Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de febreiro de 2019

A Concellería de Medio Ambiente avanza co plan integral contra as pintadas no espazo público coa posta en marcha de obradoiros nos institutos da cidade “que inciden na prevención e na desincentivación de condutas vandálicas”

A edil María García salienta que o Goberno local, que aborda esta problemática dende unha perspectiva global, ten en marcha o proceso de limpeza no ámbito Pepri e case rematada a dos edificios públicos. Dentro do plan de acción, o Concello identificou a persoas autoras de máis de 3.000 pintadas e continúa co programa Ruarte de recuperación de espazos degradados mediante a arte.

A Concellería de Medio Ambiente avanza na posta en marcha das diferentes medidas previstas no plan integral para actuar contra as pintadas vandálicas na cidade, que están a ser abordadas non só dende a limpeza senón outros ámbitos como o educativo, a prevención, as medidas didácticas e o desenvolvemento normativo. A edil María García informa de que a vindeira semana comezarán a impartirse en centros de educación secundaria da cidade obradoiros sobre arte urbana que teñen como obxectivo "incidir e avanzar no traballo de prevención e desincentivación de condutas vandálicas na mocidade". "Dende o Goberno local temos claro que o achegamento a esta problemática ten que ser integral e, sobre todo, ten que facer fincapé na educación para transmitir o respecto polo espazo público e polo patrimonio ás xeracións máis novas", indica García. Así, a Concellería de Medio Ambiente comeza o vindeiro mércores 27 de febreiro unha serie de obradoiros nos institutos sobre arte urbana, denominados Coida da túa cidade e dirixidos á mocidade entre os 13 e os 16 anos. Os institutos de Monelos e Zapateira serán os primeiros en acoller este curso, que poden solicitar os centros a través do correo medioambiente@coruna.es.

A execución do plan integral contra as pintadas vandálicas continúa tamén noutros ámbitos, como o de identificación das persoas autoras das pintadas vandálicas que desenvolve o Goberno local coa colaboración da Patrulla verde da Policía Local e especialistas en grafoloxía. Estas pesquisas permitiron localizar e citar xa a seis persoas autoras de máis de 3.000 pintadas vandálicas ás que se lle propuxo "participar en medidas correctoras para reverter o dano causado". Mediante este acordo, algunhas delas realizarán traballos en beneficio da comunidade para a limpeza de pintadas. No marco deste proceso, a Concellería de Medio Ambiente continúa coas investigacións. "Estamos satisfeitas ata o momento con esta medida, xa que non só nos permitiu neutralizar ás principais persoas causantes destes danos no espazo público, senón que restauramos o dano e desincentivamos a outras persoas, sobre todo menores, a que sigan ese camiño", reflexiona García.

Dentro deste paquete de medidas sitúase tamén a iniciativa Ruarte, que actúa para recuperar sete zonas degradadas da cidade a través de murais realizados por ilustradores e ilustradoras. O seguinte en ser pintado será o que cubrirá as instalacións do parque de Eirís, nas que se fará un realzamento do espazo a través da pintura e unha plasmación de especies autóctonas para buscar a integración co medio. "Estamos a actuar de maneira activa e coordinada contra as pintadas vandálicas dende diversas frontes, tamén na da limpeza. A retirada das pintadas na zona Pepri comezará de maneira inminente, en canto conclúa a fase de revisión da documentación presentada polas persoas propietarias e a subsanación de erros da documentación presentada, e o plan de limpeza en edificios públicos está practicamente rematado, a falta dos que están en mans de concesionarias ou os que precisan un permiso de Patrimonio para realizar a intervención, como pode ser o caso do edificio dos sindicatos", indica.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión