Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de novembro de 2018

O Concello entrega os premios do concurso 'Muros que unen', cuxas obras gañadoras xa se poden ver na rúa Posse e na Falperra

A edil de Igualdade, Rocío Fraga, lembra que a iniciativa se desenvolveu no marco da colaboración do Fondo Galego de Cooperación, dentro das accións para visibilizar a loita contra a pobreza e a igualdade de xénero

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, entregou esta mañá no Pazo de María Pita os diplomas que recoñecen os traballos gañadores da primeira edición do concurso Muros que unen, e que tiña como obxectivo visibilizar a loita contra a pobreza e a igualdade de xénero, dúas das 17 metas globais escollidas pola ONU como Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030. Os murais, Ningures de Noel Rodríguez 'Novenoel', e O lavadoiro da Falperra, de Eva Seoane, resultaron premiados nun certame "que aposta por muros que unen, que convidan á reflexión, da que agardamos que parta a implicación e a participación contra as desigualdades", apuntou Fraga.

A primeira edición tiña como obxectivo visibilizar dous dos ODS, como son o Fin da pobreza en todas as súas formas en todo o mundo, e Acadar a iguladade entre os xéneros e empoderar a mulleres e nenas. O traballo de Novenoel, situado no viaduto da avenida de Oza sobre a rúa Posse, presenta un espazo relacionado co imaxinario colectivo relativo ás pontes como símbolo de perseverancia e resiliencia fronte ás adversidades. Por outra banda, a obra que Eva Seoane realizou nas escaleiras que ascenden á Falperra desde a Rolda de Nelle, ao carón do viaduto de San Pedro de Mezonzo, pon de manifesto a existencia do antigo lavadoiro da Falperra, e pretende reivindicar o labor das cigarreiras e traballadoras do muro así como o seu protagonismo na loita polos dereitos laborais, sociais e vitais. "Desde o goberno da Coruña agardamos que esta sexa a primeira edición de moitas, coas que poidamos contar, en distintos lugares da cidade, espazos artísticos que conviden á veciñanza a reflexionar sobre os ODS", afirmou Fraga.

O concurso desenvolveuse no marco da colaboración que o Concello da Coruña mantén co Fondo Galego de Cooperación, entidade coa que asinou un convenio de 20.000 euros para a realización de diversas actividades no municipio durante o presente exercicio. "Ademais de formar parte da súa Comisión Executiva, somos o concello de Galicia que máis recursos económicos achega ao Fondo, como parte do compromiso por implicar á veciñanza na visibilización e reflexión sobre situacións de desigualdade", apuntou a edil. Ao fío, a concelleira lembrou que esta colaboración "complétase con diferentes accións sensibilizadoras que estamos a realizar con outras entidades da cidade que traballan en materia de cooperación, aínda que as administracións locais dispoñemos de poucas competencias neste eido". Así, destacou que a área de Igualdade xa publicou as bases para as subvencións da área, mediante trámite anticipado, para presentar propostas que se poidan executar durante o ano 2019 e nas que se inclúe unha liña de subvencións "específicas para o impulso de accións de formación e sensibilziación tendentes á construción dunha cidadanía global", ademais de outras dúas que tamén recollen un enfoque sobre a diversidade e a igualdade. Á convocatoria destinaranse 150.000 euros, dos cales 60.000 euros serán para o financiamento de gastos de funcionamento das entidades, e 90.000 para o desenvolvemento de proxectos e actividades. O prazo para presentación de propostas estará aberto até o 8 de decembro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión