Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de marzo de 2014

Medio Ambiente consegue certificar a xestión enerxética nos edificios municipais coa ISO 50001

O Concello da Coruña recibe a certificación UNE EN ISO 50001:2011 polo sistema de xestión da enerxía implantado ao longo dos anos 2012 e 2013 en 45 edificios municipais, conseguindo así un referendo ao bo labor desenvolto por preto de 70 traballadores municipais implicados na correcta utilización dos recursos enerxéticos, cun alcance nunca visto dentro da administración local a escala nacional.

A ISO 50001 é unha normativa internacional desenvolvida pola Organización Internacional para a Estandarización ou Organización Internacional de Normalización, coa que se establecen os requisitos para os sistemas de xestión de enerxía, sendo de aplicación voluntaria para todo tipo de empresas e organizacións. Este estándar permítelles ás organizacións un uso máis eficiente da enerxía e, por conseguinte, a redución de custos e emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas.

A implantación da norma no Concello levouse a cabo de forma paulatina, de maneira que os edificios municipais implicados dividíronse en tres bloques con tres niveis de compromiso: dende un nivel baixo, no que priman as medidas dirixidas ás boas prácticas do persoal municipal, ata o máis alto nos que a norma se aplica en toda a súa extensión, con medidas que afectan ao conxunto dos sistemas enerxéticos do edificio: envolvente, instalacións etc. A subida cara aos niveis máis esixentes conséguese a medida que cada edificio vai avanzando no cumprimento dos obxectivos.

Grazas a esta norma estandarizáronse todos os procedementos de xestión da enerxía, implicando de maneira transversal o persoal do conxunto das áreas municipais, nun complexo proceso que supón a primeira iniciativa desta natureza levada a cabo por un concello en toda España.

A aposta por este sistema de xestión tomouse aproveitando a implantación do sistema municipal de monitoraxe do consumo de enerxía en 52 edificios municipais, acción pioneira no ámbito estatal que xa foi merecedora do IV Premio ás Boas Prácticas polo Clima outorgado pola FEMP.

Entre todas as medidas destaca a creación da figura do xestor enerxético de edificio, de maneira que en cada dependencia designouse a unha persoa que se encarga de levar a cabo o seguimento dos consumos e informar de calquera aspecto que puidese resultar significativo dende o punto de vista do aforro e da eficiencia enerxética. Esta acción foi posible grazas ao enorme compromiso e á especial conciencia ambiental dos traballadores implicados.

 

Algúns dos compromisos asumidos na política enerxética municipais son os seguintes:

Asegurar a dispoñibilidade dos recursos necesarios para acadar os obxectivos establecidos relacionados coa mellora da eficiencia enerxética e o consumo da enerxía.

  • Cumprir cos requisitos legais aplicables e outros requisitos, relacionados co uso e o consumo da enerxía e a eficiencia enerxética, subscritos por este Concello.
  • Poñer en marcha e mellorar a Plataforma para a Xestión Centralizada da Enerxía que posibilita o control en tempo real dos consumos enerxéticos municipais, permitindo así unha explotación responsable dos recursos públicos.
  • Promover as mellores prácticas de xestión da enerxía e reforzar as boas condutas de aforro enerxético.
  • Dar prioridade á aplicación de novas tecnoloxías de eficiencia enerxética nos edificios municipais, para optimizar o uso de recursos enerxéticos e reducir o seu consumo.
  • Fomentar a “Compra Verde” nas compras e contratacións públicas realizadas dende os estamentos municipais.

O cumprimento da totalidade dos compromisos preténdese levar a cabo sen a necesidade de recursos extraordinarios, simplemente reorientando os existentes sobre a base de códigos de boas prácticas, sendo en todo caso acordes coa política ambiental municipal e aliñados os obxectivos que actualmente se marcaron dentro de proxectos como o Pacto dos Alcaldes, a Estratexia Contra o Cambio Climático da Coruña ou Smart Coruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión