Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de agosto de 2017

O goberno local presenta alegacións á planta de residuos industriais proxectada nas proximidades de Novo Mesoiro e Feáns, que "obvia os efectos na veciñanza e nos núcleos de poboación"

O Concello advirte das "múltiples deficiencias" do trámite simplificado realizado pola Xunta e reclama que o proxecto sexa sometido ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria, que permita "unha avaliación completa e integrada, que garanta a adopción da decisión máis axeitada para o interese público e para a protección da saúde e do medio ambiente"

O goberno local da Coruña, a través da Concellería de Medio Ambiente, presentou o pasado 19 de agosto alegacións ao estudo de impacto ambiental simplificado da Xunta correspondente á planta de almacenamento e valorización de residuos industriais e urbanos proxectada no lugar de Teixoeira-Santa Icía, en Arteixo, moi próxima aos núcleos coruñeses de Novo Mesoiro, Feáns ou a Urbanización Breogán. Tal e como se fai constar no documento dirixido á Consellería de Medio Ambiente da Xunta, o citado estudo "non considera os efectos do proxecto nas poboacións próximas" e obvia "os efectos na veciñanza e os núcleos de poboación que chegan a atoparse a distancias de aproximadamente un quilómetro, no caso de Novo Mesoiro", o que impide "unha correcta valoración das repercusións da planta, xa que na matriz de impactos só se consideran os efectos sobre as augas (superficiais e subterráneas), a flora e fauna, a natureza e paisaxe e o ruído e vibracións".

Nas súas alegacións, o goberno local fai notar as "múltiples deficiencias" do estudo de impacto ambiental simplificado, e chama a que este trámite "esixa o sometemento do proxecto ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria, coa finalidade de que se poida levar a cabo unha avaliación completa e integrada, que garanta a adopción da decisión máis axeitada para o interese público e para a protección da saúde e do medio ambiente". No mesmo sentido, pide que o citado estudo recolla a descrición completa do proxecto, "incluíndo as instalacións e obras necesarias, xunto co conxunto de efectos ambientais do proxecto na contorna, prestando especial atención aos núcleos de poboación próximos, tanto do municipio de Arteixo coma do da Coruña", algo que, segundo se recolle, non ocorre no actual. Como tamén se advirte, existen nel outras carencias, tales como a falta de inclusión de ubicacións alternativas ou a carencia dunha descrición detallada, tanto das instalación e da nave, o abastecemento de augas, o alumeado, o saneamento ou a conexión eléctrica, como das correspondentes obras de urbanización,  deficiencias "que impiden avaliar correctamente os efectos ambientais e sobre os núcleos de poboación afectados". Neste sentido, o documento de reclamacións do Concello pon de relevo a necesidade de instalacións e obras de urbanización, "un criterio relevante á hora de decidir a a idoneidade dun solo rústico de especial protección forestal para este tipo de usos", e do que, como se expón, falta información. Na mesma liña, a Concellería de Medio Ambiente censura que o estudo de impacto ambiental da Xunta "minimiza o incremento do tránsito de camións na área que excede á parcela en cuestión, o deterioro dos accesos, pistas e estradas e as molestias ás persoas que viven nos núcleos da contorna, incluídos os do Concello da Coruña", e que son -entende- "un dos principais impactos deste proxecto".

As alegacións presentadas desde a Concellería de Medio Ambiente reclaman, por último, que se outorgue a apertura do trámite de consultas ao Concello da Coruña, en calidade de administración afectada, para a emisión do correspondente informe técnico, toda vez que este non foi chamado a este trámite, que está previsto no procedemento de avaliación ambiental, "malia a proximidade da proxectada planta a núcleos de poboación do municipio da Coruña e os previsibles efectos negativos do proxecto na contorna".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión