Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xuño de 2018

O Concello pon en marcha o servizo de salvamento e socorrismo nas praias da cidade, que este ano contará cun equipo formado por 65 persoas, 10 máis que en 2017

A titular de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, indicou que o servizo comezou a ofertase este venres grazas a un contrato de emerxencia á espera da adxudicación definitiva, que se adiou por mor dun recurso administrativo

As cinco praias urbanas da Coruña (Riazor, Orzán-Matadoiro, As Lapas, San Amaro e Oza), todas con bandeira azul, contan dende esta xornada e, como mínimo, até o próximo 30 de setembro, con servizo de socorrismo. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, que ten as competencias en materia de Seguridade Cidadá, visitou hoxe ás praias da cidade e salientou que o dispositivo de seguridade medra este ano de 55 a 65 persoas, entre as que se atopan 45 socorristas con titulación específica, 7 patroas de embarcación, 2 persoas coordinadoras, 2 técnicas de emerxencias sanitarias, 2 enfermeiras, 2 médicas, 2 auxiliares de baño, unha encargada de material e dúas persoas encargadas de actividades. Este persoal, segundo especifica o contrato, ademais de atender á poboación en xeral, prestará axuda aos e ás usuarias con mobilidade reducida que se acheguen até Riazor. O horario de atención será de 11.00 horas a 21.00 horas.

"Este ano o que pretendemos é que ademais de atender á poboación ante casos de risco, o servizo de socorrismo da cidade tamén cubra un labor de formación, sensibilizando á veciñanza dos problemas ambientais e dando a coñecer a cantidade de residuos que deixamos neles", comentou Fraga. O servizo de socorrismo nas praias coruñesas comezou, como todas as tempadas, a desenvolverse o 15 de xuño, desta vez, a través dunha contratación de urxencia, feito debido a que a adxudicación definitiva non se puido aínda resolver ao pesar sobre ela un recurso, sobre o que hoxe mesmo se pronunciou o Tribunal de Recursos Contractuais de Galicia. "Esta mesma mañá fomos informadas por parte deste órgano de que se estimaba o recurso da empresa licitadora que o presentou de forma que a mesma, Move, resulta adxudicataria do contrato. Non obstante, nestes momentos, como dicimos, hai outra empresa que está a levar a cabo este contrato de emerxencia, que expirará no momento no que se formalice o contrato definitivo", comentou a responsable municipal, quen indicou que, nese momento, darase conta das "melloras de servizo que veñen aparelladas coa adxudicataria definitiva e que forman parte da oferta coa que se presentou ao proceso de adxudicación".

"Coma sempre, ao longo destes meses, a pesar que contamos co servizo de socorrismo, imos insistir moito na responsabilidade que debe amosar a propia veciñanza, que debe respectar as indicacións e consellos do servizo de salvamento e socorrismo, así como chamar ao 112 no momento no que detecten algún perigo", advertiu a concelleira, que recomendou tamén "ler atentamente os carteis informativos que están nas entradas das praias e consultar co servizo as zonas máis recomendables para o baño". "O pasado ano, atendéronse nas praias 599 incidencias. A maioría derivaban de feridas de distinta consideración, aínda que houbo 13 casos de persoas rescatadas da auga", recordou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión