Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xaneiro de 2019

Os labores de recuperación ambiental na contorna da Torre eliminan 122 metros cúbicos da planta invasora unlla de gato

Os traballos foron realizados mediante convenio de custodia do territorio co Grupo Naturalista Hábitat, que implicou a 226 persoas neste voluntariado ambiental. A edil María García salienta a alta biodiversidade que se concentra neste espazo, que contén a metade das especies da cidade, e reclama á Xunta de Galicia que tramite xa a súa consideración como Espazo Natural de Interese Local que o Concello solicitou hai ano e medio.

A concelleira de Medio Ambiente, María García, fixo esta mañá balance das accións de conservación e voluntariado ambiental levadas a cabo a través dun convenio de custodia do territorio na contorna da Torre de Hércules, da que se retiraron 122,5 metros cúbicos da especie invasora unlla de gato. A edil explicou que o Goberno local ten asinados dous convenios de custodia do territorio co obxectivo de empregar un sistema de xestión dos espazos naturais "implantado a nivel internacional e no que unha entidade adopta un territorio para o seu estudio e conservación". "Dende o Concello quixemos dotar de recursos ás entidades que teñen a sabedoría, os coñecementos para o coidado do territorio e tamén o contacto coa cidadanía e co voluntariado para estimular o efecto multiplicador das accións e tamén a sensibilización e a corresponsabilidade da cidadanía", explicou García. Así, a Concellería de Medio Ambiente asinou convenios de colaboración co Grupo Naturalista Hábitat para a recuperación e sensibilización das áreas afectadas por especies invasoras na contorna da Torre de Hércules e tamén coa Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña para a conservación do bosque autóctono no Monte da Fraga.

As actividades realizadas no marco do convenio co Grupo Naturalista Hábitat leváronse a cabo en 11 xornadas de traballo entre os meses de outubro e novembro nas que participaron 226 persoas, entre veciños e veciñas da cidade, estudantes de catro centro escolares, voluntarios da Oficina de Medio Ambiente da UDC e persoas usuarias do Centro de Inserción Social Carmela Arias y Díaz de Rábago. Durante as horas de traballo, recolléronse de forma manual 122,5 metros cúbicos de Carpobrotus edulis ou unlla de gato, unha especie resistente procedente de Suráfrica, tanto na zona de Punta Herminia, onde se conseguiu eliminar, como ao pé da Torre. A concelleira indicou que este tipo de convenios continúan o traballo que está a realizar o departamento no eido da conservación ambiental, como o estudo da biodiversidade da cidade, na que hai máis de 3.200 especies, ou a declaración de espazos protexidos nos ENIL (Espazo Natural de Interesa Local) das Illas de San Pedro, que xa ten o plan de conservación presentado ante a Xunta de Galicia, ou o da propia contorna da Torre de Hércules, na que tamén se puxo en marcha un plan de segas para favorecer o asentamento das aves. Neste sentido, García lembrou que "ha ano e medio que o Concello da Coruña solicitou vía Pleno a declaración dun espazo protexido no ENIL da Torre". "Non entendermos ese atraso ou, se cadra, esa falta de interese. Sabemos que estamos nun dos espazos máis valiosos da Coruña, con máis de 700 especies diferentes de flora e fauna, 1.400 se consideramos un quilómetro da contorna e o que queremos é blindalo para a súa conservación e a súa posta a disposición pola cidadanía con actividades como esta e moitas outras. Facemos un chamamento á Xunta para que aceleren os trámites porque é un procedemento que debería levar tres meses e levamos ano e medio esperando", censurou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión