Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xullo de 2018

O Planetario da Casa das Ciencias dedica sesións esta semana á eclipse de Lúa

O vindeiro venres 27 de xullo poderá gozarse dunha eclipse de Lúa, e desde o planetario contamos todo o necesario para que poder velo

O vindeiro venres, 27 de xullo, terá lugar unha eclipse total de Lúa que poderá verse desde Galicia; entón a Terra interpoñerase entre o Sol e a Lúa, deixándoa sumida nas sombras. Con motivo deste fenómeno astronómico, o Planetario da Casa das Ciencias dedicaralle uns minutos nas súas sesións desta semana.

As eclipses de Lúa pódense observar desde calquera lugar do planeta, abonda con ter unha visión despexada do horizonte cara ao leste. Nesta ocasión, os lugares máis privilexiados son o leste de África e o oeste de Asia, desde onde se poderá contemplar a totalidade da entrada e saída da Lúa na zona de sombra que proxecta a Terra.

En Galicia o espectáculo verase só en parte, xa que a Lúa sairá polo sueste xa completamente eclipsada cara ás 10 da noite. Arredor dunha hora máis tarde o noso satélite comezará a saír da zona de sombra da Terra, e poderase observar un cambio de brillo e de cor a medida que recibe de novo a luz do sol.

Durante a fase de totalidade, a Lúa non recibe luz directa do sol. Con todo, non queda completamente ás escuras, porque unha pequena porción da luz solar que atravesa a atmosfera terrestre logra alcanzala. A nosa atmosfera actúa á vez como unha lente e como un filtro, xa que dispersa por completo a parte azulada da luz do Sol e deixa pasar os tons avermellados. Por ese motivo, durante a totalidade dunha eclipse de Lúa é habitual que o noso satélite se tinga cos mesmos tons que adornan os crepúsculos terrestres. Un astronauta que se atopase na Lúa durante a totalidade da eclipse vería o noso planeta ocultando por completo o disco solar e rodeado por un anel de luz avermellada.

Observación coa Agrupación Astronómica Ío

A Agrupación Astronómica Ío organiza unha observación desta eclipse total de Lúa o venres 27 ás 22:00 h no Parque dos Menhires da Coruña, nos arredores da Torre de Hércules.

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión