Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de decembro de 2018

O goberno local proxecta melloras na planta de Nostián por valor de 42 millóns que servirán para aumentar a sostibilidade ambiental, económica e social, así como o volume de residuos recuperados

As actuacións previstas no anteproxecto elaborado polo departamento de Medio Ambiente, que será exposto de forma pública a partir de xaneiro, derivarán nun incremento tanto da recuperación de materiais e envases como da xeración de compost. As melloras na planta serán asumidas pola firma que resulte adxudicataria do novo contrato de xestión da planta de tratamento de residuos.

O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Medio Ambiente, María García, presentaron esta mañá o anteproxecto para a remodelación da planta de tratamento de residuos de Nostián, vinculado ao proceso de licitación da súa xestión, e na que se prevé un investimento de máis de 42 millóns de euros para "reforzar e facer aínda máis potente un sistema que -como salientou Ferreiro- lidera a xestión de residuos en Galicia e que é un referente no Estado". Tanto o rexedor como a concelleira indicaron que esa cantidade se destinará, fundamentalmente, a realizar unha serie de melloras tecnolóxicas na planta de Nostián, cuxa continuidade está garantida, e que servirán para facela máis sostible "dende o punto de vista ambiental, pero tamén económico e social". As obras previstas, que deberán ser asumidas pola adxudicataria do novo contrato de xestión de residuos sólidos urbanos, contribuirán a incrementar de forma notable as ratios de recuperación de envases e materiais, polas que tanto o Concello como a xestora da planta e os municipios do Consorcio das Mariñas reciben aportacións económicas, e igualmente as de reciclaxe e xeración de compost.

A previsión do goberno local pasa por arrincar a principio de ano co proceso que derivará na adxudicación dun novo contrato para a xestión da planta de Nostián. En xaneiro abrirase o período de exposición pública do anteproxecto de renovación da planta para que durante un mes os sectores e actores implicados no tratamento de residuos poidan realizar as súas achegas sobre o mesmo. "Desta forma poderiamos iniciar a licitación da concesión para a  xestión da planta entre febreiro e marzo do vindeiro ano", explicou a titular de Medio Ambiente, que recorda que a finalización da concesión actual datouse, por parte da Xunta de goberno local, en 2020. A concelleira indicou que o goberno local leva meses realizando un profuso traballo de cara a analizar "a situación actual da planta, a súa maquinaria e, sobre todo, os investimentos precisos para poder facer fronte aos ambiciosos obxectivos de xestión que marca a Unión Europea para o horizonte 2035".

Como fixo notar o alcalde, a planta de Nostián ten unha serie de excepcionalidades, entre as que destaca a súa propia xestión que se leva a cabo coa implicación do Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas, xa que "a competencia da xestión dos residuos é autonómica". Ao fío, a responsable municipal comentou que o goberno coruñés plantexa para o novo contrato "un convenio de contratación conxunta na que todos os concellos se corresponsabilicen". "Os concellos do Consorcio deberían pasar de ter o rol de clientes que usan a planta a adoptar unha maior presencia na xestión. Por iso propomos un convenio de contratación conxunta, de forma que se estableza unha mesa de seguimento con presenza tanto do Concello como do Consorcio na que ambas as dúas partes poidan darlle o visto e prace aos pregos de licitación definitivos e poidan participar na valoración de ofertas", explicou García, quen apelou á corresponsabilidade entre todas as partes que fan uso da planta de Nostián, á vez que destacou o "traballo conxunto" desenvolvido xa nos últimos meses con todos os rexedores e administracións locais do Consorcio.

"O Concello da Coruña afrontou grandes retos ao longo deste mandato. Entre eles, na área de Medio Ambiente tivemos que afrontar a renovación de todos os grandes contratos. Iniciamos o percorrido co contrato de recollida de lixo, agora mesmo en fase de valoración de ofertas, e co contrato de limpeza viaria, que se vai someter xa ao proceso de fiscalización previa a súa licitación. Agora toca a quenda á renovación da planta de Nostián, que encaramos logo de todo o traballo de análise que fixemos sobre a súa competitividade e rendibilidade económica. É moi importante, xa que imos definir o modelo de xestión de residuos que terá a nosa cidade durante a vindeira década e máis alá", comentou a concelleira.

Cara a unha Coruña Próxima

Tal e como lembrou o alcalde durante a comparecencia deste venres, o Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas apostaron xa hai 20 anos por un modelo de xestión de residuos "diferente ao do resto de Galicia e que incluía premisas como a recollida selectiva de materia orgánica, que a Unión Europea está pedindo para 2024". Este sistema, dixo, converteu á Coruña e á súa comarca nun referente en xestión do lixo. En Nostián, exemplificou, recupéranse 60 quilos por habitante de envases e papel-cartón, cando as medias galega e española se sitúan en 21 e 30 quilos respectivamente, segundo datos de Ecoembes. No caso dos envases, A Coruña é a sétima capital do Estado na súa recuperación, segundo un recente estudio do Observatorio de Residuos, o que lle proporcionou, por primeira vez este ano, máis de oito millóns de ingresos. Con este traballo en Nostián, ademais, é posible aforrar máis de 2 millóns de euros en enerxía para o Concello. Tal e como indicou Ferreiro, o modelo de Nostián "é un caso excepcional" que "agora toca renovar e reforzar" para situalo no horizonte 2035 das políticas europeas pero tamén para que "o último elo da cadea", a planta de tratamento, responda e estea acorde cos obxectivos dun sistema de xestión de residuos global que "aspira ao horizonte do residuo cero". Neste sentido, o rexedor apuntou que a Concellería de Medio Ambiente traballa para acadar este obxectivo a través de múltiples liñas e niveis, dende as campañas de educación, o programa de festas sostibles, o traballo con colectivos específicos como o comercio e a hostalaría, as iniciativas de compostaxe ou a reformulación do sistema de recollida de residuos a través das bases establecidas do novo contrato. "Todo este traballo non ten sentido se non culmina coas melloras na planta, que é o último elo da cadea", apuntou.

Aposta por Nostián

"A nosa aposta pola planta é clara. Primeiro por proximidade xeográfica, algo que ten que ver non só coa sostibilidade ambiental senón tamén con cuestións económicas e de abaratamento de custes, pero, en segundo lugar, tamén pola propia autonomía dos concellos que levamos 20 anos demostrando unha colaboración eficaz neste tema", dixo, pola súa banda, a titular de Medio Ambiente, á vez que manifestou que "o tratamento da materia orgánica que levamos a cabo en Nostián está a dar bos resultando sendo, ademais, máis económico que outras alternativas que temos enriba da mesa".

García especificou que as melloras que, segundo o Concello, necesita a planta para aumentar a súa competitividade e sostenibilidade suman 42 millóns de euros, que serían asumidas pola empresa adxudicataria da concesión, que se estenderá por un período de 15 anos. "O que pretendemos é que a planta introduza as melloras tecnoloxías dispoñibles, as de maior efectividade contrastada no mercado. Todo isto contribuirá a mellorar todo o sistema de mantemento e reciclaxe, algo que non só é o desexable dende o punto de vista ambiental, senón que tamén aumentará os ingresos que percibe A Coruña e o Consorcio pola recuperación", especificou.

Unha das premisas que terá esta planta é que introducirá as mellores tecnoloxías dispoñibles, "tecnoloxías de maior efectividade e contrastada no mercado para que esa recuperación de envases e materiais contribúa ao mantemento económico de todo o sistema de tratamento, xa que non falamos só da reciclaxe como necesidade ambiental,  senón tamén coma fonte de ingresos". Para iso proxéctase un investimento de case 10 millóns de euros en dúas liñas de tratamento de diferentes equipos de inorgánico "que pretenden incrementar notablemente a recuperación de envases e materiais". No que atinxe ás actuacións de residuos orgánicos, o anteproxecto contempla un gasto de 4,2 millóns en tecnoloxías de separación de impurezas que podan ter este residuo, así como de 6,3 millóns para túneles de compostaxe diferenciados pola calidade do residuo. "Estamos a falar de conceptos moi técnicos pero, para entendernos, o que pretendemos é que a planta teña unha serie de rutas diferenciadas para o tratamento da materia orgánica segundo a súa calidade e presenza de impurezas", apuntou. "Con isto poderiamos conseguir que se producise, ao ano, 48.600 toneladas de compost", indicou. Desa cantidade, 6.700 toneladas serán de compost ecolóxico procedente da pioneira forma de recollida porta a porta a grandes produtores que impulsou o actual executivo municipal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión