Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de setembro de 2017

O executivo municipal advirte que o proxecto que a Xunta comezou a tramitar “contén graves carencias e omisións sobre a repercusión que a posta en marcha do plan terá nas condicións de vida da veciñanza de Arteixo e da Coruña”

O goberno local levará ao Pleno unha moción para esixirlle á Xunta de Galicia a paralización da instalación da planta de residuos industriais de Santa Icía, a menos dun quilómetro de Novo Mesoiro, Feáns e a urbanización Breogán

“Aínda que agora, e ante as presións, parece que a Xunta quere recuar, a realidade é que, dende un principio, podería ter inadmitido este proxecto ante as graves deficiencias que presenta”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, María García

O grupo que sustenta o Goberno local presentará no próximo Pleno municipal, que terá lugar o luns 11, unha moción que busca o apoio da Corporación para esixirlle á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia que non autorice o proxecto de instalación dunha planta de almacenamento e valorización de residuos industriais e urbanos no lugar de Teixoeira - Santa Icía, en Arteixo, próxima aos núcleos de Novo Mesoiro, Feáns e a Urbanización Breogán "por non ter en conta ningún tipo de medida respectuosa co medio ambiente", ademais de "omitir as repercusións que terá a súa posta en marcha nas condicións de vida da veciñanza das poboacións máis próximas". A iniciativa, que solicita tamén a revisión e actualización dos Plans de Residuos para a racionalización, planificación e programación con criterios ambientais das infraestruturas de depósito, tratamento e valorización de residuos, traslada á Cámara municipal as alegacións presentadas polo goberno local o pasado 19 de agosto ao estudo de impacto ambiental simplificado da Xunta correspondente ás instalacións, un texto que, tal e como lembra o executivo coruñés, xa recibiu o rexeitamento por parte de diversas entidades veciñais e ambientais, "o que pon en cuestión tanto a necesidade desta planta como da súa adecuación aos canons ambientais pertinentes".

Tal e como se recolle no documento que será sometido ao Pleno, o estudo de impacto ambiental de carácter simplificado de Santa Icía que foi admitido pola Xunta de Galicia "conta con carencias gravísimas que deberían ter levado á administración autonómica a rexeitalo de carácter inmediato", unha posibilidade que se recoñece dentro das fases do propio procedemento administrativo segundo sinala o artigo 45 da Lei 21/2013 de avaliación ambiental, e que indica que a administración competente pode resolver a inadmisión dun proxecto, nun prazo de 20 días, "se é manifestamente inviable por razóns ambientais ou que o documento ambiental --co contido que sinala o artigo 45 da Lei 21/2013-- non reúne condicións de calidade suficientes". Neste sentido, o grupo de Goberno local lembra na moción que a proposta, "que non estuda nin analiza posibles alternativas á instalación na Teixoeira nin recolle as causas que xustifican a actuación", non aporta información sobre "as infraestruturas e instalacións necesarias para o propio funcionamento da planta, tales como abastecemento de auga, o saneamento ou o tendido eléctrico", así como o tratamento que se lle dará as augas residuais producidas nas instalacións.

O grupo que sustenta o goberno local destaca tamén que a documentación que foi admitida pola Consellería de Medio Ambiente non analiza o impacto dos fluxos e tráfico de vehículos na zona sobre a poboación, "así como tampouco propón medidas correctoras suficientes para o ruído, o po ou o respecto á paisaxe e á ordenación territorial" que implicaría a materialización das instalacións, e que entraría, ademais, "en contradición coa Lei do Solo de Galicia ao instalarse nunha finca que ten a denominación de terreo rústico protexido forestal".  

A concelleira de Medio Ambiente, María García, responsable das alegacións presentadas o pasado 19 de agosto polo goberno coruñés ao proxecto, fai fincapé na responsabilidade da administración autonómica. "Agora, e despois de recibir alegacións tanto de formacións como de entidades sociais e veciñais, parece, polo que vemos en prensa, que a Xunta está disposta a recuar e solicitar un estudo de impacto ambiental ordinario, que solicitará máis requisitos. Non obstante, como vemos, dende un principio a Consellería de Medio Ambiente tivo a posibilidade de inadmitir o proxecto, vendo as súas tremendas imprecisións, e non o fixo", explica.

"Aínda que agora trate de poñer escusas, a Consellería admitiu a tramite inicialmente un plan cargado de improvisación no que existen graves e distintas omisións sobre as repercusións do proxecto na vida dos núcleos poboacionais máis próximos", e que "obvia completamente os procedementos recollidos na Lei Estatal de Avaliación Ambiental". A este respecto, a edil lamenta tamén a "escasa vontade de diálogo" mostrada durante o proceso pola Consellería de Medio Ambiente, tanto coas administracións públicas como coa propia cidadanía afectada, "unha posibilidade de consulta, por certo, que se recolle no propio procedemento simplificado", ante a posta en marcha dun proxecto "que pode afectar de forma decisoria a aspectos ambientais, económicos e humanos" da área metropolitana. "A veciñanza da Coruña e de Arteixo non se merece unha planta destas características cerca dos seus fogares", asevera García.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión