Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de maio de 2017

A Coruña acada por vez primeira o título de 'Senda Azul' co novo 'Sendeiro Atlántico' e renova as bandeiras azuis nas praias urbanas

A concelleira de Medio Ambiente, María García, destaca que as medicións das augas no areal de Oza “confirman a súa calidade óptima” tras as diferentes intervencións realizadas na zona polo Goberno local e agarda que se outorgue a bandeira “para a próxima tempada de baño”

O Concello da Coruña vén de recibir a notificación de renovación da bandeira azul nas praias urbanas de Orzán-Matadoiro, Riazor, San Amaro e As Lapas, e  que o primeiro dos Sendeiros da Coruña promovidos polo Goberno local, o Sendeiro Atlántico, acadou, o recoñecemento de Senda Azul. Tal e como afirma a concelleira de Medio Ambiente, María García, este galardón confirma a aposta do Executivo municipal  "pola defensa do patrimonio natural e cultural do bordo litoral". "O Sendeiro Atlántico promove o uso sostible da costa coruñesa e discorre polos areais que posúen bandeira azul, un espazo recoñecido pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, como é a Torre de Hércules, cuxa contorna é a zona de maior biodiversidade do municipio, e rematara nun espazo natural protexido, á espera da súa resolución por parte da Xunta de Galicia, como é a ENIL Illas de San Pedro", explica a edil. "O título de Senda Azul debe servirnos coma un elemento de divulgación de valores ambientais, que posibilite unha relación directa entre a cidadanía e o mar, así coma un espazo de conectividade, non só para convidarnos a camiñar a cidade e recoñecer os nosos recursos naturais, mariños e culturais tan privilexiados, senón estar en conexión con toda a ribeira litoral da comarca", afirma. Neste sentido, a concelleira expresa o desexo do Goberno local de "ampliar a extensión, nun futuro próximo, polo bordo litoral da ría e que nos permita a conexión con outros espazos naturais protexidos, como son o encoro de Cecebre, a costa natural de Dexo e outras praias de bandeira azul da comarca".

Por outra banda, a responsable municipal valora positivamente a renovación das bandeiras azuis. "A pesares que cada ano os requisitos son máis esixentes, o Concello da Coruña segue a acadar recoñecementos en canto a boa calidade das praias e das súas augas de baño, así como pola súa accesibilidade e servizos que ofrecen, ademais das actividades de sensibilización e educación ambiental que se fan no litoral e que cada ano amplían a súa oferta", destaca García. A este respecto, fai fincapé na praia urbana de Oza. "Aínda que este ano non se obtivo a bandeira, isto non significa que non cumpra cos parámetros de calidade, e agardamos obtela na próxima tempada de baño", di.

"Hoxe en día a praia de Oza goza dunha excelente calidade de auga para o baño", afirma a responsable municipal, "grazas ás diferentes intervencións que este Goberno está a realizar  na zona  desde a súa chegada a María Pita, en relación ao plan Vertido Cero, e que teñen unha repercusión inmediata sobre a mesma". "O Concello está a desenvolver desde o verán de 2015 traballos e obras de calado para a detección e erradicación das verteduras de augas residuais nas inmediacións da praia de Oza e os resultados das analíticas realizadas pola Consellería de Sanidade dan conta da súa moi notable melloría, en especial desde maio de 2016", explica a edil. Entre as medidas de calado postas en marcha polo Goberno local, sitúase a dotación dunha nova rede de saneamento na esquina sur da dársena de Oza e seu novo sistema de bombeo, así como a finalización do vertido á ría do Burgo dos edificios administrativos de Novos Ministerios e a contorna da rúa Brasil.

O areal de Oza perdeu a súa bandeira o verán de 2015 "debido á inacción de anteriores corporacións respecto aos vertidos que nesta cidadanía había e, polo, tanto, aos malos datos rexistrados respecto á calidade das augas recollidos nos anos 2013 e 2014", sinala García, quen explica que, un dos mecanismos para obter a bandeira azul "é o resultado nunha estatística sobre os últimos catro anos, polo que teñen en conta os resultados daquelas analíticas". Así, a concelleira expóna que o Goberno municipal, "conforme ás intervencións vinculadas á mellora da calidade da auga e a rede de saneamento", solicitou a aplicación dunha excepción da Directiva Europa relativa á xestión da calidade das augas de baño, que dispón que, no caso de terse producidos cambios que poidan afectar á clasificación destas augas, a avaliación efectuarase sobre a base dunha serie de datos que consistirán unicamente nos resultados correspondentes ás mostras recollidas desde que se produciron os citados cambios.

"Aínda que non se tivera presente esta petición, o Concello agarda recuperar a bandeira no ano 2018, e remarcar, deste xeito, o compromiso do Goberno local polo coidado do medio natural e da Ría do Burgo, e cos usos diversos dos equipamentos públicos, como poden ser o recreativo ou vinculados á saúde", asevera a concelleira de Medio Ambiente.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión