Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de febreiro de 2019

A Concellería de Medio Ambiente incrementa nun 35% o número de denuncias relacionadas con abandono de animais domésticos e con cans potencialmente perigosos

A edil María García pon en valor o traballo de vixilancia de benestar animal realizado polo Goberno local pese á redución de competencias municipais en favor das autonómicas. “Os servizos municipais asumen a mesma carga de traballo de inicio de expedientes que se remiten á Xunta de Galicia e das que non sabemos se rematan ou non en sanción”, explica

A actividade de control do benestar animal realizada pola Concellería de Medio Ambiente supuxo un incremento do 35% no número de infraccións tramitadas por abandono de animais domésticos en situacións nas que poida perigar a súa vida ou por deixar soltos ou en condicións que poidan causar danos a animais potencialmente perigosos. Este tipo de infraccións pasaron de 48 no 2017 a rexistrar 65 casos no pasado ano. A concelleira de Medio Ambiente, María García, explica que, dende a entrada en vigor da lei autonómica de benestar animal, o Goberno local é competente só para sancionar infraccións leves relacionadas coa normativa estatal de seguridade cidadá e algunhas que recolle a lei galega como deposicións de animais na vía pública ou a súa exhibición en escaparates. "Porén, os servizos municipais si inician moitos outros expedientes, de casos máis graves, que son derivados a continuación á Xunta de Galicia, co cal perdemos o rastro das denuncias e o seu seguimento, polo que non sabemos se rematan ou non en sancións", indica a edil.  

A concelleira fai fincapé na posta en marcha no municipio de políticas de benestar animal que avancen cara o sacrifico cero, como as melloras no centro acollemento de animais, as campañas en favor da adopción ou a creación de colonias felinas "das que o Concello é responsable pese a non recibir fondos da Xunta", así como un incremento da vixilancia e un traballo de formación da Patrulla Verde, en colaboración coa Policía Local, "o que traduce nun incremento dos casos detectados". "Ese esforzo que estamos a facer convértese en frustración cando remitimos os expedientes á Xunta de Galicia, xa que non temos ningún tipo de resposta e non podemos contar con información nin para o bo funcionamento do servizo nin para transmitir á cidadanía que se interesa polos casos", apunta. Coa entrada en vigor da Lei 4/2017, o Concello perdeu a competencia sancionadora en cuestións como a falta do microchip ou o mantemento dos animais en deficientes condicións hixiénico-sanitarias, entre outras, que "implican un gran número de denuncias policiais e unha intensa labor administrativa pese a que non as podemos denunciar".

Pese a ese recorte nas competencias, o Goberno local continúa a iniciar os expedientes de denuncia, que continúan a súa tramitación no executivo autonómico. O pasado ano remitíronse un total de 111 expedientes, o dobre que en 2017 cando se rexistraron 51. Delas, 31 foron infraccións leves (que nos anos anteriores eran de competencia municipal), e 80 graves ou moi graves, a maior parte delas relacionadas con cans potencialmente perigosos. Ademais, os servizos municipais abriron 31 avisos previos por falta de microchip ou molestias á veciñanza dos que 26 foron solucionados sen que fose preciso continuar o curso da infracción ante a Consellería de Medio Ambiente. Os restantes cinco avisos, todos por non implantar o correspondente microchip, remitíronse á Xunta.

Cans potencialmente perigosos

A unidade Patrulla Verde da Policía Local, que adica a metade das súas actuacións á procura do benestar e a tenza responsable de animais e a limpeza e xestión de residuos, realiza controis periódicos na rúa para revisar que os cans declarados como potencialmente perigosos conten coa correspondente licenza, estean no rexistro municipal e estean na vía pública con bozo. Como explica a concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, esta unidade "duplicou dende 2015 o número de efectivos e tamén a súa formación específica, o que revirte nun aumento das actuacións e das campañas de informacións. Debido a este labor de control municipal, rexistrouse un  "aumento notable" das licenzas de tenencia tramitadas no pasado ano, que se incrementaron nun 33%, tal e como salienta a concelleira. Así, no 2017 fixéronse 156 e un total de 208 en 2018. A Patrulla Verde efectúa tamén campañas trimestrais de recordatorio para as persoas titulares das licenzas que están próximas a caducar. Isto traduciuse na renovación no 2018 de 44 destes permisos, un 83% máis que no ano anterior.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión