Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de xaneiro de 2019

O goberno municipal consolida a Unidade de Asesoramento ás Migracións coa incorporación de persoal e a creación dun novo programa de reagrupamento familiar

O alcalde e a concelleira de Igualdade visitaron as instalacións da UAMI, que desde setembro se sitúa no centro cívico dos Mallos. O servizo atendeu no 2018 a un total de 1.145 persoas e organizou 44 cursos, nos que a participación se incrementou nun 35%

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, visitaron esta semana as instalacións da Unidade de Asesoramento ás Migracións (UAMI), servizo municipal que ten como finalidade desenvolver un programa integral de atención, orientación e asesoramento á poboación migrante que se atopa na cidade da Coruña. O servizo vén de incorporar, no último trimestre do pasado ano, novo persoal "co obxectivo de garantir unha mellor atención, de maior calidade, ás necesidades legais, sociais e laborais das persoas migrantes e as súas familias, nun ano no que aumentou tanto o número de atencións directas como a participación nos distintos programas, tanto formativos como desde a Escola Intercultural", segundo sinala Fraga. Así, ao equipo de persoas dedicadas ao asesoramento xurídico, orientación e inserción laboral, e ao traballo social, incorpóranse unha técnica de igualdade, unha auxiliar de atención á cidadanía e unha coordinadora de centros e programas, "para facilitar o traballo en equipo con outras áreas do Concello", explica a edil.

Dende o pasado 17 de setembro, o goberno municipal reagrupou os distintos servizos que dependen da UAMI no centro cívico dos Mallos, "coa idea de facilitar que a veciñanza atope neste equipamento un espazo referencial e a todo un equipo consolidado a súa disposición", apunta Fraga. Entre as atencións desta unidade, sitúanse o acompañamento na tramitación de autorizacións de residencia ou traballo, visados, solicitudes de nacionalidade, legalización de documentos ou orientación e tramitación de recursos sociais, ademais da elaboración de informes de inserción social e vivenda necesarios á hora de presentar a solicitude de autorización de residencia por arraigo ou reagrupación familiar. Ao longo de 2018, a UAMI atendeu a 1.145 persoas --590 mulleres e 555 homes-- que realizaron 1.700 consultas, na súa meirande parte vinculadas ás autorizacións de residencia temporal e comunitaria, ademais de reagrupacións familiares. "Tendo presentes estes datos e as necesidades da veciñanza, este ano poñeremos en marcha un programa específico destinado a todas aquelas persoas que xa iniciaron, ou desexen iniciar, un proceso de reagrupamento, coa idea de facilitar a súa inserción social", explica a edil, quen sinala que a iniciativa contará con sesións informativas, entrevistas e obradoiros para mulleres reagrupadas "para impulsar e favorecer a súa autonomía, empoderamento e xeración de redes informais de apoio", ademais de talleres dirixidos a menores de entre 12 e 18 anos "para traballar a súa inclusión no ámbito educativo".

Ademais, a UAMI conta cunha liña de traballo específica vinculada á información ou derivación aos servizos de emprego e consulta laborais, ademais de formativa. Neste sentido, o programa conta cun Club de Emprego, no que se ofrece atención específica para todas aquelas persoas que se atopan na procura activa de emprego e asesoramento en dereitos laborais. Tamén durante o 2018 desenvolveuse unha programación formativa anual na que se ofreceron 44 cursos --relacionados coa manipulación de alimentos, iniciación á informática, habilidades sociais, uso de aplicacións de emprego e busca do mesmo, entre outras temáticas-- nos que participaron 572 persoas, o que supuxo un aumento dun 35% respecto aos cursos de 2017.

Escola Intercultural

Unha das liñas de traballo da UAMI é a Escola Intercultural, un espazo socioeducativo e sociocomunitario de intervención coa poboación infantil e adolescente --entre 3 e 17 anos-- migrante da cidade "que pretende facilitar a adquisición de competencias lingüísticas necesarias para facilitar a súa integración social e educativa, á vez que favorece a comunicación e a convivencia desde un enfoque integrador e sensible ás diversidades", segundo explica Fraga. O programa está a traballar, na actualidade, con 91 menores de 15 centros educativos da cidade, en coordinación cos equipos de orientación destes CEIP, IES e CIPF. Tal e como fai notar a concelleira, este curso a participación na Escola incrementouse nun 89% respecto á pasada edición, "o que referenda a aposta do goberno municipal por este programa, que afonda na liña de traballo dunha cidade máis xusta, plural e igualitaria". Así, a edil lembra que actualmente o novo contrato da Escola, que se atopa en fase de adxudicación, triplica o investimento no mesmo, ao pasando de 35.000 a 103.000 euros anuais. "O novo contrato aumentará en 3.000 o número de horas e actividades de lecer alternativo, tamén no verán, e ofertará novas actividades para familias e a propia comunidade, entre outras melloras", asevera a responsable municipal de Igualdade e Diversidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión