Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xullo de 2017

O Concello amplía o servizo do autobús nocturno durante a XXIII Feira das Marabillas, que comezará este xoves

O Goberno local despregará un dispositivo ambiental específico coa finalidade de minimizar o impacto asociado á celebración

A Concellería de Mobilidade Sostible lembra que, co gallo da celebración da Feira das Marabillas, que se celebrará desde este xoves, día 20, ata o martes 25 de xullo na Cidade Vella, e á fin de dar cobertura á veciñanza dos distintos barrios da Coruña que queiran achegarse á festa, o Goberno local ampliará o servizo da liña 1, que realizará a última saída desde o hospital Abente y Lago ás 23.45 horas, e incorporará unha unidade máis ao Búho, que realizará o percorrido á inversa ao sentido habitual. Dado que todo o evento se desenvolve na contorna e interior da Cidade Vella, ademais, as saídas que habitualmente se levan a cabo desde o Obelisco pasarán a realizarse desde o hospital Abente y Lago.

Así, o primeiro Búho realizará a súa primeira saída ás 23:30 horas, e circulará polos paseos do Parrote e Dársena, Porta Real e Obelisco, continuando desde este punto polo seu percorrido habitual.  O segundo Búho efectuará a súa primeira saída ás 00:05 horas da noite, tamén desde o Abente y Lago. O autobús realizará o percorrido á inversa que o primeiro: unha vez no Obelisco,continuará polos Cantóns ata praza de Ourense, Catro Camiños, avenida de Oza, Os Castros, Castrillón, avenida de Monelos, Salvador de Madariaga, entorno de Matogrande, San Cristóbal e Birloque, regresando por Pablo Picasso, estación do Ferrocarril, ronda de Outeiro, Labañou, Riazor, praza de Pontevedra, Porta Real e Abente y Lago. As frecuencias do servizo público de transporte nocturno serán de 30 minutos, con saída ás horas en punto no sentido Os Castros - Castrillón, e ás medias no sentido Labañou - Ronda de Outeiro.

A Concellería lembra tamén que desde mañá, día 19, e ata as 15.00 horas do día 26, estará prohibido o estacionamento en toda a Cidade Vella. Non obstante, como noutras edicións, habilitaranse unha serie de zonas especialmente reservadas para as persoas residentes. Así, a veciñanza poderá empregar, desde as 15.00 horas de hoxe, as zonas de estacionamento alternativo situadas nos paseos do Parrote e da Dársena, así como no espazo comprendido entre Campo da Estrada, Maestranza e Metrosidero. Para acceder será preciso contar coas acreditacións pertinentes, sexan tarxeta de residente da Cidade Vella ou tarxeta específica da Feira das Marabillas, que deberán estar visibles nos parabrisas dos vehículos. Ademais, a rúa Nosa Señora do Rosario habilitarase para carga e descarga todos os días desde pola mañá e até as 17.00 horas de xeito ininterrompido.

En canto á circulación no interior da Cidade Vella, os veciños e as veciñas que dispoñan de acreditación de garaxe poderán acceder a eles todos os días a partir do peche do mercado, ás 00.00 -ás 01.00 nas vésperas de festivos e festivos-- e ata as 11.00 horas do día seguinte, e, pola tarde, entre as 14.00 e as 17.00 horas. A Concellería de Mobilidade Sostible lembra á veciñanza que deberá ter visible a acreditación correspondente para acceder á Cidade Vella.

Dispositivo ambiental na Feira

Co obxectivo de minimizar o impacto ambiental asociado á celebración e de cara a acadar unha festa máis sustentable, o Concello despregará dispositivos ambientais específicos en relación coa recollida de residuos e limpeza, así como co coidado dos espazos verdes. Así, no lugar de empregar os contedores soterrados, que permanecerán precintados durante a Feira dada a imposibilidade de acceso por parte dos camións durante a súa celebración, a Concellería de Medio Ambiente establecerá distintas illas de reciclaxe con contedores que garantirán o acceso dos camións para o seu baleirado. Estas infraestruturas situaranse na Maestranza --na confluencia co canellón de San Benito--, no Campo da Estrada con Herrerías, Isabel López Gandalla, Santiago e nas prazas de Azcárraga, Constitución, Bárbaras e María Pita.  Os residuos xerados durante a feira recolleranse diariamente en horario nocturno. Existirá, adicionalmente, un reforzo da recollida de tarde, en torno ás 18.00 horas, na praza do Xeral Cánovas, a carón da praza da Constitución.

O dispositivo tamén contempla que os servizos municipais efectúen diariamente labores de limpeza do espazo ocupado pola feira entre as 07.00-07.30 horas e as 09.00 horas, empregando medios mecánicos e manuais. Ademais, e co obxectivo de garantir a óptima conservación do empedrado das rúas durante a Feira das Marabillas, o Concello establece normas para protección do chan, a través do uso de materiais impermeables e resistentes ao calor naqueles postos nos que existan alimentos quentes, líquidos aceitosos ou nos que xeren graxas. A este respecto, o Goberno local lembra que a organización da feira disporá dun retén propio de limpeza que evite que os residuos se espallen fóra do sistema de illas de colectores nas rúas.

De igual xeito, de cara a garantir o coidado dos espazos verdes do barrio así como das árbores de alto valor ambiental e que gozan dunha protección estrita --recollidas no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia--, Medio Ambiente restrinxirá o uso de parterres, alcorques ou espazos verdes para a colocación de postos, materiais ou calquera elemento que produza a compactación do terreo, afecte ás instalacións de rego soterradas ou poida producir calquera outro dano. Tampouco estará permitida a colocación de postos nos que se manexe lume ou calor a carón das árbores da zona de afección da feira. Ademais, durante o período de celebración de feira, o Concello incrementará a frecuencia de rego dos espazos axardinados da área afectada, pasando a facelo diariamente, co obxectivo de contribuír a minimizar os problemas de olores que a feira poda carrexar, eliminar partículas de po do ambiente e asegurar un bo estado de hidratación destes espazos. Finalmente, tal e como indica o Servizo de Medio Ambiente, para garantir a total conservación dos xardíns de San Carlos, a cena medieval --que terá lugar o día 24 de xullo-- trasladarase, por vez primeira, á praza de Maestranza, cedida para este fin pola Universidade da Coruña.

A área de Medio Ambiente lembra, por último, que este ano a Feira das Marabillas seguirá os criterios de protección animal, polo que nesta edición, tal e como avanzou o edil Alberto Lema na presentación do evento, non haberá ningún posto no que se exhiban ou se empreguen animais.

Documentos:

Programación Feira das Marabillas (2 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión