Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de xullo de 2017

A Concellería de Medio Ambiente iniciou onte o reforzo de limpeza con auga nos barrios con actuacións en sete espazos da cidade

Este servizo actuará os sete días da semana en horario nocturno en medio cento de prazas así como a súa contorna, dentro das actuacións específicas de mantemento para a época de verán

A Concellería de Medio Ambiente puxo en marcha a pasada noite o plan de reforzo de limpeza con auga nos barrios da cidade, unha medida que se prolongará durante xullo e agosto e que comezou en sete prazas da cidade e a súa contorna, como son a praza de San Andrés, os Xardíns de Méndez Núñez, a praza da Tolerancia, a de Indalecio Prieto, a do mercado de Monte Alto e avenida de Hércules, a praza de Pontevedra e a rúa Pablo Picasso e a zona de aparcadoiros. A medida, que vai na liña do programa integral de mellora do espazo público A Pé de Barrio, vai dirixida a intensificar as actuacións de limpeza no verán, unha época que, como recorda a concelleira desta área, María García, precisa dun esforzo maior por ser cando máis visitantes recibe a cidade e maior produción de residuos se xera, polo maior emprego do espazo público, e busca redobrar o mantemento desas prazas e puntos dos barrios que congregan a maior número de veciños e veciñas, así como preparar os barrios para as súas festas. Estas tarefas súmanse a outras actuacións de reforzo de limpeza iniciadas este mes, como son a brigada encargada da retirada das herbas espontáneas e o reforzo de recollida de residuos na zona centro, ademais do plan de roza en fincas e viais de titularidade municipal.

O reforzo con auga, que se bota a andar por segundo verán consecutivo, supón a posta en servizo de dous camións cisterna e catro profesionais, que  traballarán os sete días da semana en horario nocturno para realizar, de forma semanal e cíclica, esta limpeza en preto de medio cento de prazas de toda a cidade e as rúas do redor, así como noutros puntos nos que se detecte a necesidade de actuar, co obxectivo de que os servizos municipais cheguen de forma equitativa a todas as áreas da cidade. En concreto, as prazas son: San Andrés, Campo de Marte, Indalecio Prieto, praza do Parque, Campo da Leña, praza de Santa María, mercado de Monte Alto con avenida de Hércules, praza de Azcárraga, praza da Constitución, praza da Cidade Vella, xardíns de Méndez Núñez, praza de Pontevedra, praza de Galicia, praza de Recife, praza de Vigo, Mestre Mateo, Parque de Santa Margarita, praza de Monforte, a rúa Ángel Senra, a rúa Barcelona, a praza das Conchiñas, a praza e a rúa Gaiteira, a rúa Claudio San Martín, o parque San Diego, a praza da Cubela, a praza do Tebeo, a de Benito Blanco Rajoy, a praza de Catro Camiños, a de Padre Rubinos, a praza da Sagrada Familia, o parque de Vioño, a praza de Alfonso XII, a praza Elíptica e a da Tolerancia, a praza Torrente Ballester a de Salvador de Madariaga, a de Pucho Boedo, a praza de San Cristóbal, a praza da Concordia, as rúas Pablo Picasso e Salvador de Madariaga e os aparcadoiros, a praza Esteban Lareo, a de Pablo Iglesias e a rúa Alejandro Barreiro Noy.

Na noite deste martes, os servizos de limpeza actuarán na praza do Parque, Mestre Mateo, Santa Margarita, praza de Monforte e retomarán a limpeza da rúa Pablo Picasso e os aparcadoiros, para continuar co resto de emprazamentos ao longo das noites da semana, e reiniciar a limpeza o vindeiro luns.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión