Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de outubro de 2017

Con esta actuación finaliza a terceira intervención da Concellería de Medio Ambiente en materia de xestión de residuos neste asentamento, no que se levan xa recollidas 5.332 toneladas

O Concello completa unha nova fase de limpeza na Pasaxe, coa retirada de 492 toneladas de residuos e o derrubo de dúas construcións

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, salienta o traballo que o goberno local realiza coas persoas residentes neste asentamento, que permitiu dar solucións habitacionais a 11 familias

O Concello vén de completar unha nova fase, a terceira, do proceso de limpeza que se desenvolve na Pasaxe, que se leva a cabo desde principios de ano no asentamento e a súa contorna, dentro do Plan de Acceso a un Hábitat Digno que o Concello desenvolve coas familias residentes. Na última semana, os traballos de limpeza supuxeron a retirada 492 toneladas de residuos da zona e serviron, ademais, para completar o desmantelamento de dúas novas infravivendas que se atopaban desocupadas. Con estas, súmanse 17 construcións deste tipo e 5.332  toneladas de residuos recollidas na Pasaxe, onde xa se procedeu a dar unha alternativa habitacional a 11 familias residentes -34 persoas- dentro deste Plan municipal de Acceso a un Hábitat Digno, que, como indica o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, "opera de forma transversal e interdisciplinar para atopar solucións habitacionais duradeiras para as persoas residentes nos asentamentos precarios da cidade, á vez que traballa con elas no eido educativo, laboral e sanitario, de cara á súa inserción socio-laboral e participación nas actividades da vida cotiá".

Do labor desenvolvido nestes meses, o responsable municipal destaca o derrubo da nave da Toja, que supuxo, ademais do desmantelamento desta estrutura e das infravivendas da súa contorna, a redución dunha parte moi importante dos materiais e refugallo depositados nesta parte da Pasaxe. Foi, segundo indica, "produto de todo o traballo social desenvolvido, de forma discreta pero continuada, cos e coas residentes durante moitos meses", e que derivou no realoxo de todas as persoas afectadas directamente polo derrubamento desta infraestrutura, "dentro das políticas de dereito a unha vivenda digna nas que este goberno cre e desenvolve, coa implicación directa tamén da Concellería de Xustiza Social e Coidados".

Como tamén fai notar, xunto con estes traballos, o Concello desenvolve coas persoas do asentamento un labor de formación, "que se fai tendo en conta a perspectiva da realidade social dos e das habitantes e do traballo cara á plena  integración que ten que impulsar o Concello".

Medio Ambiente

Ao fío, a concelleira de Medio Ambiente, María García, quixo salientar que, ademais das tres intervencións de xestión de residuos levadas a cabo na Pasaxe, o seu departamento, e dentro das actuacións de carácter transversal dentro do Plan de Acceso a un Hábitat Digno, tamén levou a cabo outras tres actuacións máis con anterioridade, unha no Portiño e dúas nas Rañas, coa colaboración da veciñanza da zona. "A isto sumáronse varias actividades de sensibilización e educación ambiental sobre a xestión dos residuos en todos os asentamentos de carácter precario, así como tarefas de normalización dos puntos de recollida de residuos e a instalación de novos espazos de conteneurización", destacou.

"Cremos que é necesario que estas accións de limpeza vaian ademais vinculadas á iniciativas de economía social vinculadas á xestión dos residuos, de forma que nos encamiñemos á vez á inclusión sociolaboral dos colectivos máis desfavorecidos", salientou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión