Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de novembro de 2017

O Concello pon en marcha un proxecto piloto que vincula a economía social coa xestión de residuos a través da elaboración de bolsas da compra con lonas informativas recicladas

A concelleira de Medio Ambiente presentou esta iniciativa, que servirá nunha primeira fase para repartir nos mercados municipais 600 destas bolsas, elaboradas con material empregado en campañas municipais por usuarios e usuarias da Fundación Adcor “e que, ademais da súa calidade e resistencia, teñen o valor engadido de amosar o traballo de ilustradores e ilustradoras da cidade”

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou este luns un proxecto piloto impulsado polo Concello e desenvolvido coa colaboración da Fundación Adcor, que vincula a economía social e xestión de residuos, a través da reutilización das lonas que se empregan desde diferentes áreas do Concello como material para a produción de bolsas a empregar nos mercados municipais. "Este tipo de iniciativas teñen tres pés, que pasan pola sensibilización en materia ambiental para a redución de residuos e o aforro de recursos,  o fomento de iniciativas de economía social na cidade e a reutilización deses materiais, como as lonas informativas, que teñen moito valor e a posta en valor desde a perspectiva social, dando alternativas de emprego a colectivos con maior dificultade de acceso", destacou.

Nesta primeira fase, a iniciativa serviu para a fabricación de 600 destas bolsas recicladas, que como indicou a responsable municipal servirán para probar o seu deseño e, igualmente, para someter a exame a forma de produción, "para ver que modelo facilita a implicación de persoas que se atopan nun proceso de formación, e se se pode converter nunha alternativa laboral". "Agardamos que se continúe e se reproduza no futuro", avanzou, indicando que o segundo paso será facer un convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Adcor para a entrega de lonas que permita á entidade aumentar a produción, grazas a contar con materia prima o número de horas de formación en talleres, para desenvolver de forma autónoma outro tipo de produtos comercializables cos que xa están probando -desde marcapáxinas, chaveiros, carteiras, fundas de libretas, diferentes tipos de bolsa, etc.- para a súa comercialización, ou outro tipo de convenios de colaboración para que as bolsas poidan ser vendidas nos mercados municipais para favorecer a redución de uso de bolsas de plástico. "Abordemos a prevención de residuos, a reutilización, a reparación e a reciclaxe, e fagámolo xa desde as casas", defendeu a responsable de Medio Ambiente, que salientou que este tipo de iniciativas de economía social e circular representan "un interese que temos desde o Concello como un sector con potencial e en expansión". Como tamén quixo destacar, o resultado desta iniciativa ten ademais o valor engadido de amosar "o magnífico traballo de ilustradores e ilustradoras da cidade", xunto coa calidade e alta resistencia das bolsas.

Tal e como sinalou García, que na rolda estivo acompañada polo concelleiro de Emprego e Economía Social, e responsable da área de Mercados, Alberto Lema, e pola concelleira da Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, ademais de por representantes e persoas usuarias do centro ocupacional da Fundación Adcor, a iniciativa enmárcase na Semana Europea da Prevención de Residuos -que se celebra entre o 18 e 26 de novembro-, "e que ten como obxectivo prioritario de chamar á reflexión e a sensibilizacións sobre a produción de residuos". García remitiuse tamén á Directiva Europa 2015/720 e ao real decreto que entrará en vigor a partir de xaneiro de 2018 e que obrigará a que as bolsas de plástico que se distribúen en todo tipo de comercios do Estado teñan un custo económico. Segundo sinalou, esta medida adáptase á normativa estatal con anos de atraso respecto a outros países europeos, como Francia, Italia ou Suecia, "que xa optaron por iniciativas moito máis esixentes ao respecto para disuadir do emprego indiscriminado das bolsas de plástico", e que empraza ás diferentes administración a poñer en marcha campañas de sensibilización sobre a necesaria redución e prevención de residuos. Tal e como indicou a concelleira, con este proxecto o Concello quere poñer o foco sobre a necesidade de reducir as bolsas de plástico na vida cotiá, colaborar na sensibilización e incentivar a súa reutilización.

Este novo proxecto de economía social supón, incidiu García, a cuarta integración da economía social na xestión de residuos que se pon en marcha desde o Concello, despois da recollida de roupa en colaboración con Padre Rubinos, da recollida de aceite con Mulleres Colleiteiras e do proxecto de creación de parasoles con lonas municipais, coa participación da asociación Acopros, e entronca coas xornadas impulsadas en abril do ano pasado pola Concellería de Medio Ambiente '+que Residuos' sobre a economía social na xestión municipal dos residuos. A concelleira tamén puxo en valor a traxectoria e o traballo da Fundación Adcor, "unha entidade que apoia a persoas con discapacidade desde distintos ámbitos e, neste caso, coas áreas de formación e emprego", dixo.

Na rolda de presentación interveu, como representante de Adcor, Cristina Crespo, responsable do centro ocupacional 1 da fundación, que expuxo o proceso de elaboración das bolsas, desde a recollida do material ata pensar os deseños e a súa execución, "un proceso no que interveñen directamente todas as usuarias do centro ocupacional", un equipo formado por medio centro de persoas. Pola súa parte, o concelleiro Alberto Lema, indicou que estas primeira bolsas repartiranse nos mercados municipais coruñeses, "no interese que temos por que estes engadan aos seus valores os da economía e o consumo responsable, así como o da proximidade  do comercio  verde". Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade e presidenta da Fundación Adcor, salientou durante a súa intervención o "traballo transversal realizado polas diferentes áreas do Concello para sacar  adiante iniciativas coma esta".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión