Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de maio de 2019

O Pleno aproba de forma definitiva o modificativo de 14 millóns de euros sobre o orzamento prorrogado, que permitirá facer fronte a gastos obrigatorios, convenios e proxectos demandados polos barrios

A Cámara deu tamén luz verde no seu trámite inicial á Ordenanza de Igualdade, que nace co obxectivo de eliminar calquera discriminación por cuestións de xénero do eido local

O Pleno municipal aprobou este luns de forma definitiva o modificativo de 14 millóns de euros proposto polo goberno local sobre o orzamento prorrogado de 2018 e co que se poderá facer fronte a diversos investimentos: gastos obrigatorios para atender ás necesidades do persoal e poñer fin ao conflito relativo ao edificio Conde de Fenosa, convenios con entidades da cidade no ámbito social, veciñal, deportivo e cultural e actuacións demandadas pola veciñanza dos barrios da cidade. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, destacou que todos os gastos que se poderán acometer grazas a este modificativo estaban xa contemplados no proxecto de orzamento municipal para 2019, elaborado polo executivo municipal, 30 millóns de euros superior ao prorrogado de 2018, e que foi tombado no Pleno cos votos conxuntos do PSOE e o PP sen que presentasen emendas ou achegas ao mesmo. O modificativo saíu adiante, de xeito definitivo, cos votos a favor do goberno local e a abstención do resto de formacións da cámara municipal.

O modificativo regresou ao Pleno para a súa aprobación definitiva logo de ser sometido ao trámite de exposición pública, período no que se presentaron catro reclamacións que foron desestimadas, tres relativas ás expropiacións no Castro de Elviña e unha cuarta presentada polo BNG. A titular de Facenda manifestou que as tres reclamacións que solicitaban a inclusión no modificativo do crédito necesario para afrontar o pago de indemnizacións derivadas do procedemento de expropiación de terreos en Elviña levada a cabo cando o PSOE coruñés estaba á fronte do goberno local foron desestimadas en base a distintos informes, tanto da asesoría xurídica como da secretaría municipal. "Estas reclamacións non foron tidas en conta ao entenderse que, neste momento, no se produce unha causa taxada de reclamación ao orzamento. Desestimamos, por tanto, estas alegacións, sen prexuízo de que unha vez realizados os trámites necesarios que xa están iniciados deban incluírse as partidas necesarias para facer fronte a esas obrigas", indicou. Do mesmo xeito, tamén foi desestimada a alegación presentada polo Bloque Nacionalista Galego ao concluírse que tampouco se baseaba en supostos taxados na lei reguladora de Facendas Locais. "Non ten moito sentido non presentar ningunha emenda ao modificativo na aprobación inicial do mes de marzo e, agora, presentar alegacións cando sabe que estas están limitadas legalmente", comentou a edil, que, non obstante, indicou que "o goberno local comparte o fondo das súas alegacións xa que, de feito, xa estaban contempladas no proxecto de orzamentos para 2019".  "A realidade é que se se tivera aprobado o proxecto de orzamentos municipais que presentamos en febreiro, os investimentos propostos polo Bloque xa poderían estar en execución, do mesmo xeito que os convenios ás entidades poderían estar xa tramitados", advertiu, recordando a dificultade para poder cadrar un modificativo sobre o orzamento prorrogado de 2018. "Socialistas e populares decidiron deixar caer un orzamento para a cidade este 2019 que daba solución a moitas das cousas que agora, logo de rexeitar as contas, piden meter dentro do presuposto", dixo Vieito. "Non se poden bloquear proxectos e logo esixir que saian adiante os mesmos proxectos que non se quixo un aprobar", opinou a edil.

Investimentos

Entre os gastos a financiar, de forma total ou parcial, con este modificativo destacan aqueles que son de obrigado cumprimento "e, polo tanto, os primeiros que debía acometer o Concello". Neste apartado figuran gastos de persoal non previstos no orzamento prorrogado por importe de 3,8 millóns de euros. Esta cantidade inclúe o incremento das retribucións do funcionariado aprobado polo goberno estatal, a cotización adicional á seguridade social derivada da xubilación anticipada da Policía Local, novos trienios do persoal municipal, aumento de gastos derivados da Oferta Pública de Emprego (OPE) adicional e outras necesidades de persoal non previstas no orzamento de 2018, agora prorrogado. A edil indicou, ademais, que no capítulo de gastos de obrigado cumprimento "tamén hai que ter en conta a necesidade de que o orzamento en vigor teña os fondos precisos para poder acometer ao acordo homologado polo TSXG que dá cumprimento á sentenza e evita o derrubo do edificio Conde de Fenosa". Deste xeito, o modificativo aprobado servirá para facer fronte ao pago de indemnizacións, para o que se reserva unha cantidade de 2.975.000 euros.

Por outro lado, e a través deste modificativo, o goberno local incrementará o crédito prorrogado nos capítulos 4 e 7, de modo que se inclúan todos os convenios nominativos con entidades e asociacións que estaban recollidas no proxecto de orzamentos para 2019 por importe de algo máis de 7,9 millóns de euros. Ademais, e grazas aos fondos que se conseguirán mediante préstamo bancario sumados ao aumento de ingresos adicionais por causa do novo arrendamento do Hotel Atlántico, o goberno local poderá abordar distintos investimentos necesarios para sacar adiante tanto proxectos demandados nos barrios da cidade e que estaban previstos no orzamento de 2019 como programas en colaboración con outras institucións públicas. Actuacións comprendidas dentro da estratexia EidusCoruña, fondos para sufragar actuacións de rehabilitación integral no grupo de vivendas María Pita, en Labañou, no Ventorillo e nas denominadas Casas de Franco, así como na Cidade Vella e Pescaría ou aportacións para que Emvsa poida culminar as obras no polideportivo e piscina do Castrillón son outros dos investimentos comprendidos neste modificativo, que tamén garante as cantidades correspondentes á anualidade deste ano en proxectos plurianuais como as obras dos mercados de Monte Alto e Santa Lucía ou no colector da EDAR de Bens.

Ordenanza de Igualdade

Por outro lado, o Pleno tamén deu o visto e prace de forma inicial  e por unanimidade á Ordenanza Municipal de Igualdade, unha norma impulsada polo goberno local e que nace co obxectivo de eliminar, no eido local, calquera tipo de discriminación e desigualdade que poida incidir sobre as mulleres e sobre as persoas en xeral, ademais de sentar as bases de futuro para lograr a máxima efectividade das medidas de igualdade na actuación diaria e cotiá do Concello. A idea do executivo municipal é que esta proposta se transforme "no documento normativo básico para a intervención do Concello en materia de igualdade". Así o manifestou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, que indicou que "esta ordenanza quere garantir a elevación da Igualdade como compromiso para o goberno local, como camiño para a consecución dunha sociedade máis igualitaria, xusta e solidaria pero, ao mesmo tempo, complexa e diversa". Aínda que a elaboración da ordenanza xa contou cun proceso participativo de consulta previa, de cara a coñecer a opinión da cidadanía, unha vez aprobada de forma inicial a ordenanza, a mesma pasará por un período de exposición pública "no que a cidadanía terá unha nova oportunidade de participar na súa redacción, facendo achegas ao texto que serán estudadas e, no seu caso, incorporadas".

Fraga manifestou que entre os obxectivos desta ordenanza --cuxo borrador foi tamén entregado ás entidades integrantes do Consello Municipal de Igualdade co obxecto de que fixesen achegas--  está "dotar dun maior rango ás políticas de igualdade, dentro do marco das políticas municipais, buscar unha maior implicación da cidadanía no obxectivo da igualdade, así como desenvolver ferramentas coas que integrar a perspectiva de xénero dentro da actividade cotiá do Concello". A ordenanza desglosa, ao longo dos seus distintos capítulos, as posibles actuacións da administración local para garantir a consecución dunha sociedade máis igualitaria, xusta e solidaria entre as que figura a elaboración dun Plan de Igualdade como documento que estableza o desenvolvemento e a concreción da política municipal en materia de igualdade entre mulleres e homes, así como unha comisión de seguimento e avaliación da ordenanza. "Resulta preciso e urxente seguir traballando no desenvolvemento de estratexias e ferramentas de cara a incidir coa maior eficacia posible no obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. A cidadanía está a demandar que redobremos esforzos no camiño á igualdade real, como foi evidente tras as mobilizacións do 8M, así como as que xurdiron como oposición e repulsa a casos de violencia machista", apuntou a concelleira. "Os gobernos locais podemos e debemos continuar, coa esperanza de que o traballo e o impulso desde o ámbito local local anime a dinamizar a acción no ámbito da igualdade entidades e administracións de maior escala, que deben tomar nota e responsabilizarse no marco das súas competencias", evidenciou Fraga. "O espírito da ordenanza é o de sentar as bases dunha serie de dereitos e necesidades en materia de xénero que xa non van poder ser botados para atrás por ninguén", resolveu.

Por outro lado, o Pleno tamén aprobou os estatutos e a cota anual da asociación Rede Impulsa, pola cal A Coruña forma parte da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión