Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de maio de 2017

O Goberno local presenta o proxecto de renovación do Parque de Bens, "que pon en valor a diversidade paisaxística do espazo verde máis grande da cidade e compatibiliza os diferentes usos no mesmo"

O plan divide o parque en dúas grandes áreas, lecer e convivencia, que nacen como froito das achegas cidadás recibidas durante o proceso participativo para definir os usos deste enclave, e inclúe propostas aprobadas nos Orzamentos Participativos, como a nova área de esparcemento canino

A concelleira de Participación e Innovación Cidadá, Claudia Delso, e a edil de Medio Ambiente, María García, presentaron esta mañá a proposta do Goberno local de zonificación do parque de Bens, que inclúe a creación dunha nova área de xogos infantís e outra de de esparcemento canino. O proxecto nace como resultado do traballo conxunto das dúas áreas a través do proceso participativo levado a cabo no mes de setembro, no que se creou, a través de visitas ao parque, mesas redondas e xuntanzas "un espazo de participación aberto á veciñanza, en particular ás persoas usuarias e entidades vinculadas ao parque para repensar os usos dun dos enclaves verdes da cidade", expuxo Delso, quen lembrou que esta iniciativa tamén contou coa participación das nenas e nenos usuarios da Biblioteca Municipal dos Rosales, "na vontade de incorporar a súa mirada neste deseño compartido". "Este proceso constituíu unha oportunidade para promover a participación e a corresponsabilidade da cidadanía na configuración e conservación do parque, axudando a entender cales son os usos actuais, así como os desexados por todas as persoas usuarias, de cara a acadar un modelo de convivencia", sinalou Delso, quen salientou que este espazo "foi un dos máis reclamados pola veciñanza nos Orzamentos Participativos do ano pasado, e o proxecto que hoxe presentamos inclúe dúas propostas de investimento aprobadas o ano pasado, e que avogan pola creación dunha zona canina e a instalación de bebedoiros para os animais". Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente salientou que o proceso e a súa plasmación concreta "pon en valor o parque de Bens e  diversifica os seus usos, que tamén ordena. Entre as actividades que se realizan neste espazo máis destacadas pola cidadanía e recollidas durante o proceso, inclúense as deportivas, así como os usos vinculados ao público infantil e o de persoas usuarias con cans. "En moitos casos coinciden as zonas de uso como as máis demandadas, pero temos que camiñar cara un modelo de convivencia e respecto no que se compatibilicen os usos de recursos tan valiosos como é este parque, e dar prioridade a uns sobre os outros pero sen establecer áreas excluíntes", sinalou a María García. A este respecto, a edil tamén lembrou que o parque conta "cunha importante riqueza natural" e distintas zonas de arborado, matogueira e praderío". "Neste espazo habitan e aniñan diferentes especies , polo que cómpre telas en conta na planificación dos usos", aseverou. Así, dos mapas de usos xerados durante o proceso, nace a proposta de zonificación do executivo coruñés, que divide o parque --de 33 hectáreas--en dúas grandes áreas, "lecer e convivencia", segundo explicou García, "unha proposta que dá a benvida aos diferentes colectivos nas dúas áreas, pero cuxa diferencia fundamental é que nunha zona os cans teñen que ir con correa, e noutra poden estar sen ela, sempre para o que se conta coa responsabilidade das donas e donos". "A proposta que hoxe presentamos tenta dar resposta e compatibilizar as diferentes demandas das persoas usuarias, como pode ser a necesidade de dotar á cidade dunha grande área de esparcemento para cans", dixo a edil, quen engadiu: "tendo en conta os escasos espazos verdes da cidade, é un luxo poder contar cunha área como esta nunha das máis amplas zonas verdes da Coruña". Deste xeito, a denominada Área de lecer será que acolla a actividade "dun uso máis tranquilo", definiu a concelleira, "enfocada a grupos e público infantil", ao incluír un merendeiro, unha nova área destinada a xogos e instalacións que favorezan o contacto coa natureza, circuítos e pistas para a práctica deportiva --ademais dunha zona trimm--, e na que convivirán tamén os usos paisaxísticos e de conservación de natureza, polo que será necesario a utilización de correa nesta zona agás nunha excepción: a área de esparcemento camino, cuxa dimensión será, aproximadamente, dunha hectárea, "aproximadamente como o estadio de Riazor", salientou. Este recinto, que estará delimitado fisicamente por vexetación, concentrará as infraestruturas de atención aos cans, como duchas, lavadoiros, bebedoiros así como as propostas que resultaron aprobadas nos Orzamentos Participativos, unha pista de agility e bebedoiros, ademais de elementos de mobiliario urbano como papeleiras ou bancos.  Por outra banda, a Área de Convivencia caracterízase porque os cans poderán estar sen correa, "pero sempre tendo presente o respecto aos diversos usos do espazo e o sentido da responsabilidade de cara a convivencia", destacou a concelleira de Medio Ambiente. "As e os deportistas e grupos que transiten neste espazo deberán ter presente que poderán atopar cans soltos", lembrou García, quen afirmou que os animais que por normativa deban levar boceira "deberán seguir cumprindo con ela". Nesta segunda área, na que tamén se inclúen rutas peonís e ciclables, así como un miradoiro, a única zona na que non poderán penetrar os cans, "nin tan sequera con correa, e que estará sinalizado a tal efecto", especificou a edil, será a área infantil, "que xa existe na actualidade". A responsable municipal sinalou que as intervencións neste espazo comezarán a partir do mes de xuño. "Cremos que este proceso é un punto de partida. O modelo do parque de Bens, que parte da óptica do respecto tanto aos animais como ás persoas, é exportable a outras zonas da cidade nas que tamén é necesario compatibilizar os usos. Queremos facerlle sitio ás mascotas, pero queremos fomentar tamén unha tenza responsable", afirmou García.

Documentos:

Proxecto de renovación e usos do Parque de Bens (5 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión