Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de maio de 2019

A Coruña mantén esta tempada as cinco bandeiras azuis nas praias da cidade tras recuperar a de Oza no pasado verán, “un sinal de que o traballo de control de verteduras na cidade está consolidado”

A concelleira de Medio Ambiente salienta que o Goberno local ten como prioridade a mellora continúa da calidade das augas de baño mediante programas de coidado ambiental

O Concello da Coruña volverá ter, por segundo verán consecutivo, bandeiras azuis en todas as súas praias, despois de que o pasado ano se recuperara esta distinción para o areal de Oza, e tras confirmarse as cinco para esta tempada. "Estas bandeiras significan que o traballo que levamos anos facendo para eliminar os puntos de verteduras irregulares no mar está consolidado e dando bos resultados, o que redunda nun medio natural máis limpo e nun espazo público máis coidado do que pode gozar toda a veciñanza", sinala a responsable da Concellería de Medio Ambiente, María García. O Concello da Coruña recibiu en 2018 bandeiras azuis nos cinco areais da cidade, o que supoñía a volta de Oza, cuxa mellora era unha reivindicación histórica da veciñanza da zona, a esta categoría despois de perdela no ano 2014 debido aos desfavorables resultados das analíticas realizadas ás súas augas. "Limpeza tamén é vivir nun contorno non contaminado nin degradado, polo que a mellora da calidade das augas de baño continúa a ser unha prioridade do Goberno local", apunta. Así, a concelleira salienta que o traballo de coidado das augas é un labor que se debe realizar de maneira conxunta entre todas as administracións que teñen competencias sobre o litoral, polo que empraza "especialmente á Autoridade Portuaria, Xunta de Galicia e Goberno do Estado, a ser ambiciosos e contribuír a este obxectivo de mellora continúa sobre as nosas augas, como teñen oportunidade coa ría do Burgo ou as esixencias ambientais a proxectos en zonas sensibles, como no caso de Limpoil, situada na entrada da ría".  

"O contorno marítimo da cidade ten moitas peculiaridades e usos, como o portuario, que son característicos e necesarios para A Coruña pero que tamén deben ser compatibles cun coidado ambiental, en especial da calidade das augas, e polo tanto, permitir que poidamos usar as praias durante os meses de verán para o baño ou outras actividades lúdicas, para as que o Goberno local puxo en marcha programas de coidado ambiental", indica García. Neste sentido, a concelleira considera que a incidencia do Plan de Vertido Cero impulsado pola Concellería de Medio Ambiente en colaboración coa de Rexeneración Urbana hai catro anos, e que pasa por eliminar todos os puntos de verteduras incontroladas á ría, "foi esencial para que hoxe poidamos ver un resultado ambiental que se prolonga no tempo e que fala da necesidade de apostar pola rexeneración dos espazos naturais en toda a cidade".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión