Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de novembro de 2018

A Coruña recibe á Pajarita Azul que premia a boa xestión e reciclaxe de papel e cartón, “un sistema que se vai seguir mellorando co novo contrato de xestión de residuos”

A concelleira María García salienta que a máxima distinción que acadou A Coruña valorou as campañas específicas de recuperación deste material entre comercio e entidades ou as iniciativas postas en marcha durante as festas, entre outros aspectos

A concelleira de Medio Ambiente, María García, recibiu esta mañá á Pajarita azul, un distintivo que viaxa entre as cidades que acadaron o máximo recoñecemento nos premios Pajaritas Azules 2018, que a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón outorga aos municipios pola súa excelencia na xestión da recollida selectiva de papel e cartón. A edil lembra que A Coruña recibiu no pasado mes de marzo tres Pajaritas, o galardón máis importante, despois de que fosen avaliados 21 indicadores relacionados con todo o proceso de recollida deste material, as campañas e accións de información e concienciación á cidadanía, a planificación e regulación da xestión e tamén os resultados e a trazabilidade até a reciclaxe final. O percorrido desta Pajarita azul, a mascota do programa, serve para exemplificar e distinguir as cidades que teñen boas condicións para o seu aniñamento. "É un premio que indica que estamos xa no bo camiño coas iniciativas que temos en marcha, orientadas a acadar o residuo cero, á redución e á reciclaxe, e que imos mellorar co novo contrato de xestión de residuos que se converterá nun servizo máis próximo e máis cómodo, con mellor limpeza e coidado do espazo público, un incremento da reciclaxe e o tratamento de residuos in situ e cunha aposta decidida pola economía circular", manifesta García.

A edil explica que a iniciativa tivo en conta o esforzo feito polo Goberno local nas campañas vinculada áredución,  reciclaxe e á recuperación de papel e cartón, como son as iniciativas enfocadas ao comercio e á hostalería. O Concello ampliou e reforzou rutas específicas en zonas de alta concentración de comercios para a recollida porta a porta que se aplican no centro e outras catro nas zonas comerciais --rúa Barcelona, Os Mallos e Ángel Senra, A Gaiteira, Catro Camiños e a contorna-- e mantén, ademais, recollida específica con 300 centros colaboradores, que son tamén grandes produtores de residuos de papel e cartón, aspectos que, como resalta a concelleira, foron valorados polo xurado.

"Na cidade recolléronse no pasado ano 4.571.760 quilos de cartón e papel, dos cales aproximadamente un 80,5% proveñen dos contedores azuis da rúa, un 14% das rutas porta a porta comerciais, e un 5,5% dos centros colaboradores e institucións publicas", apunta García, que resalta o compromiso da cidadanía con este reciclaxe xa que é a responsable do maior número de toneladas que se recollen nos 651 contedores de papel da cidade. "O noso servizo consegue ademais que prime a proximidade ao punto de depósito, con menos de 100 metros de distancia, e cunha recollida media de 2,5 veces por semana", manifesta. Outro dos piares da xestión de residuos e a recuperación de papel e cartón no Concello, as campañas de sensibilización e concienciación cidadá, estiveron entre os criterios avaliados para a obtención do galardón. "Apostamos por iniciativas novidosas como son #noseusitio ou #móllate, que fai fincapé no evento que xera o maior impacto ambiental na cidade, como é o San Xoán, e no que conseguimos reducir nun 45% os residuos e concienciar á cidadanía para a recollida e o correcto procesamento dos residuos nas praias. Esta iniciativa acompáñase doutras campañas específicas asociados ao Plan de Festas sostibles, como a mellora nos contedores, os obradoiros ambientais ou  introdución do ecovaso", resume.

A edil de Medio Ambiente tamén incide en que, precisamente, o goberno local busca mellorar o sistema de recollida na próxima contratación do servizo, para o que se incluíron incrementos do 10% do número de contedores na rúa, que serán ademais renovados por completo e que buscarán a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. "Tamén prevemos unha mellora do plan de xestión de residuos da zona centro grazas ao incremento de rutas específicas Porta a Porta para o comercio e a hostalería e a ampliación das xa existentes. Nos vindeiros anos imos incidir máis nas campañas de sensibilización ambiental sobre redución de residuos e a reciclaxe, para o que a empresa que gañe o licitación deberá dedicar o 2% do contrato", avanza.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión