Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de xuño de 2018

O Concello recibe o premio Escoba de Platino polos seus programas de limpeza viaria, con mención especial para a iniciativa de coidado do espazo urbano 'A pé de barrio', que remata este mes a súa primeira edición

A edil de Medio Ambiente recolleu o galardón, o segundo neste mandato, e agradeceu o recoñecemento da organización ás iniciativas de recollida selectiva postas en marcha polo Goberno local, como a de aceite doméstico ou os residuos da hostalaría na zona centro da cidade

A concelleira de Medio Ambiente, María García, recolleu hoxe o premio Escoba de Platino, un galardón binanual que recoñece as mellores iniciativas a nivel estatal en materia ambiental en canto á xestión de residuos e limpeza nos municipios, e que o Concello tamén recibiu na última edición. O premio, que está outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (Atregus), destaca o labor do Concello na posta en marcha de A pé de barrio, un programa de coidado do espazo urbano do que a asociación destaca a limpeza intensiva que se realiza en toda a cidade. "Sempre é unha boa noticia recibir un recoñecemento ao esforzo que se está a realizar dende o Goberno local para implementar medidas innovadoras que contribúan a mellorar o noso medio urbano ao tempo que se protexe o medio ambiente e a saúde da poboación", indicou García. Así, a edil explicou que o programa A pé de barrio está "a piques de rematar o seu primeiro ano de execución, no que realizou, barrio por barrio e rúa por rúa, un traballo inxente e profundo de limpeza combinado coa reparación e substitución de mobiliario e outros elementos do espazo urbano". "Estamos moi satisfeitos cos resultados da iniciativa, que, a falta do balance final, leva xa máis de 11.000 actuacións realizadas, e tamén da acollida que tivo, polo que esperamos poder facer balance pronto e detallar as accións da nova edición do mesmo", avanzou.

Tal e como explicou García, o Concello da Coruña foi recoñecido por varias das medidas postas en marcha polo Goberno local. Así, ademais de A pé de barrio, a organización destacou "o esforzo polas campañas de educación e sensibilización postas en marcha, como a de mellora de separación selectiva No seu sitio, a de recollida de aceite ou as campañas de Nadal e verán de recollida de residuos urbanos, nas que se realiza un servizo especial de reforzo na zona centro da cidade, a de maior concentración hostaleira da Coruña". Como ocorreu na última edición deste galardón bianual, o programa valora a introdución de criterios de sostenibilidade nas festas da cidade, nomeadamente a de San Xoán. "Traballamos para que moitos dos acontecementos que temos na cidade ao longo do ano, como maratóns ou outros eventos deportivos, festas do barrio ou San Xoán, empreguen boas prácticas ambientais. Neste ano, por exemplo, estenderemos o programa Praia Viva, que empezou como un piloto no Matadoiro e chegou en 2017 a Riazor, tamén ao Orzán", apuntou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión