Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de setembro de 2017

A planta de Nostián inicia o proceso previo ás obras necesarias para mellorar a súa eficiencia na recuperación de envases tras obter a autorización municipal

A concelleira de Medio Ambiente pon en valor a solución acadada polo goberno local, “que impulsou o procedemento que logrou licitar en tres meses esta actuación, ante os atrancos da Xunta, cunha actuación que compensará a perda de ingresos do Concello e o Consorcio das Mariñas”

A planta de Nostián vén de iniciar os procesos  de compra e fabricación das pezas previos ás obras dirixidas a mellorar tanto a recuperación de envases e plástico filme como a calidade dos envases recuperados nas instalacións, traballos que se desenvolverán no mes de novembro, tras o convenio asinado en xuño polo ente municipal coa asociación Ecoembes, que engloba as empresas envasadoras de produtos a nivel estatal e coa UTE Albada, que xestiona a instalación de xestión de residuos. O Concello ten autorizado xa esta actuación que, como recorda a  concelleira de Medio Ambiente, María García, levaba  reclamando o goberno local desde o pasado ano, e servirá para compensar a perda de ingresos derivada da baixada dun 16% no importe por envase recuperado que a Xunta de Galicia e Ecoembes fixaron no seu convenio, e que desde o inicio de ano está a supoñer ao Concello e ao Consorcio das Mariñas unha perda de ingresos que supera os 100.000 euros por mes. Os traballos, que veñen de ser adxudicados e que estes días inician os labores previos, suporán melloras na nave de pre-tratamento mecánico, a través da modificación das cribas, cintas transportadoras, separadores de indución, filtros e válvulas, co obxectivo, segundo indica a concelleira, de mellorar a eficiencia nestes procesos e incrementar deste xeito o volume de valorización.

Tal e como avanza a responsable municipal, a renovación neste ámbito estará operativa a primeira semana de decembro, "grazas á axilidade coa que o goberno local logrou atopar unha solución que permitiu licitar o proxecto en tres meses, mediante o acordo subscrito en xuño polo Concello con Albada e Ecoembes, que posibilitará que as obras estean rematadas en menos de medio ano, salvando así a inacción, os atrancos e a falta de compromiso da Xunta e da Consellería de Medio Ambiente coas boas taxas de reciclaxe da Coruña e o Consorcio". Será unha vez concluídas cando o Concello poderá comezar a compensar a perda de ingresos derivada da rebaixa no prezo por envase e plásticos filme co aumento previsto na taxa de recuperación, sinala García, que lamenta o "tempo perdido" polos atrancos neste proceso de negociación e para a licitación, que suporán unha perda de ingresos de máis dun millón de euros. "O lóxico tería sido que a redución do prezo se aplicase unha vez que estaban operativas as medidas de compensación que se prevén no convenio, como é a optimización da planta para o aumento da capacidade de recuperación", observa, e censura que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia "penaliza, con este proceder, a concellos que, como o da Coruña, fan un esforzo e conseguen unhas taxas de separación superiores ao resto de Galicia e do Estado".

Neste sentido, a responsable municipal de Medio Ambiente apela á implicación da veciñanza para seguir mellorando as taxas de recuperación de residuos. "Para mellorar a sostibilidade nos residuos son necesarias dúas vías, a que ten que ver coa colaboración da cidadanía, a través da separación, que permite recuperar os envases, e a que compete ao Concello, que debe seguir apostando pola sensibilización e a educación neste sentido, pero que ten ademais que velar pola modernización das instalacións dunha planta que presenta os índices máis altos de  Galicia en canto á separación de envases ", subliña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión