Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de marzo de 2017

O Concello convida á cidadanía a sumarse o sábado 25 á Hora do Planeta, a campaña global de mobilización contra o cambio climático

O Pazo de María Pita, a Torre de Hércules e a Domus apagarán o seu alumeado desde as 20.30 ata as 21.30 horas para unirse á acción

O Concello súmase este sábado ás accións organizadas dentro da Hora do Planeta, unha iniciativa internacional que impulsa a ONG Adena WWF e na que participan cada ano cidades de todo o mundo, ademais de entidades, centros educativos, empresas e particulares. Así, a partir das 20.30 horas, e ata as 21.30 horas, edificios municipais como o Pazo de María Pita, a Domus ou monumentos como a Torre de Hércules apagarán a súa iluminación, como xesto simbólico de mobilización contra o cambio climático e en apoio a un futuro baseado nas enerxías limpas. Nesta hora de apagamento á que se incorpora, un ano máis, a praza de María Pita, celebrarase o acendido conmemorativo de candeas, ao pé do edificio consistorial, co símbolo da campaña, 60+, o símbolo escollido para representar os 60 minutos de reflexión. Durante esta hora, a Concellería de Medio Ambiente programará, coa colaboración da Agrupación Astronómica Ío, diversas propostas, entre as que se atopan a actuación dun dúo de corda, unha observación astronómica ou actividades lúdicas dirixidas ao público infantil, para implicar ás e aos máis pequenos nesta reflexión ambiental. Ademais, o sector hostaleiro sumarase á iniciativa a través dos locais da contorna da praza, que acenderán candeas nos seus establecementos durante a Hora do Planeta.

As actividades organízanse dende Oficina municipal contra o Cambio Climático, servizo que se renovou o pasado mes de abril, e no que están integradas todas as área de goberno. Neste departamento, no que se traballa nas medidas de adaptación e mitigaci​ón contra o cambio climático, impúlsanse accións de divulgación e participación para unha acción coordinada dende a xestión municipal ante o que é, segundo destaca a concelleira de Medio Ambiente, "o maior desafío que a humanidade ten nas vindeiras décadas". Nese sentido, María García pon en valor o papel que deben xogar as entidades locais, "como axente activo que participe na procura dunha solución", a través de accións que teñan que ver coa mellora da mobilidade sostible, "cara a modelos menos contaminantes, que xeren o menor impacto ambiental posible pero eficaces á hora de dar servizo e vertebrar unha cidade", ou a expansión da vexetación de arborado "polo seu potencial sumidoiro de carbono, captador de contaminación e mellora da calidade do aire", así como as políticas de xestión de residuos orientadas a unha maior recuperación dos materiais, por ser os residuos "grandes focos de produción de gases de efecto invernadoiro e responsabilidade das administracións locais", medidas sobre as que o executivo coruñés traballa a través da Estratexia contra o Cambio Climático.

"Este Goberno entende esta loita como unha proposta prioritaria para conseguir unha cidade máis respectuosa co medio ambiente e co espazo público", afirmou García. A este respecto, a titular da área de Medio Ambiente salientou que o Concello reafirmou o seu compromiso coa mellora da xestión ambiental nas instalacións municipais ao renovar, o pasado mes de febreiro, a certificación relativa ao seu sistema de xestión da enerxía. En concreto, o Goberno local manterá a ISO 50001, a certificación da normativa internacional desenvolvida pola Organización Internacional para a Estandarización que establece os requisitos para manter e mellorar estes sistemas de xestións.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión