoiros, contacontos, concertos  ou obradoiros, a concelleira destacou a recuperación do programa Tarde Xove, "programa que foi retirado no ano 2009 polo Sergas e que tiña un papel moi importante á hora da prestación de servizos de atención á poboación xuvenil da Coruña, nun momento, ademais, no que o 25% de todas as consultas contabilizadas no COF eran de menores de 20 anos". "Aínda que non teñamos competencia para recuperar o servizo de atención xinecolóxica, a partires de outubro poñeremos en marcha este programa a través de obradoiros para dar cobertura á unha franxa de idade, como é a mocidade, que demanda especialmente información sanitaria e afectiva", expuxo a edil, quen avanzou que os talleres se ofrecerán nas tardes dos mércores e xoves no propio centro no último trimestre deste ano. "Abordaranse temáticas como a relación entre sexo e sexualidade, a diversidade sexual e as identidades de xénero, o pracer e o desexo, entre outras", explicou Fraga, quen avanzou que darase a posibilidade de asistir ao obradoiro completo ou ben específicos sobre cuestións particulares.  

Programación de actividades  

As actividades comezarán a partires de mañá, cunha animación en rúa que se desenvolverá entre os días 25 e 27 chamada Ruada afectivo-sexual Os emojis do COF, para dar a coñecer a programación. O xoves 27 terá lugar o faladoiro inaugural da conmemoración, titulado o papel do movemento feminista na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos nos últimos 50 anos, que impartirá Lodla Ferreiro Díaz e moderará Chuz Díaz Anca, psicóloga clínica do COF. O faladoiro terá lugar no aula 9 do Centro Ágora, a partires das 20.00 horas. Ao día seguinte, o venres 28, o Campo da Leña acollerá, desde as 21.00 horas, o Concerto dos praceres seguros e diversos, que contará coas actuacións de Taller Naranja Imaginario, Ezetaerre, Tanxugueiras e Wöyza.

Xa no mes de outubro, a acción desenvolverase, fundamentalmente, nas Bibliotecas Municipais, a través de iniciativas "máis inclusivas e dirixidas tanto a menores como as súas familias", segundo apuntou Fraga. Así, entre os días 2 e 9 de outubro, terá lugar o obradoiro para familias O meu corpo é meu, que abordará o respecto pola propia integridade corporal e os límites das nenas e dos nenos. Esta actividade desenvolverase polas tardes, en distintas xornadas, nos centros Sagrada Familia, Monte Alto, O Castrillón, Os Rosales, Infantil e Xuvenil, Ágora e Fórum, así como no punto de servizo bibliotecario de Novo Mesoiro --en horario de mañá--. A continuación, entre os días 15 e 23 de outubro, chegará o contacontos De onde veñen os bebés? (e outras preguntas), dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 8 anos, e que se ofrecerá tamén nos centros anteriormente mencionados.

Ademais, neste mes terán lugar dous novos faladoiros. Por unha banda, o día 4 celebrarase na biblioteca do Ágora o encontro O papel da literatura infantil e xuvenil na educación afectivo-sexual, no que participarán as profesoras e investigadoras Montse Penas Presas e Lola Ferreiro Díaz, e que moderará a directora do espazo, Cristina Ameijeiras. Por outra, o xoves 25, abordarase o Pasado, presente e futuro dos centros de planeamento familiar en Galicia. Un modelo de intevención integral, no que participarán a traballadora xubilada do COF Marián Ferreiro, o presidente da Federación de Planificación Familiar en España, Guillermo González Antón, o xerente da Área Integrada da Coruña, Luis Verde Remeseiro, e a xefa do servizo de xinecoloxía e obstetricia do Chuac, Belén López Viñas. Moderará este encontro, que tamén terá lugar no Ágora a partires das 21.00 horas, o director do COF de Orillamar, Xosé Anxo Vidal Pan.

Teatro para todos os públicos

A través do programa Coruña Educa, a programación deste 35º aniversario contará con espectáculos de artes escénicas dirixidos a todos os públicos, en especial ao alumnado coruñés durante o horario lectivo, e ofrecerá a posibilidade de asistir aos mesmos con pases abertos e gratuítos nas fins de semana.

Do 18 ao 20 de outubro, representarase no Fórum Metropolitano o espectáculo Pum Pum, de Baobab Teatro, que aborda a prevención do abuso sexual infantil, e que se dirixe ao segundo ciclo de Educación Infantil e ao primeiro ciclo de Educación Primaria. Os centros educativos poderán inscribirse a través da web de educación, www.coruna.gal/educación, e as familias terán un pase aberto o sábado 20, ás 18.30 horas --as entradas pódense retirar con antelación a través da plataforma Ticketea--.  Este mesmo formato repetirase dos días 13 ao 15 de decembro, coa obra Rosa Caramelo, de Talía Teatro, tamén dirixida ao alumnado de CEIP. A obra aborda a socialización e os roles de xénero desde a infancia. Ademais dos pases para os centros, haberá unha representación para familias o sábado 15, ás 18.30 horas --as entradas para esta función poderanse retirar tamén a través de Ticketea--.

De cara ao alumnado de secundaria, do 23 ao 25 de outubro ofrecerase aos IES a posibilidade de asistir ao teatro-obradoiro Vestido de Voda, que se representará no Fórum Metropolitano; e os días 13 e 14 de novembro, poderanse inscribir para as funcións de Mosca, de Sudhum Teatro, que pon de relevo o acoso escolar homofóbico. De cara a esta obra, tamén poderán asistir as alumnas e os alumnos dos centros que impartan bacharelato e formación profesional.

Por último, entre os días 12 e 20 de novembro, a programación contará co contacontos Rato Canguro, dirixido a menores de entre 3 e 8 anos, no que se abordarán os novos modelos familiares  Esta actividade ofrecerase pola tarde, ás 18.00 horas, nos centros do Ágora, Sagrada Familia, Monte Alto, O Castrillón, Os Rosales, Durán Loriga e Fórum, ademais do punto de servizo de Novo Mesoiro, que terá lugar, neste caso, en horario de mañá o sábado 17 de novembro.

Documentos:

COF - Tríptico programación 35º aniversario (560 KB)

Tarde Xove do COF - Díptico programación obradoiros (865 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión